08/03/2010 by marioregueira

Por anos de independencia

Veñen de rematar esta fin de semana as I Jornadas de Ediçom Independente na Galiza,  un encontro organizado por Estaleiro Editora e Corsárias que reuniu a distintas voces arredor dunha idea común: hai unha forma distinta de facer as cousas, tanto no panorama editorial, como na distribución e na relación coas persoas que len. Con esa idea foi que se reuniron diferentes colectivos e proxectos para falar das súas experiencias e xuntar puntos de vista, que en ocasións foron máis que diversos, como debera ser sempre neste tipo de encontros. Creo que no noso contexto cultural xa temos bastantes xuntanzas dedicadas á haxiografía ou ao adoutrinamento exemplarizante como para facer unha máis. Así que é unha sorte poder escoitar a perspectiva dos distintos colectivos sinxelamente para ver como poden aprender uns dos outros, copiar as estratexias e seguir demostrando que tamén son posíbeis outras formas de facer cultura neste país. A fin de contas iso é tamén cultura libre, e isto tamén é unha forma de ser independente. Compartir os acertos e advertir dos fallos, máis ou menos a mesma filosofía do software libre.

Non puiden seguir completamente o desenvolvemento das xornadas, e tamén non me foi posíbel participar na súa organización tanto como quixera. A pesar diso, a miña parcial experiencia nestas foi incriblemente produtiva. Non está mal poder contar cunha ventada de aire fresco nun contexto como o editorial, a miúdo guiado por movementos conxuntos e cautelosos e onde a autocrítica está frecuentemente fóra dos horizontes ou sometida aos valores do mercado. Ver que o creative commons pode non ser máis que unha moda progre, pensar nun proxecto independente do que se poida subsistir, falar de mercado dende un colectivo non lucrativo ou anunciar que os (lectores de ) e-books son aparellos sen futuro, son todas cousas que non se ven con frecuencia, e que dan profundas razóns para o debate, e tamén para a reflexión. Naturalmente non foi o único a resaltar, tamén foi moi emocionante escoitar de viva voz como o a historia do hip hop se remonta ao porto dos escravos, pasando polos blues de Nova Orleans. E tamén merece unha mención a recuperación do debate sobre o papel da arte na loita política dende presupostos novidosos que superaron afortunadamente as vellas dinámicas nas que cae sempre este tema.

Ficaron tamén moitas cousas por falar, eu botei en falta unha mesa sobre o software libre aplicado á edición, e tamén un maior protagonismo da perspectiva feminista, presente só parcialmente. En calquera caso, tempo haberá de cubrir ocos e seguir compartindo boas e malas experiencias en futuras xornadas, das que no persoal e no grupal agardo un éxito de convocatoria similar ao desta edición. Por certo, se as contas non me fallan, en 2011 Estaleiro cumprirá 5 anos. Un lustro que non pode evitar lembrarme a este disco mítico, xa de tempos nos que a independencia tamén era parcialmente distinta, pero igualmente inspiradora. A rapaza non fai un corte de mangas, aínda que as interpretacións (e as malinterpretacións) son libres, como debería ser a cultura.

#Cultura libre#Edición#Galiza

Comments

  1. Mr Tichborne
    10 10UTC março 10UTC 2010 - 00:30 12Wed, 10 Mar 2010 00:30:29 +000029.

    Por suposto que a moza NON fai un corte de mangas

    http://en.wikipedia.org/wiki/File:We_Can_Do_It!.jpg

    Vén dun cartaz de propaganda americano durante a 2ª Guerra Mundial, irónico que sexa unha imaxe de Esan Ozeki.
    Pois que a independencia cumpla moitos máis!

  2. Mario
    10 10UTC março 10UTC 2010 - 02:29 02Wed, 10 Mar 2010 02:29:59 +000059.

    🙂
    Podemos asegurar case nun cento por cento que a intención do autor non era un corte de mangas, pero tamén sigo crendo que a interpretación última depende do receptor, así que dou por boas todas as que colocaron o corte de mangas, que me consta que non foron poucas.
    Non vexo tanta incongruencia en que Esan Ozenki a empregase. É certo que a orixe da imaxe non é moi coñecida, eu mesmo lla teño explicado a xente que a levaba en chapa ou a tiña nun cartaz no cuarto e sempre tiveron unha reacción próxima ao desencanto ou á frustración. A pesar diso, os Estados Unidos pre-macartistas conservaban boa parte dos seus ideais revolucionarios, hoxe practicamente extintos. Estaban na Brigada Lincoln, no movemento obreiro, e probabelmente na implicación antifascista de moitos artistas e intelectuais durante a II Guerra Mundial. Nada que ver coa Guerra Fría, claro.

  3. Mr Tichborne
    11 11UTC março 11UTC 2010 - 19:10 07Thu, 11 Mar 2010 19:10:25 +000025.

    Moi bo apuntamento, Mario.
    O resultado é irónico, quixen referir, mais non incongruente. Unha obra é tamén o seu contexto, e esa muller nunha portada dun disco de rock ten un significado totalmente diferente. A miña moza tiña ese cartaz na parede e de certo que non tiña nin idea da súa orixe, para ela era outra cousa.
    Que máis ten! We can do it!

Comments are closed.

; >

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies