11/05/2021 by marioregueira

A emerxencia

Emergency! do usuario de Flickr Seabamirum Attribution 2.0 Generic (CC BY 2.0)

Unha das primeiras cousas que fai o persoal médico cando chega ao lugar dun accidente é entreter aquelas persoas desexosas por axudar. Para que os profesionais poidan atender sen interferencias ás persoas feridas é indispensábel mandar primeiro aquela señora tan preocupada á farmacia máis próxima por gasas ou ao rapaz que fixo un curso de reanimación para que comprobe que o tráfico se desvía do lugar. Atender unha emerxencia supón tamén recolocar esas boas vontades.

É unha dinámica que me lembra moitas veces ao estado da cultura galega. A nosa crise, a nosa identidade ameazada, a nosa situación precaria, é unha parte central e inherente ao noso propio relato cultural. Somos un accidente, non no sentido dun feito fortuíto, senón no dunha situación de emerxencia. Isto leva aparellada unha certa sensación constante de urxencia que abre o camiño a toda unha árbore de ansiedades posíbeis.

A literatura galega viviu sempre obsesionada por todos eses elementos que a podían habilitar como unha literatura equiparábel ás outras do seu propio contexto. Pérez-Barreiro Nolla conta nas súas memorias como Ramón Piñeiro era incapaz de entender a utilidade editorial de traducir e publicar máis obras de Shakespeare que o MacBeth. “Shakespeare xa está”, dicía, a cultura galega é un conxunto de elementos a ser riscados, a das grandes voces da literatura universal é só unha das súas listas.

Unha desas grandes ansiedades foi a do mercado. A tímida descentralización da España posfranquista e a entrada do galego no ensino permiten por primeira vez unha proxección editorial que poida aspirar a algo máis que ao resistencialismo das décadas anteriores. A literatura galega pasa a ter a obriga de construír un mercado editorial para demostrar a súa equiparación con outras, para demostrar que a nosa emerxencia non fala só dun accidente, senón tamén do acto de emerxer.

Poderíamos dicir que o tema do mercado propio saíu de forma pouco óptima, polo menos se xulgamos a persistencia da nosa obsesión co tema máis de corenta anos despois. O mercado editorial galego é unha constante, unha obsesión que se retro-alimenta e trata de xustificarse, sedimentando unha noción do que debe ser normal, sinalando furioso as súas supostas eivas e procurando responsábeis sen cesar. Non o sabemos, pero moitos deses indicios da nosa suposta “anormalidade” son enormemente frecuentes noutros contextos. Aínda hai pouco lía unha queixa sobre os críticos absurdamente benevolentes, empeñados en sinalar cada novidade editorial como unha verdadeira obra mestra sen fisuras. Escribíaa George Orwell nos anos 30 falando do contexto británico, pero poderiamos xogar a mudar nomes e lugares para que servise ao noso país. O que nunca mudaremos é a nosa sensación de que todo o estraño que nos acontece non é máis que un reflexo da eiva estrutural que nunca superaremos. Non nos enganemos, se se atopasen de fronte coa tan ansiada “normalidade”, a maioría dos actores do panorama cultural galego non serían sequera capaces de recoñecela.

PITR “Pierre Bourdieu” do usuario de Flickr Strifu Attribution-NonCommercial-ShareAlike 2.0 Generic (CC BY-NC-SA 2.0)

Onde te ves no canon? Preguntáronlle unha vez a Stephen King. “Entre os primeiros do segundo rango, onde está hoxe Somerset Maugham”. Case ninguén lembra ao que chegou a ser o autor mellor pagado do mundo, pero seguimos lendo e debatendo outros contemporáneos seus que nunca venderon tanto. É probábel que dentro de cen anos pase o mesmo con Stephen King, el polo menos así o cre, e demostra con iso ter unha visión máis lúcida das dinámicas literarias do que acostuma ser común entre os escritores de best-sellers.

Debemos priorizar un mercado literario galego guiado principalmente por valores capitalistas? A obsesión por unha normalidade sen referente recoñecíbel insiste en que si, a pesar de que moitas das persoas que o defenden saben (ou deberan saber) que o valor dunha obra literaria corre vías diferentes, e mesmo opostas, ás do beneficio capitalista. Por dicilo de forma sinxela: nin sequera os mercados literarios dos países capitalistas se rexen por este principio, como podería demostrar a perspectiva dun autor como Stephen King. Pero aí iremos nós, “normalizándonos”, coma sempre, por riba das nosas posibilidades.

Nada novo baixo o sol, non fai falta ser dos que pintan graffitis de Pierre Bourdieu nos muros para saber destas cousas, en realidade estas posturas mercado-céntricas nin son novas, nin son específicas do noso contexto. É bastante frecuente escoitalas entre persoas con poucas ou ningunha pista sobre como funcionan as dinámicas literarias. O preocupante é cando veñen de persoas cunha suposta formación e mesmo con algún papel determinante no mundo editorial galego.

E non poño en dúbida as boas intencións destas persoas nin a súa preocupación ante a nosa crónica situación de emerxencia. Só me pregunto se non será hora de encargarlles que vaian mercar gasas.

#Crítica#Galiza#George Orwell#Literatura galega#Mercado editorial#Pierre Bourdieu#Stephen King

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies