25/10/2012 by marioregueira

Paisaxe despois da paisaxe

Non pretendo facer do blogue un monográfico sobre as eleccións, aínda que supoño que o tema seguirá dando voltas un tempo até que comece a cansar aos máis, incluído eu. A fin de contas non facemos outra cousa que lamber as feridas e facer historia-ficción cara a atrás, ante a imposibilidade de poder facela cara a adiante coa mesma forza que antes. Hoxe esperto cun artigo de Anxo Quintana, errático coma moitos outros que autoavalían estes días o declive do Bloque, pero ao que polo menos se pode retrucar sen dicir obviedades.

Comezo polo final, porque é ben certo que a forza do proxecto soberanista catalán parte dunha perspectiva integradora, un catalanismo “para toda a sociedade” que permite que de esquerda a dereita exista unha identificación cunha idea nacional contemporánea. Porén, a comparación das realidades catalá e vasca coa nosa é tan frecuente como errada no seu fondo. O feito de termos unha lingua nacional e historias máis ou menos parellas como comunidades oprimidas polo mesmo nacionalismo imperialista, non pode facernos fechar os ollos ante as tremendas diverxencias dos distintos proxectos, dos que o galego representa o máis diferente e particular. Só o prexuízo e un certo chauvinismo impide comparar o nacionalismo galego e as súas circunstancias con outros movementos sociais do Estado español ligados a cuestións identitarias ou territoriais e cos que, salvando a distancia de non teren unha lingua distinta, teríamos moito máis en común. O nacionalismo galego está asociado dunha forma evidente a unha clase social determinada e a unha orientación política concreta situada na ampla cartografía da esquerda.

Non se quere dicir con isto que non exista un nacionalismo alternativo, aínda que dende sempre, ou polo menos nos últimos vinte anos, permaneceu en posicións marxinais ou minoritarias. Hai unha lenda popular que se escoita a miúdo sobre que a solución do problema galego pasa por un nacionalismo de dereita ou de centro-dereita. Ben, romper a maioría estrutural do PP cunha división sería positivo dentro da catástrofe, e nese campo da historia-ficción, podemos velo como algo desexábel. Porén ou se produce unha ruptura nas filas populares que arrastre nichos de votos (moi complicada dende o éxito electoral) ou esa opción quedará para sempre en posicións de irrelevancia. Non é certo que non exista un nacionalismo alternativo á esquerda. Existe, e historicamente ten até unha construción intelectual e histórica relativamente sólida. E non só existe senón que leva presentándose ás eleccións ininterrompidamente dende a fin do franquismo, baixo distintas formacións e propostas e cuns resultados que, quitando a excepción conxuntural de Coalición Galega, non serviron nunca para obter representación. A realidade é que a aposta dun nacionalismo que non estea ligado dunha forma determinante á esquerda existe, pero non recibe votos. Na entrada anterior non falamos do resultado de Compromiso por Galicia, pero sería un exemplo máis desta dinámica, o enésimo intento de procurar o unicornio branco que permita cadrar a realidade galega co deseño feito polas irmás vascas e catalás. Moito traballo e moi arduo lle queda á nova formación se pretende constituír unha alternativa sólida, sobre todo tendo en conta que, cunha dereita españolista en situación crítica, non conseguiu mobilizar aos votantes para fóra do PP ou da abstención, nin sequera contando cun valor procedente do clan Cuíña.

A aposta de eliminar o protagonismo da esquerda da ecuación do nacionalismo galego, sexa de forma exclusiva ou sexa de forma convivencial, está condenada, hoxe por hoxe, ao fracaso. E aínda que é certo que algo de lexitimidade lle restará a Quintana, sobre todo agora que por fin deixou de ser o record negativo nos resultados electorais do Bloque, non podemos validar agora que o abrandamento do perfil político do Bloque servise para outra cousa que para comezar a catástrofe. Non quero glorificar os resultados de 1997 porque, alén de que non serviron para nada máis que para cimentar unha ilusión baleira e unha sensación falsa de forza, tiveron causas conxunturais que os fixeron posíbeis. Que o apoio ao nacionalismo galego (e non só a Beiras) aumenta coas ofensivas españolistas, por exemplo.

Porén, detrás do fulgurante crecemento do Bloque nos oitenta e noventa hai unha serie de factores que foron a clave de que pasase de ser un partido marxinal a ser unha forza hexemónica. O primeiro, que se presentaba como un partido cun compromiso de esquerdas sólido que manifestaba un apoio forte ás clases populares e se identificaba e implicaba nos seus problemas de forma directa. É algo que unha persoa de Allariz debería saber, da mesma forma que o sabemos os ártabros, que vimos no nacionalismo galego un apoio a loita do naval nun momento no que o PSOE facía a enésima traizón á clase obreira. A nefasta xestión deses movementos sociais nos últimos anos (Nunca Máis ou a oposición a Reganosa, por citar só dous) ou o divorcio directo e explícito con moitos deles supuxo unha evidente perda de activos sociais da que o propio Beiras advertiu antes da súa marcha. Un dos grandes méritos da Alternativa Galega de Esquerdas foi precisamente recuperar o pulso dos problemas populares e implicarse coas preocupacións da xente da rúa. E o máis difícil foi que o fixo nunha marxe moi curta do tempo sen que parecese que o facía coa vista fixa nas urnas, fortalecendo a confianza que xa xeraban os seus candidatos.

Un segundo elemento clave é que a percepción do Bloque como un partido limpo, sen intereses electoralistas nin redes clientelares e cunha relación de oposición ao poder, desapareceu tras o seu paso polo goberno. Alternativa Galega de Esquerdas recupera esa imaxe, polo menos de momento, e atrae o voto do electorado máis crítico. Que os novos movementos antisistema comezasen a contar co BNG entre os seus obxectivos a carón do PSOE e do PP, debeu ser o primeiro sinal de alarma de que o paso polo poder, presentado no seu día como unha grande vitoria a pesar da perda de votos, foi mal xestionado e deixou a imaxe do partido tocada.

Con todo isto en conta, se cadra si chegue o día no que crear un nacionalismo non enrocado na esquerda. É un ideal que non comparto pero que me parece respectábel como horizonte a longo (moi longo) prazo, por máis que eu teña o meu propio, porén non é intelixente como lectura inmediata, nin serve para solucionar ningún dos aspectos da crise actual. O papel político do nacionalismo ten que manterse nun equilibrio moi complicado de conseguir, moito máis tendo en conta que nunca se procurou de forma consciente a activa: está a medio camiño entre a responsabilidade política de formar parte de gobernos amplos para expulsar á dereita e a distancia crítica que lle permita facelo sen perder a conexión cos movementos sociais e as expectativas do seu electorado. Un electorado que, mentres non se demostre outra cousa, está profundamente vinculado á esquerda crítica. E sobra dicir que o Bloque estaba moito máis perto disto con Beiras dentro que con Beiras fóra.

#Activismo e resistencia#Cotidiano#Galiza

Comments

  1. dedoscomovermes
    26/10/2012 - 00:26

    que bem explicadinha a minha deserçom! concordo totalmente.

  2. Mario
    26/10/2012 - 13:56

    E de tanta xente, unha mágoa que sigan vendo a digievolución a unha CiU galega como a solución, ou unha conspiración de forzas invisíbeis comandadas por Beiras como o problema.

  3. dedoscomovermes
    26/10/2012 - 15:39

    haveria que mudar o popular lema criado por séchu sende e passá-lo a um “eu nunca serei CiU”, a ver se o percebem…

Comments are closed.

; >

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies