02/03/2016 by marioregueira

A luz nos ollos

Adaptada da orixinal de Carl Jones – CC BY-NC 2.0

Tal e como eu o lembro, non abrín o meu primeiro blogue o día do meu aniversario, aínda que non podo negar que sempre empreguei este día para reflexionar e para facer as contas. Cando as listas da wikipedia eran unha novidade, lembro empregalas para recopilar todas as cousas que aconteceran un dous de marzo. O día que naceu Lou Reed e o día que marchou Philip K. Dick, do que lin nalgunha parte (que non atopo e que igual nin é certa) que estivera obsesionado coa data desde anos atrás. Miña nai sempre conta que escollín nacer tarde, media hora antes da media noite, algo que na familia sempre se relacionou cos meus impulsos festeiros e noctámbulos. Tamén pode ser que o 3 de marzo, día de nacemento de Eladio Fernández e Marino Dónega, entre outros, e día de pasamento de Pachelbel o do canon, non me dixese nada do punto de vista cultural. Quen pode competir con Lou Reed ou Philip K. Dick? Ben, David Bowie. E con ambos, pero xaneiro xa pasara e ficaba lonxe de máis.

En calquera caso hoxe cúmprense demasiados anos do meu nacemento e un ano do traslado deste blogue á súa nova casa. Non nego que foi un ano difícil. Un día estaba preparando un risotto para unhas rapazas e escribindo cousas indignadísimas sobre Filgueira Valverde e ao día seguinte, e durante moitos meses, estaba participando en asembleas e entrando na tensión dos traballos hercúleos, con xornadas de tantas horas que farían estremecer o vello Engels. Neste ano defendín a miña tese sobre o campo literario galego da posguerra, ou sobre Galaxia, dependendo das fontes. Neste ano… non podo dicir moito máis. Atopei vellos amigos, escribín algunhas cousas, resolvín outras, tiven saudades “por poderes” de Barcelona e doutro tempo máis doado, botei de menos a moita xente e tiven algúns dos días máis estraños da miña vida (unha tendencia que, sospeito, continuará). En certo sentido, despedino o domingo pasado, lembrando poetas punks na Coruña, que é sempre é unha forma excelente de pechar os ciclos. Penso que todo foi para ben, pero recibo esta idade cunha certa sensación de tempo perdido, seguramente porque foi moito o que esixiron as tarefas de min este ano. Cumpro os anos que tiña meu pai a primeira vez que eu lle preguntei os anos que tiña. E nunca esquecerei a sensación de que eran moitos, moitísimos, demasiados.

Para outro día quedan as reflexións debidas sobre este blogue, sobre esa cidade fantasma na que se converteu (ou na que convertemos) o blogomillo, sobre o discurso da raíña, ou sobre a literatura destes días e o seu hipotético futuro. Hoxe só quero lembrar, como fixen hai moitos anos, nun dominio que non levaba o meu nome, a lembranza desta sorpresa, desta luz da vida que insiste, tanto tempo despois, en seguir golpeando os ollos.

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies