30/04/2016 by marioregueira

Sorte

Four Leaf Clover, orixinal da usuaria de Flickr Claire –CC BY-NC-ND 2.0

Non é unha palabra que empregue a miúdo, precisamente por iso me sorprendín a min mesmo repetíndoa case a diario durante a miña viaxe polo norte da Gran Bretaña. E non de calquera xeito, senón como final de conversación, case como substitutiva das fórmulas de despedida. Non diga adeus nin até logo, diga sinxelamente sorte.

Algo que xa sabía, pero que se fixo especialmente notábel eses días foi a cantidade de xente que temos fóra. En todos os destinos, procurada ou por azar, acababa falando cunha persoa da Galiza. Un par de correos chegan para confirmar que aquel vello coñecido de Ferrol está traballando en Manchester, que outra procura emprego en Liverpool e que algunha máis trata de ampliar estudos en Escocia. Unhas pintas axudan a crear unha breve pero intensa sensación de fogar. Polo medio, as inevitábeis historias, case todas cun punto de inflexión situado no final da década pasada, a crise xeral, pero especialmente a crise cultural da Galiza arrasando como unha riada invisíbel con vidas e proxectos. Nunca cansaremos de repetir que non defendemos só a lingua e a cultura galega por amor, senón porque era unha fonte de riqueza material que os gobernos da dereita se encargaron de destruír.

Xigantes Parados

Xigantes parados, orixinal do usuario de Flickr termitero gnu –CC BY-NC-SA 2.0

Do outro lado os casuais. A maior parte das veces en pubs e restaurantes, alguén do persoal que te escoita falar e que che pregunta timidamente de onde es. Galician, contestas, agardando a cara de confusión ou as preguntas que sempre seguen a esa afirmación. Pero o que atopas é un sorriso e uns ollos brillantes. Eu tamén, de que parte es? Non me sorprende seguir atopando ferroláns e ferrolás. Despois de todo, como comentaba alguén, a xente que falta na nosa cidade tivo que ir para algún lado, non puido evaporarse sen máis. Galiza é unha das rexións europeas co paro máis alto e cunha poboación máis envellecida, unha tendencia que se afianzou durante os dous últimos gobernos de Feijoo pero que, como na época franquista, non ten en conta nos seus cálculos as persoas que faltan. As persoas que faltan explican o envellecemento prematuro e converten os datos do paro nun auténtico escándalo. Seguramente son unha parte do mellor do país. Xente disposta a axudarche, que che pregunta se tamén vas ficar na cidade, que sabe onde conseguir cervexa galega e que che regala tarxetas de teléfono para que ti tamén poidas chamar á casa. Persoas que gardan un orgullo estraño e primario polo país que deixan atrás, mergullado nas sombras. Se sodes da Galiza non vos compensa subir ás Highlands, non son mellores que as nosas paisaxes.

Good Luck From London

Postal dos anos corenta publicada por Rescued by Rover –CC BY-NC 2.0

Para algúns pobos a migración foi un accidente histórico, unha fase na que poboar terras afastadas ou participar na construción de novos países. Para nós é un clásico, unha tendencia que nunca pasou de moda. O barco negreiro do que falaba Otero Pedrayo segue a funcionar, aínda que os escravistas refinasen os seus métodos. Os galegos que se atopan nunha taberna e que se toman por estranxeiros até que dan en entoar unha cantiga seguen perdidos polos pubs do norte. Todas as historias do século pasado seguen servindo hoxe. Só hai que adaptalas un pouco.

Teño, como todo o país, unha lembranza precisa das penurias que as distintas ramas da miña familia atoparon nas súas migracións. A confusión dunha lingua estraña, as humillacións que sofre todo traballador estranxeiro. A saudade da familia e do que non é a familia. Os comezos difíciles e as case inmediatas incertezas polo futuro. O retorno como un deber ou como unha tentación. Non sei como se despedirían os migrantes da nosa terra hai cen anos. Ao mellor mencionaban santos católicos ou engadían un épico Terra a Nosa no final da conversa. Eu desexo sorte. Gustaríame dicir que haberá regreso, que vamos tumbar estes ladróns e recuperar o país, que volveremos atoparnos paseando polas rúas de Ferrol ou Compostela. Que entraremos polas portas da Galiza en hordas, como quen asalta un castelo. Pero só consigo erguer a man e pensar na dureza da nova vida. E desexo sorte. Aínda que tamén me pregunto se non serán eles quen deben desexarma a min e a todas as persoas que van ficar neste país desfarrapado.

#Activismo e resistencia#Cotidiano#Emigración#Gran Bretaña

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies