28/04/2018 by marioregueira

Roald Dahl e as vacinas

Como todos os anos, a OMS declarou a última semana de abril como Semana Mundial da Inmunización, este 2018 co lema “Protexidos colectivamente. As vacinas funcionan”. Nun ano marcado polo comportamento irresponsábel de certos representantes políticos, é boa idea lembrar algúns dos principios polos que as vacinas seguen a ser a mellor opción coñecida.
Para isto, decidín recuperar e traducir a carta aberta de Roald Dahl de 1988 sobre o tema. A pesar da súa antigüidade, por desgraza, moitas das cousas que di o escritor galés continúan sendo aplicábeis hoxe e, de feito, ten gozado dunha renovada popularidade a través da rede nos últimos anos. Tamén nos devolve unha perspectiva que temos esquecida, e que moita xente relaciona coas actitudes retrógradas que se opoñen á vacinación: temos tan normalizado un mundo sen o efecto de certas enfermidades que podemos pensar que sempre foi así. Pero non o foi, houbo un tempo no que morrer ou quedar con graves secuelas polo sarampelo, a polio, a varíola ou outras enfermidades era o máis normal do mundo. Así o conta Roald Dahl:

Sarampelo: unha enfermidade perigosa

Olivia, a miña filla máis vella, colleu o sarampelo cando tiña sete anos. Mentres a enfermidade desenvolvía o seu curso normal, lémbrome léndolle a miúdo na cama, sen sentirme especialmente alarmado por ela. Entón, unha mañá, cando estaba camiño da recuperación, eu estaba sentado na súa cama amosándolle como facer animaliños de fíos de cores, entón chegou a súa vez de facer un e notei como os seus dedos e a súa mente non estaban a traballar conxuntamente e non podía facer nada.

“Sénteste ben?” Pregunteille.

“Estou con sono”, dixo.

Nunha hora, estaba inconsciente. En doce horas estaba morta.

O sarampelo convertérase nunha cousa terríbel chamada encefalite por sarampelo e non había nada que os médicos puidesen facer para salvala. Foi hai vinte e seis anos, en 1962, pero mesmo agora, se unha crianza con sarampelo desenvolve a mesma reacción mortal da enfermidade que Olivia desenvolveu, segue sen haber nada que a medicina poida facer para axudala.

Por outra banda, hoxe hai algo que os pais poden facer para asegurarse de que este tipo de traxedia non aconteza a un dos seus nenos. Poden teimar en que as súas crianzas estean vacinadas contra o sarampelo. É algo que eu non puiden facer por Olivia en 1962 porque naqueles días aínda non fora descuberta unha vacina fiábel contra o sarampelo. Hoxe, todas as familias teñen ao seu dispor unha vacina segura e confiábel e o único que tes que facer é falar co médico para que a administre.

Aínda non é algo maiormente aceptado que o sarampelo poida ser unha enfermidade perigosa. Creme, si que o é. E na miña opinión os pais que rexeitan vacinar os seus fillos, están poñendo as súas vidas en risco. En América, onde a vacinación contra o sarampelo é obrigatoria, esta enfermidade, así como a varíola, foi virtualmente erradicada.

Aquí en Gran Bretaña temos aínda centos de casos de sarampelo todos os anos, xa que moitos pais e nais rexeitan, ben sexa por obstinación, ignorancia ou medo, que os seus fillos sexan vacinados. Ademais disto, máis de 10.000 sufrirán efectos secundarios dun xeito ou doutro. Polo menos 10.000 desenvolverán infeccións de oído ou de peito. Uns 20 deles morrerán.

ENTENDAMOS ISTO.

Cada ano máis ou menos 20 crianzas morrerán en Gran Bretaña de sarampelo.

Así que, cales son os riscos que afrontan os teus fillos por ser vacinados?

Son case inexistentes. Escoita isto. Nun distrito de máis ou menos 300.000 persoas, hai só un neno cada 250 anos que desenvolverá efectos secundarios serios pola vacina do sarampelo. Isto vén sendo unha posibilidade de unha contra un millón. Penso que hai máis posibilidades de que a túa crianza poida morrer atragoada por un chocolate que de poñerse seriamente enferma pola vacina do sarampelo.

Entón que demos é o que che preocupa? É practicamente un crime deixar que o teu fillo continúe sen vacinar.

O tempo ideal para facelo é aos 13 meses, pero nunca é tarde de máis. Todas as crianzas en idade escolar que aínda non recibisen unha vacina contra o sarampelo, deberían pedirlles aos seus pais que lla procuren o antes posíbel.

Por certo, dediquei dous dos meus libros a Olivia. O primeiro foi “Iago e o pexego xigante”. Iso foi cando aínda estaba viva. O segundo foi “O Bon Xigante Amigo”, adicado á súa memoria despois de que morrese de sarampelo. Verás o seu nome ao comezo de cada un destes libros. E sei o feliz que sería se puidese saber que a súa morte axudou a aforrar un bo número de mortes e enfermidades entre outros nenos.

#Ciencia e tecnoloxía#Escepticismo#Literatura#Roald Dahl#Vacinas

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies