14/10/2011 by marioregueira

O libro dixital e a chegada dos bárbaros

Os bárbaros chegaron, rodean a cidade e xa non aceptarán unha negociación. A longa e agónica camiñada das editoriais pola era dixital podería resumirse nestes momentos con esta frase que anuncia unha inminente claudicación de incertas consecuencias. Pouco se aprendeu da experiencia doutros ámbitos como o discográfico e pouco, moi pouco, se avanzou na procura dunha alternativa. O momento é interesante, non só porque represente un cambio de paradigma, senón porque se enfrontan dous universos, o dixital, constantemente en movemento e progresión, e o da edición tradicional, enrocado até o absurdo nos seus propios ritmos, cada vez menos válidos. Como é posíbel que o mundo editorial, que vía vir a chegada da impugnación do seu modelo a un paso máis lento que outros negocios, non soubese adiantarse ou prever as consecuencias?

Porén, a realidade é que temos unha situación que cada vez se parece máis a outras situacións xa vividas. A industria editorial será incapaz, en breve, de facer fronte á competencia. Por unha sinxela razón: a competencia ofrece un produto mellor e a un prezo moito máis razoábel, a maior parte das veces de pago indirecto, a través da publicidade. Se cadra a primeira razón polo que isto sexa así é porque, como antes as discográficas, as editoras néganse a darlle o status de «competencia» a portais na rede alimentados, na maior parte das veces, por usuarios desinteresados. A estratexia, por tanto, non é mellorar os contidos e a relación cos novos medios para facerlles fronte, senón tratar de gañar a batalla moral, preludio case inmediato da batalla legal. Aínda non aconteceu, pero sospeito que antes ou despois as acusacións de criminalidade cara os usuarios que comparten volverán. En realidade, a acusación implícita de criminalidade xa existe, dende a protección por DRM que acompaña a maior parte das edicións dixitais das editoras, eivando e limitando o produto polo que pagamos un prezo bastante superior aos seus equivalente no mundo anglófono. Unha eiva que alude directamente a outra: as editoras saben que a nova competencia son os seus propios usuarios, na maior parte das ocasións, os seus mellores clientes.

Repetindo algo que creo que dixen moitas veces nos últimos anos: criminalizar ao usuario é un erro, a maior parte das veces un erro imperdoábel. O máis representativo do mundo editorial tivo sempre unha relación positiva con elementos sociais que, nunha análise fría e estritamente económica, debera colocar entre os seus inimigos. Refírome ás bibliotecas e aos grupos de lectores, contextos nos que moita xente leu e segue a ler gratuitamente, pero que mesmo así recibían apoio e azos por parte do mundo editorial. Supoño que, ademais dun ben social, entendíase ese núcleos como unha inversión. Non cabe dúbida de que o primeiro paso para que alguén que le de balde pague por ler é que lea, aínda que sexa de balde. Existe un erro flagrante en non aproveitar os novos núcleos de lectores e os seus comportamentos como unha inversión de futuro equiparábel.

Tamén existe, por regra xeral, un grande desleixo á hora de desenvolver proxectos intelixentes baseados na rede aproveitando o seu potencial, incluída a perspectiva publicitaria da que se nutre a partilla privada entre usuarios, e tamén os atractivos que para eses mesmos usuarios representa o contido engadido. Vía hoxe mesmo un rechouchío dende Frankfort que incidía na importancia das redes sociais para o desenvolvemento das editoras. Estupendo, as redes sociais son fundamentais para case todo hoxe por hoxe. Porén, hai algunha editora que destacase na súa participación destas máis aló da creación dun perfil ou dunha lista de eventos? Algunha conseguiu que alguén máis ademais dos seus traballadores compartise os seus contidos? E aínda que todo o anterior pretendía ser unha reflexión global, hai que recoñecer que isto último é especialmente sangrante no caso das grandes editoras do noso país.

Os bárbaros respectarán algo máis de tempo o contexto galego. En principio porque somos unha cidade sitiada con poucos recursos dentro, pero, no fondo, tamén porque nos saben parte deles, xente sen civilizar, capaz aínda de moverse por fóra das regras dos mercados que rexen as grandes urbes. Porén chegarán, como chegaron á nosa cativa industria discográfica, e deberamos recibilos como o que son: non como un problema, senón como a solución. Como ben diciamos o outro día, isto non é o final da historia, senón o principio.