16/09/2010 by marioregueira

A ideoloxización nacionalista

Chamaba a atención que unhas das primeiras medidas do novo goberno da Xunta en relación ás escolas infantís fose combater a súa suposta ideoloxización. E chamábaa precisamente porque poucos de nós pensabamos que unha casiña sorrinte cunha bandeira galega fose un logo politizado para unhas escolas dependentes da Xunta e moito menos que unha galiña azul cun lapis o fose menos. Dalgunha forma devolvíannos ao vello debate sobre nacionalismo e ideoloxía, no que os defensores da equiparación entre estado e nación pretenden que a súa postura non é só lexítima, senón tamén natural, é dicir, apolítica ou desideoloxizada. Somos os demais os que politizamos as cousas, eles “énchenas de coñecemento“, como se puidese pretenderse un coñecemento que non parta dunha postura política explicitada xa dende o mapa que se colga na aula ou a lingua que se emprega para transmitilo. Non existe, para mal de moitos, a postura non ideolóxica ou despolitizada, calquera elemento, por banal que pareza, é susceptíbel de ser considerado un instrumento político, todo depende do punto no que sexa percibido. O exemplo das galescolas é perfecto. Ningún galego se podería sentir ofendido por un logo infantil coa súa bandeira civil onde se lles ensina a súa lingua ás crianzas, ningún agás quen se sinta ofendido pola existencia mesma doutra bandeira e doutra lingua distintas á súa.

Algo semellante acontece agora cos equipos de normalización lingüística. Naturalmente que os equipos están ideoloxizados.  Se cadra a moitas persoas non llo pareza, pero para quen persegue e nega a existencia dunha lingua calquera elemento que se defina como “normalizador” desta é obviamente un elemento político, e como tal, un elemento a ser exterminado. E nós non deberamos ter medo de recoñecer que non só é político, senón que fai a nosa política, a que defende a idea que a maior parte dos galegos temos da nosa lingua e a que asegura un futuro para esta.

#Activismo e resistencia#Galiza#Lingua

Comments

  1. edu
    16/09/2010 - 09:42

    Política: Actividad del ciudadano cuando interviene en los asuntos públicos con su opinión, con su voto, o de cualquier otro modo.
    (DRAE <- si, E, a deles)

  2. Antuán
    16/09/2010 - 12:35

    É que facer cousas sen ideoloxía e tremendamente difícil, así como imposíbel. Pero claro, sempre haberá quen defenda “o natural”, “o neutro” “o discurso cero”, “desideoloxizado”… que, evidentemente, é o deles. Política fago eu e non La Voz de Galicia, que é imparcial… claro que si.

    O meu pai, por exemplo, afirma que a el non lle gusta o Barcelona porque “fai política” e que a min mólame como xoga Messi por ideoloxia anti-española. Efectivamente, o connotado son eu e non el e a louvanza a MouriÑo ou Raúl. E así con todo.

    Jose Carlos Moreno Cabrera, agora falando de cousas serias, ten un libro xenial: “La Dignidad e Igualdad de las lenguas” onde a tese fundamental vai contra a “normalidade e naturalidade” de certos conceitos lingüisticos. Ante os que falan de unha análise ideoloxizada por parte de JCMC eu perguntaria: conseguides facer unha desideoloxizada?

  3. dario
    16/09/2010 - 13:31

    Aínda nom vos dades conta todo o nosso é política o deles nom.A premisa está clara e por eso a repitem tanto, cal é o problema? que cada día há mais xente lhes fai caso e eso dame medo.

  4. Mr Tichborne
    17/09/2010 - 00:40

    Curioso que os políticos utilicen a palabra “política” cunha connotación tan negativa. Eles din que xa non fan política, que son xestores. Róncalle o nabo. Ese é o que queren eles, que non fagamos política, que lle deixemos o xoguiño a eles.
    Pois claro que defender o galego e os seus falantes é política. E atacalo tamén. Que non se enganen nin nos enganen.

Comments are closed.

; >

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies