20/11/2010 by marioregueira

Manoel Antonio

Como son un persoa moderna non direi que hai días nos que aínda podo atopar unha noticia que me alegre no xornal. Mais ben que hai días nos que o meu lector de sementes rss dá por facer saír algunha boa nova que xustifique algún dos seus centos de suscricións. A de onte foi espectacular, tanto que a mágoa retrospectiva que implica, e da que vou falar hoxe, non chegou aínda para apagar o entusiasmo.

Porque agora sabemos que Manuel Antonio non só estaba secuestrado, senón que alguén impostara a súa voz, reducírao e lle imposibilitara o movemento. Non só secuestrado, senón atado de maos e pés. A retención por parte de García-Sabell do seu arquivo excede o que moitos agardabamos, esperanzados de que só se tratase de correspondencia máis ou menos anecdótica que non achegase moito máis á figura do poeta de Rianxo. Porén só á vista dos trechos publicados, só a vista das descricións e das novas perspectivas, parece que estamos perante algo moito maior, unha parte importante do seu pensamento e do seu traxecto vital. De especial importancia é o declarado independentismo do poeta, que corrobora esa “futura República Galega” que xa aparecía no manifesto Máis Alá, e que segundo a propia nova motivou o secuestro, atadura e amordazamento do que foi o poeta máis rompedor do século XX galego.

A luz que se deita sobre os feitos e motivacións desta retención é terríbel e vai máis alá da súa simple consideración dun acto de censura. Unha vez máis, e dun xeito que caracterizou ao grupo de homes que se puxeron á fronte do proxecto de Galaxia nos anos 50 e 60, atopámonos fronte a un marcado paternalismo na construción do noso país como unha comunidade cultural. Non se opta pola confrontación política das ideas, senón que se pasa á opción máis cómoda de silencialas ou substituílas por unha versión morna, dun xeito non demasiado diferente ao que anos despois os partidos estatalistas empregarían co outro rianxeiro. Esta censura e manipulación baséase no medo, medo terríbel ás ideas, moito máis grave se nos detemos a pensar en que Manoel Antonio foi esencialmente, e durante toda a súa curta vida, mariñeiro e poeta. É dicir, que nin sequera estamos ante un elemento político ou un líder sindical que puidese convocar ás masas á acción directa. Trátase do medo cerval que homes de cultura e que supostamente traballaban para unha reconstrución cultural tiñan ao simple enunciado dun postulado arredista. Tanto medo que creron na necesidade de ocultarllo ao resto das persoas do país.

García-Sabell non nos rouba só uns cantos documentos que confirmen que Manoel Antonio era un dos nosos, arríncounos unha parte da nosa historia e do noso desenvolvemento. O conflito de Galaxia cos autores novos, as distintas fundacións da UPG, o paso pola transición, o estatuto e o xurdir do independentismo contemporáneo non serían iguais coa sombra deste outro rianxeiro dicindo xa no albor dos tempos que “Cogito ergo sum. Hespaña non pensa, logo non existe”, ou que “cando a Patria sofría escravitude os nosos pais dedicaban-se a celebrar iste día con artigos xogo-floralescos”. Rompente e Os Resentidos non serían os mesmos, nin o movemento Nunca Mais, nin a sombra do bipartito. Porque a historia é unha cadea da que nos foron esquilmando elos que predeterminaban cada un dos seguintes.

E se non xa das palabras dun poeta dos anos vinte, se cadra si poidamos aprender tres ou catro cousas da experiencia. Que non debemos consentir que as vontades paternalistas (que como a nosa desgraza, permanecen) amansen o país nunca máis. Que non debemos ter o medo dos covardes ás ideas. Que un senador real non ten autoridade para soster sequera as maletas dun poeta. Que algún día, nunha república libérrima…

(A ilustración está tirada do famoso álbum de Flickr).

#Activismo e resistencia#Galiza#Literatura

Comments

  1. Mr Tichborne
    20/11/2010 - 12:52

    A nova é abraiante. Se é certo o que se di, excede moito de correspondencia, bosquexos ou escritos descartados polo propio escritor, e lévanos á conclusión que unha boa parte de Manoel Antonio nos era oculta. Ben sexa por unha incrible neglixencia ou desleixo, ben por medo. Porque si, como ben dis, un poeta e mariñeiro pode dar moito medo e pode convocar movementos moi incómodos. Un medo moi razonable.
    E isto non o fixeron os grises, o Estado, Franco ou a Falange… fixérono “os nosos”!

  2. A Raíña Vermella
    21/11/2010 - 17:43

    Se peco de algo é de optimista irredenta antes ca de pesimista, pero neste caso, a nova déixame un regusto agridoce. Penso que, a pesares da publicación dos escritos, a censura de García-Sabell acadou, despois de todo, parte dos seus obxectivos. Canto tempo pasará, se é que se consegue, até que a verdadeira obra de Manuel Antonio sexa ensinada nos colexios, por exemplo? Durante cincuenta anos, a imaxe do poeta foi fixada no imaxinario colectivo de determinado xeito, amputado e parcial, e non será doado recompoñela.
    Está claro que hai quen ten maneiras fascistas aínda que se diga “dos nosos”…

  3. m.n.t.
    25/11/2010 - 14:18

    parabéns polo post.

    (e un saúdo, carai)

Comments are closed.

; >

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies