23/02/2016 by marioregueira

Rúa Álvaro Cunqueiro

Estatua de Cunqueiro na Coruña – Adaptación da imaxe de J.L. Cernadas Iglesias – CC BY 2.0

Sorprendeume nos últimos meses a campaña na defensa da rúa que Álvaro Cunqueiro ten en Madrid, especialmente polos tópicos que resucita ao falar do mindoniense. Os argumentos resaltan o seu traballo a favor do Estatuto da Galiza (1936) e a súa militancia no Partido Galeguista, e desculpan o seu achegamento á extrema dereita aludindo a un momento de debilidade que quedou purgado de sobras co seu posterior traballo literario.

Pode ser certo que a figura do ditador non lle dixese gran cousa ao fabulador de Mondoñedo. Porén, iso é un simple detalle que non se move dun certo referente persoal. Que Cunqueiro abxure de Franco no final do franquismo é un detalle puntual, a súa ideoloxía, desde os primeiros días do Partido Galeguista até os anos oitenta, móvese nunha liña claramente reaccionaria que só moi relativamente discrepa coa do falanxismo (hai que lembrar que o falanxismo da revolución social tamén cae en desgraza baixo a ditadura). A diverxencia de Cunqueiro é territorial e fala do papel da Galiza, á que considera a súa identidade étnica e da que reivindica, até moi tarde, o seu papel privilexiado na constitución dunha supra-identidade española e dunha Europa cristiá á que chega a aludir fugazmente como a súa verdadeira nación. Aínda que esta vocación pro-galega nos tocou dunha forma moi importante, resulta absurdo desvinculala de todos os seus matices ideolóxicos, moi semellantes aos que outros falanxistas históricos fixeron valer en relación á diversidade do Estado español. Da mesma forma resulta moi inocente pensar que, nun Partido Galeguista no que acontece unha escisión dereitista no ano 36, esa corrente de pensamento non tiña os seus propios simpatizantes, e que moitos deles non tiveron maior problema en sumarse ao levantamento fascista.

Placa na casa natal de Mondonhedo - Adaptada da orixinal do usuario de Flickr madeira_de_uz - CC BY-NC-SA 2.0

Placa na casa natal de Mondoñedo – Adaptada da orixinal do usuario de Flickr madeira_de_uz – CC BY-NC-SA 2.0

Cunqueiro sae do Madrid no que hoxe ten unha rúa no ano 1947. Deixa de ser un xornalista afín ao réxime e ben situado na capital para volver ao seu Mondoñedo natal. Hai quen marca xa nese ano a súa caída do cabalo e o seu afastamento do franquismo como ideoloxía. O certo é que non está moi claro que é o que leva ao mindoniense a volver á casa, pero a hipótese da discrepancia ideolóxica é a última que se baralla. Un desfalco realizado a un xornal ou unha estafa a un diplomático son as primeiras pistas. Cunqueiro é expulsado da Falange e ten que marchar da capital, pero a súa falta de entendemento co franquismo está lonxe de ser unha ruptura ideolóxica. En todo caso, non deixa de ser unha versión persoal e rápida doutros afastamentos progresivos dunha parte da extrema dereita española, que comeza a ver no réxime de Franco unha ditadura burocrática que traizoa os horizontes da revolución social e nacional que agardaban. Non pode negarse, porén, que o regreso a Galiza é tamén un regreso á lingua galega e que, nese sentido, o seu papel na recuperación posíbel dun contexto arrasado literalmente polo fascismo foi fulcral. Cunqueiro dá algunhas das mil primaveras que pon como obxectivo para a nosa literatura.

A pesar diso, o mindoniense non deixou de manifestar o seu clasismo e o seu racismo ao longo de toda a súa traxectoria. Que nalgún momento fale da falta de conexión co franquismo é un simple detalle. Nos anos sesenta maniféstase en contra da independencia das colonias africanas e de que o voto na ONU desas novas nacións chegue a valer o mesmo que o dun país europeo. Nos anos setenta ao ser preguntado pola súa participación nunha antoloxía bélica en homenaxe a José Antonio Primo de Rivera, apunta que o poema é malo, pero que non pode avergoñarse por cantar as glorias dun mozo que morre polas súas ideas. Entre os rumores non comprobábeis está tamén a historia na que pide que desparasiten a caseta da Feira do Libro na que ten que asinar, pois antes ca el asinou Marcelino Camacho, deputado comunista naquela altura. Non cabe dúbida de que, se o autor xa non se consideraba franquista, non era porque o seu pensamento reaccionario minguase un ápice.

Detalle da estatua de Cunqueiro en Mondoñedo - Orixinal de Saúl Rivas - CC BY-NC-SA 2.0

Detalle da estatua de Cunqueiro en Mondoñedo – Orixinal de Saúl Rivas – CC BY-NC-SA 2.0

Son méritos suficientes para que figure na lista de franquistas que deben desaparecer do mapa das rúas de Madrid? O certo é que se Cunqueiro non fose galego a súa defensa sería moi difícil de sustentar por moitas das persoas que se aventuraron nela. Por outra parte, a maior parte das voces que saen na súa defensa empregan o argumento do medo e do “falanxismo conxuntural” con demasiada lixeireza. Non podemos pedirlle a ninguén que non cometa erros, tampouco que se autoinmole no medio dunha guerra, pero a cultura galega está demasiado afeita a desculpar alegremente os que, dunha forma ou doutra, acabaron integrados, máis aló da conxuntura, na grande maquinaria franquista, aproveitándose económica e socialmente dela. Que Cunqueiro tivese que saír precipitadamente desa maquinaria tras dez anos de colaboración é un acaso que non pode converterse nun acto heroico. Poñer esa escaramuza á altura de moitos autores que naquel momento estaban na prisión ou resignados a un exilio sen fin é algo aínda peor e contribúe a falta de perspectiva histórica que a nosa cultura segue a exercitar cada vez con máis intensidade.

Non cabe dúbida de que a rúa de Cunqueiro é defendida por galegos de esquerdas que tratan de aferrar algo que vai máis alá da propia figura do mindoniense. Unha representación cultural da Galiza na capital de España, un recoñecemento da nosa cultura esquecida polo centralismo. Ou a maxia e a gastronomía como cénit identitario galego, algo do que tamén habería moito que falar e que, non por acaso, mobiliza tamén o goberno de dereitas que hoxe ocupa a Xunta de Galicia. O desencontro é evidente e non deixa de ser, de novo, unha tensión territorial. Cunqueiro en Madrid é un escritor franquista de provincias que gañou un premio Nadal. Cunqueiro na Galiza é o rexenerador de toda unha literatura esganada por un levantamento militar no que, ironicamente, colaborou cun idealismo reaccionario que o sobordaba. Por desgraza, só no segundo caso cabe preguntarse se a obra do mindoniense redime parte dos seus erros persistentes. E moitas persoas nin sequera estaríamos seguras da resposta a esa pregunta.

#Activismo e resistencia#Álvaro Cunqueiro#Literatura galega#memoria histórica

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies