26/03/2010 by marioregueira

Os meus vinte céntimos

Os meus vinte céntimos

Hai un par de días que quería responder a esta pregunta, que apunta á polémica sobre o préstamo de pago nas bibliotecas públicas: “Achegar a literatura a todos ten que ser gratuíto?”. Existe unha resposta curta e unha longa, por variar, comezaremos pola longa.

E comezar pola resposta longa implica en primeiro lugar desmontar a pregunta e sinalar a grande demagoxia coa que está formulada. É certo que vinte céntimos por libro é un prezo sumamente accesíbel por “seis ou sete horas de lectura”. Que hoxe en día hai poucas cousas que custen tan pouco e iso que nen sequera se menciona a vontade do goberno de asumir ese pago directamente para que non chegue aos cidadáns dunha forma demasiado evidente. Vinte céntimos, nos días que corren, son unha minucia desprezábel, non os custa un café e non se lle dan a un pobre, polo que supoñemos que non representan unha barreira económica á hora de acceder á “literatura”.

O problema, por tanto, non será nunca o prezo, senón a cesión nos nosos dereitos que representa abrir a mao a esa posibilidade. Seguramente vinte céntimos tamén sexan unha taxa aceptábel para moitas outras cousas, como o acceso a parques públicos, ou os baños de mar na praia. A cuestión é se como cidadáns e cidadás vamos consentir que se sigan mercantilizando bens comúns polos que, en teoría, xa estamos pagando cos nosos impostos. Os libros das bibliotecas xa son nosos, os edificios que os acollen foron construídos cos nosos cartos e as persoas que as xestionan cobran todos os meses de todos nós. Ao mesmo tempo, a taxa intenta impoñer un principio de usufruto persoal que é igualmente falso. Eu non son o único que me beneficio dos libros que leo, a cultura non admite símiles tan concretos coa alimentación, senón que aproveita simultaneamente a toda unha comunidade. Esta mesma nota está baseada probabelmente en centos de libros que lin nalgún momento da miña vida, que conformaron o meu pensamento e polos que me resultaría imposíbel esixir aos lectores unha compensación económica.

Sempre fun partidario de que @s autores puidesen vivir do seu traballo como produtores culturais. O que me resulta moi complicado é aceptar a posibilidade de que o fagan imitando ás discográficas e a custe de perseguir aos usuarios dos seus propios produtos. Nesta ecuación existen moitas máis instancias ás que atacar, e non se atopan na parte de abaixo da pirámide, senón na de arriba. Son o único que ve que esta medida, máis que protexer aos autores o que fai é deixalos nas mans das xerarquías arbitrarias do mercantilismo? Estamos preparad@s para un mundo de lóxica blockbuster no que Stephanie Meyer reciba máis cartos das nosas institucións que Manuel Rivas e no que Dan Brown ningunee a Roberto Bolaño? E que faremos cando dentro de vinte anos, a industria esixa un canon maior polo “lucro cesante” que representa cada libro non vendido?

Non se trata dos meus vinte céntimos, ningún prezo é o suficientemente atractivo cando o que estás vendendo son os teu dereitos. E a resposta curta e si, achegar a literatura (na máxima extensión da palabra), a tod@s, debería ser completa e irrenunciabelmente gratuíto. Que haxa que estalo repetindo só confirma a deriva na que vivimos.

#Cultura libre#Lectura#Literatura

Comments

  1. W. Sobchak
    26/03/2010 - 12:19

    Parbéns polo post
    A verdade é que o outro día a pregunta esta no de Jaure fixerame dubidar. Mais coido que acabas de reafirmarme nas miñas ideas iniciais

    Eu so quería comentar, desde un punto de vista persoal, que son usuario intenso de bibliotecas. E ainda así oblígome a gastar X cartos ao mes en literatura por unha cuestión de impliación persoal. Non sei se seguiría nese caminho se os prestamos deixaran de ser gratuítos.

    E por suposto concordo ao 100% en que a industria editorial ten moito que aprender da discográfica. Sobte todo como non se deben de facer as cousas

  2. Mario
    26/03/2010 - 13:56

    Obrigado por comentar Sobchak. Eu creo que os usuarios “intensos” das bibliotecas somos precisamente os que máis invertimos en libros, do mesmo xeito que os que máis música descargamos e non deixamos respirar o spotify somos os que máis gastamos nas estruturas comerciais da música. A lóxica mercantilista é demencial precisamente por iso, pasa por alto os beneficios que implica esa difusión e tamén o valor da cultura por si mesma, sen unha correlación directa do negocio económico que poida xerar.

  3. Sak
    26/03/2010 - 18:08

    Que acertado, Mario.

    Como diría o noso benquerido Manquiña: o concepto é o concepto, esa é a cuestión. Non estamos falando de diñeiro estamos falando de dereitos antes entendidos coma fundamentais e hoxe postos en cuestión cunha facilidade asustadora. Basicamente considero que o libro ten un prezo e a biblioteca págao e punto; seguindo o modelo capitalista, se o libro non lles da para vivir, que o suban de prezo ou que non o fagan. Non é que eu concorde con este xeito de facer as cousas, pero teoricamente eles si.

    Isto é unha cuestión de relacións de poder, darlle ese poder ás editoras non ten por qué reverter nos autores, non nos esquezamos.

  4. FraVernero
    26/03/2010 - 21:58

    Aí, Mario! Touché! Pouca que engadir, alén de subliñar os teus argumentos. Como ben ilustras (e soe pasar nos debates ‘falsos’) o mal está xa ab ovo nun xeito de formular a pregunta e de plantexar o debate (como tentan facer coa enerxía atómica. ‘O único debate non é si, ou non, senón qué fontes de enerxía para manter o noso absurdo consumo imos a empregar e en qué medida’).

    Como ben dis, o acceso á cultura non resulta ‘gratuíto’. Hai un pago previo de toda a colectividade, a través dos impostos, para montar bibliotecas, mercar libros, pagar bibliotecarios… E iso porque asumimos (ata que os valores da nosa sociedade dexeneren aínda máis no mercantilismo máis cínico e canalla) que constitúen bens en si aos que deben ter acceso doado tódolos cidadáns.

    O cinismo da ‘industria’ (sic) cultural é verdadeiramente vergoñendo. Para o que lles interesa, son cultura (ergo, rápido se poñen a mendigar privilexios do estado e capital cultural da sociedade); para o que non, son ‘industria’ (cartos, cartos, cartos!). Dese posíbel canon de biblioteca poderíamos dicir (parafraseando a Talleyrand, que valería para presidente da SGAE): ‘C’est pire qu’un crime, c’est une faute’…

  5. Mr Tichborne
    26/03/2010 - 22:19

    Paréceme unha medida absurda e cobizosa que castiga, na vez de promocionar, a lectura e perxudica ós autores máis descoñecidos para favorecer os best sellers. Por exemplo, citando a miña propia experiencia, o meu primeiro libro non se atopa nas librarías mais si nas bibliotecas, na que algún despistado lector pode cometer a temeridade de levalo para casa e lelo. Mais se ten que pagar por el…
    A biblioteca cómpre un papel determinante na promoción da lectura, da literatura, do coñecemento. ¿Que sentido social ten gravar ós seus usuarios, á parte de lucrar a algúns poucos? Coido que todos aquí somos moradores e asaltantes de bibliotecas. ¿Que lucro tiran as bibliotecas de emprestar os libros de balde? Son institucións públicas, de noso, como apuntas, por que castigalas?
    Como ben dis, non se trata dos vinte céntimos. Aquí na Xermania hai que pagar unha taxa anual por facerte socio da biblioteca, e eu ben que a pago porque me compensa, así mesmo como me deixo cartiños en mercar legalmente libros e música, pero paréceme unha mala política.
    Moi bo artigo, Mario.

  6. ekis1331
    27/03/2010 - 21:18

    O desmantelamento de todo rastro público é evidente dende xa hai moito, pero púxose en evidencia dende o momento en que co gaio da crise económica mundial que estamos a vivir (precísamente nacida no seo da actividade económica neoliberal) foi o diñeiro público o encargado de salvar sectores privados que, por suposto, non respostaron devolvendo “o favor”. Por se non fora pouco, varios estados acudiron á privatización de, noutrora, servizos públicos, para aplacar a deuda pública derivada da susodita crise-expolio neoliberal.
    É noxento, é unha broma repugnante, e o máis frustrante é que (coa excepción francesa, na que semella que a esquerda recuperou, non sei se máis virtual que efectivamente, posicións) as políticas neoliberais semellan gañar adeptos a cada momento.
    Dan gañas de botarse ás armas, a verdade.

  7. dedoscomovermes
    29/03/2010 - 10:13

    nada que acrescentar após o poste e os comentários…

  8. Mario
    29/03/2010 - 17:56

    Obrigado a tod@s polas respostas, alégrome moito da coincidencia xeral. O pior de todo é que, se non lembro mal, a medida foi creada en Dinamarca como un xeito de favorecer e promocionar os escritores locais fronte ao dominio da literatura estranxeira. Unha vez máis, é mellor non dar ideas. O monstro neoliberal está procurando até o furado máis pequeno para asolagalo todo.

  9. A Raíña Vermella
    29/03/2010 - 19:26

    Isto tamén trata de aplicarse á sanidade, por exemplo: o sistema de saúde público podería subsistir moito mellor se pagasemos un euro (un mísero euro) cada vez que vaiamos ao médico. O problema non é o euro, que tamén, tendo en conta que a sanidade xa a pagamos de antemán cos nosos impostos, utilicémola ou non, senón a vontade privatizadora. Que son cinco euros, que son dez ou vinte, se unha consulta privada custa 120? A lóxica perversa do capitalismo.

  10. O pastor eléctrico
    30/03/2010 - 19:54

    Concordo con todo o que dis.
    Noutro orde de cousas (banais, eu son así) faime graza a imaxe que empregaches para ilustrar o post. Quizais os céntimos deberan por “In common sense we trust”. Creo que o sentido común é o único que pode salvar as industrias culturais. Os batacazos de industrias como a discográfica deberan servir de exemplo de como non facer as cousas.
    Por certo, o título tiráchelo do program de Kent Brockman? 😀

  11. Mario
    30/03/2010 - 20:05

    Máis ou menos. A expresión (http://en.wikipedia.org/wiki/My_two_cents_%28idiom%29) indica algo así como unha achega humilde a unha discusión, aínda que moi habitualmente se emprega de forma irónica, de aí o programa de Kent Brockman, entendo. E si, o sentido común, tan infrecuente, é unha das saídas.

Comments are closed.

; >

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies