31/10/2012 by marioregueira

Feliz Samaín

O debate é vello e non paga a pena aventalo, sobre todo porque xa o fixen hai dous anos e creo que na fase anterior do blogue unhas cantas veces máis. Hoxe o meu corazón está coa xente das vilas e barrios da Artabria, que tallará cabazas e nabos para prenderlles unha luz que afaste os malos espíritos, mentres se arman de castañas e beberaxes quentes para comezar a parte máis fría do curso estacional. Se na etimoloxía irlandesa o Samain viña a significar «a fin do verán», unha vez máis a data vén a atoparnos, coa súa simboloxía doente, no principio de tempos duros. E porén, se como sabemos esta noite se abren as portas entre os dous mundos, tamén nos chega por ese contacto a forza do alén, a das nosas devanceiras, as persoas esforzadas e loitadoras que fixeron que esta cultura sobrevivise os máis duros invernos.
A cabaza deste ano (roubada de aquí, e á súa vez destas instrucións), esta feita cun vello libro, e non é por nada, xa que no inverno que vén teremos que coidar, entre outras moitas cousas, da nosa lingua e da industria cultural que a mantén viva. Que o seu lume siga alumeando, espantando os malos presaxios e devolvéndonos as forzas para encarar os novos retos e o frío dun inverno que, coma todos, acabará por pasar, impotente á hora de dobregarnos como pobo.

#Cotidiano#Galiza#Samaín

02/11/2011 by marioregueira

Os medios que resucitan

Viña a saber hai unhas semanas que nalgún lugar da Cornualla grupos de activistas están a crear unha rede de ensino infantil en córnico. A nova non sería digna de mención de non ser porque a lingua propia da península foi extinguida no século dezaoito e substituída pola lingua máis poderosa do mundo, o inglés. A persistencia do movemento social conseguiu que o córnico volva de entre os mortos e esfórzase para que dentro duns poucos anos estea a camiñar de novo por entre a sociedade da pequena nación británica. Como ben evidencia as citas de Kadaré ás que nos referiamos a semana pasada, acabar cunha lingua non é unha cousa tan doada, mesmo facela retroceder pode representar unha tarefa titánica e mesmo nos casos nos que se canta vitoria as lingua proscritas volven no momento máis inesperado e seguen enchendo o mundo co son disconforme da súa diversidade.

Será por iso que me pareceu especialmente axeitado que fose nas inmediacións do Samaín cando os medios galegos decidisen volver, unha vez máis, da súa enésima morte, tan falsa como foron todas as anteriores. A festa, a mesma que aldeas e arrabaldes aínda lembran d@s devanceir@s, moito antes da chegada do cinema americano, celebra precisamente ese único momento do ano no que as ánimas teñen licenza para volver do alén ao mundo dos vivos e visitar a súa vella contorna. Estou seguro que nalgún lugar perdido da tradición existe unha alusión a esa forza do rexurdimento, ás vinganzas xusticeiras que os vencidos pero nunca derrotados efectuaban aproveitando a circunstancia máxica.

Os medios en galego formulan a súa vinganza da forma máis elegante posíbel: seguindo adiante entre o fragor e demostrando que hai unha parte da sociedade que nunca se vai dar por vencida e que remoerá ceo con terra antes de asinar a claudicación. Da presentación dun deles fico co episodio sobre as cousas á que sobreviviu este pobo e aos retos aos que se enfrontou á súa cultura. E resáltoa porque moito máis aló da reivindicación dun resistencialismo abstracto como bandeira, en moi poucos sitios atopei unha verdadeira valoración do esforzo que fixo a nosa sociedade a través dos tempos para manter viva a súa cultura. Unha valoración que debería ser optimista, aínda que só fose polo feito de seguir tendo a lingua autonómica con máis falantes porcentuais do estado, ou pola súa propia existencia contra todas as agresións organizadas e desorganizadas. Aló onde outras linguas desapareceron (como o córnico) ou  afogaron até a mínima expresión (o astur-leonés, aquí ao lado), nós entramos no século XXI cunha grande literatura, cun panorama musical que roza a xenialidade e, contra todas as expectativas, con medios de comunicación propios, erguidos polo propio tesón da nosa sociedade. Máis aló do derrotismo e da desesperación eu conto moitos máis días nos que me sinto orgulloso de formar parte deste país, da súa longa tradición de teimud@s irredutíbeis, e do sorriso imbatíbel que ostenta fronte aos imperialistas fracasados de todas as xeracións.

#Activismo e resistencia#Galiza#Lingua#Medios de comunicación#Samaín

01/11/2010 by marioregueira

A festa das cabazas

Pasou o Samaín, ou a noite de Santos, e como vén sendo habitual, o debate sobre a súa autenticidade aínda ocupou algunhas páxinas, xa habituais por estas datas. Por unha banda as celebracións que colectivos e locais sociais fomentaron, por outra os que seguen rexeitándoo como unha importación norteamericana e aínda algúns outros que recoñecéndoa como unha tradición galega alertan contra a súa progresiva americanización.

Non teño suficientes coñecementos antropolóxicos sobre as festas galegas como para lexitimar unha preexistencia do Samaín alén dos anos 70 ou mesmo máis alá da miña primeira experiencia sobre el, no final dos 80. Nunca vin a miña avoa tallando unha cabaza para poñerlle unha vela dentro, pero non é menos certo que tamén non a vin nunca celebrando os Maios, na malla, ou cantando panxoliñas ou cantos de reis. Debo crer, porén á xente que di que o Samaín (a festa das cabazas ou das caliveras), é anterior á miña experiencia directa dela, polo menos tanto como creo a quen afirma a existencia dos Maios nunha tradición anterior. Curiosamente o meu coñecementos da maior parte delas foi similar e foi a través de asociacións culturais que trataban de recuperalas nun contexto no que practicamente desapareceran.

Creo na boa fe da maior parte desas persoas, como creo no testemuño de quen conta que asistiu á fase final desas tradicións e que si viu ás súas nais e avoas tallar cabazas, cantar panxoliñas ou danzar arredor do maio. A fin de contas a maior parte desas tradicións teñen unha orixe precristiá e sobreviviron ocultas baixo festas que a Igrexa católica impuxo para aproveitar a súa popularidade. A festa das cabazas ten un aspecto demoníaco que é dificilmente asumíbel pola cultura cristiá, o que explicaría que só permanecese de xeito minoritario e en zonas illadas.

Pero en calquera caso a preexistencia do Samaín é un elemento que non afecta á miña experiencia del. Dentro desta sempre foi unha celebración vencellada a aspectos políticos e de recuperación cultural onde non tiña ningunha cabida o aspecto mercantilista ou de asimilación imperialista que vai asociado ao Halloween norteamericano. Creo que aínda hoxe é así na maior parte dos casos, a xulgar pola súa presenza en locais sociais, agrupacións culturais e iniciativas persoais pouco sospeitosas de colaboracionismo. Dalgunha forma, aínda se fose, como moitos acusan, un elemento importado da cultura estadounidense, conseguimos que cumprise un obxectivo completamente distinto do que tiña en orixe. A celebración do Samaín refírese a un pasado, pero fala máis do que somos agora que do que fomos en tempos pretéritos, máis do que somos agora que do que os nosos antergos foron, aínda que só sexa porque estes non lle deron nunca un sentido galeguista a algo que só era un rito relixioso pagán.

A relación dos galegos co mito é complexa, probabelmente porque o mito sustenta unha boa parte do que somos, alí onde as estruturas reais fallan. Porén non podemos seguir apuntalando unha parte da nosa identidade nos mitos fundacionais. Unha cousa que caracteriza a unha cultura viva é que se move e toma as súas propias decisións para seguir evoluíndo. Unha cultura é un elemento en permanente construción, se non valora opcións é porque está morta. Dentro desas decisións está, por exemplo, tomar celebracións novas, recuperar outras que caeran en desuso ou rexeitar aspectos que forman parte da tradición pero cos que a xente xa non quere identificarse.

Para min non ten ningunha importancia que a idea de relanzar o Samaín entrase da man da popularización que o cinema norteamericano fixo da festa, como tamén non a ten que a bandeira galega fose en orixe a bandeira da provincia marítima da Coruña ou que a súa estrela vermella nacese como símbolo na guerra civil rusa. A cultura ten que ser un río e non un estanque onde apodrezan as augas, e todas esas cousas son elementos coa suficiente capacidade de convocatoria e identificación como para seguir unindo á nosa xente ao seu redor. Outra cousa é situarnos de novo nos debates da segunda metade do pasado século, onde se defendía, por exemplo, que a música da futura república galega sería unicamente tradicional, dende o momento no que a guitarra era un instrumento estranxeiro e o rock un estilo norteamericano. Non quero pensar toda a riqueza que perderiamos de caer, sequera minimamente, nesa corrente de pensamento.



#Activismo e resistencia#Galiza#Samaín

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies