08/03/2013 by marioregueira

Non debes chamarte nunca española

Diciámolo no manifesto de hai dous anos, Rosalía ultrapasa coa súa obra os horizontes políticos nos que estaba socialmente inserida. Nun momento no que os admiradores da revolta provincialista de 1846, de corte liberal, configuran un novo movemento que se chamaría Rexionalismo, máis cohesionado pero aínda lonxe das apostas federalistas e nacionalistas, Rosalía acuña na súa poesía conceptos que anos despois faría seus o independentismo. Faino marcando a relación de opresión de Castela cara a Galiza, e faino negando por primeira vez nas nosas letras a unidade da patria hispánica. “Probe Galicia, non debes chamarte nunca española, que España de ti se olvida cando eres, ¡ai!, tan hermosa”. O salto, aínda na simple retórica, é de xigante.

A partir de aí as interpretacións son múltiples e, até certo punto o seu debate é san dentro de calquera sociedade. Pensar en que medida Rosalía ergue unha proclama política real ou eleva unha pequena queixa contra o desleixo do centralismo castelán é unha cuestión interesante que merece ser discutida. O que non resulta críbel é pensar que a súa figura e a súa obra non teñen nada que ver con movementos políticos que anunciou e predefiniu de xeito claro e innegábel. Por outra parte, o debate sobre se hoxe Rosalía sería nacionalista ou non é baldío e enganoso. Pouco importa que unha imaxinaria Rosalía se definise como nacionalista ou independentista no século XXI, o que está claro é que sen ela non existiría o nacionalismo galego, ou non existiría na forma na que o fai, e que a súa obra poética estará sempre ligada indisolubelmente a este.

Da mesma forma que acontece dende hai anos con Castelao, a dereita españolista pretende colonizar as figuras que máis a combateron en vida. O debate sobre a interpretación política dos nosos autores é periodicamente reducido ao absurdo. Non sabemos que carné terían Rosalía e Castelao en vida, pero resulta moi difícil pensar que puidesen ter o do partido que hoxe ten o poder autonómico. Que o Partido Popular se empeñe en seguir facéndoos figurar como comparsas do seu xogo político responde sen dúbida a un intento de despolitizalos, de usurpar a súa aínda vixente popularidade, e tamén á carencia de referentes propios que presentar ante o pobo. Da mesma forma, a escolla dunha autora monolingüe en castelán que forma parte dunha asociación antigalega é a última ultraxe que restaba a unha figura que segue a ser fundamental para unha parte importante da nosa sociedade.

De Marta Rivera de la Cruz encántame sobre todo a candidez. É a mesma que ciclicamente acusa aos autores galegos de forrarse co “negocio” da cultura (vexan esta acusación de onte a Calveiro), a mesma que fai valer que todas as voces desconformes son unha manobra política do Bloque (axudado por xudeus e masóns, supoño), ou a que acusa un acoso comparábel ao dos “borrokas” porque hai xente á que non lle parece a figura máis axeitada para o acto de hoxe. Unha auténtica mágoa que, co nivel ao que brilla a literatura galega de hoxe, o partido de Feijóo prefira baixar así o listón con tal de continuar a súa longa cadea de provocacións.

Teñan coidado, escriban claro e deixen bos testamentos, non sexa que dentro de cento cincuenta anos algún oportunista político lles plante bandeiras políticas e lingüísticas que hoxe lles provocarían urticaria.

#Activismo e resistencia#Cotidiano#Literatura#Rosalía

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies