04/10/2011 by marioregueira

A resistencia como tradición

Así titulaba hai un ano a crítica sobre o libro Inmunda escoria, de Ricardo Gurriarán, unha obra monumental e imprescindíbel para entender a represión franquista sobre a Universidade de Santiago de Compostela. Porén, mal crítico sería se pensase que os límites dun libro rematan nas súas páxinas e que as publicacións non son tamén pezas determinantes do seu contexto social, ao que tantas veces contribúen a afianzar (e tan poucas axudan a derrubar). Unha pequena parte dos seus paratextos procura, mediante as palabras do antigo reitor da gloriosa institución, apropiar o legado daquela resistencia estudantil como contribución imprescindíbel da universidade para unha sociedade máis xusta e democrática, a que en teoría temos hoxe. Non foi o único, nas lembranzas e homenaxes aos vellos Voces Ceibes de hai un par de anos, houbo quen se esforzou por marcar esa distancia entre a «boa» acción contra a ditadura e os díscolos estudantes do presente.

Eu resístome a crer que todos aqueles afoutos loitadores contra a ditadura xogasen a vida por unha universidade como a que temos hoxe, esa que nos últimos meses fai camiñar a súa traxectoria cara ao elitismo social e as tendencias privatizadoras, ou a que se conformou como unha excelente produtora de traballo precario (que mundo tan parvo). Resístome a crer sequera que ese espírito de vellos que un día foron mozos rebeldes apoiase a represión e os golpes contra a democracia que nos deixou o ronsel das mobilizacións contra as súas reformas.

Hai xusto dez anos comezabamos a loita contra a L.O.U., un momento dunha grande efervescencia, no que as accións paralizaron o curso da actividade universitaria durante meses. Nalgún momento, xusto antes da nosa grande derrota social (preludio de tantas outras), volvemos ás aulas e un dos mestres recibiunos coa seguinte frase: «agora volven ás aulas, pero non esquezan que a verdadeira aula está aí fóra, na loita, é aí, e non aquí dentro, onde van aprender as cousas importantes da vida». Foi unha excepción, desas que tan pouco habituais son entre o corpo docente, e que por iso quedan marcadas a ferro na memoria. Creo que ese é, aínda por sobre todas as catástrofes, o valor que podemos dar á institución: por riba da mediocridade que abunda nas súas xerarquías, brillan os seus escasos pero auténticos mestres, e por riba da masa anónima dos estudantes, vibra o espírito da mocidade e o inconformismo, o único capaz de converter a resistencia nunha tradición de décadas.

A fotografía, cortesía involuntaria da Arqueira.

#Activismo e resistencia#Testemuño

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies