10/12/2011 by marioregueira

Adeus á miña entrevista na TVG

Contan os vellos do lugar que houbo un tempo no que a TVG non foi así, que mesmo había programas culturais de verdadeira calidade que hoxe por hoxe dormen o sono dos xustos. Sexa como sexa, nunca me chamaron dos nosos medios públicos máis que para programas de radio, as miñas únicas aparicións televisivas foron en canles locais e nese fabuloso escenario do Culturgal que só transmitía vía streaming. Supoño que con este artigo, nun país tan maduro á hora de recibir críticas, fecharei definitivamente a porta a esa posibilidade. En calquera caso, xa nos demostraron outros que aínda pode haber algo peor que non ser chamado pola televisión pública galega, e ese algo é ser chamado para un linchamento mediático coma este.

A TVG ten a honra de ser a televisión do noso país, unha honra que leva consigo a maldición de ser a porra de agresión do gobernos populares cando as circunstancias o requiren, que parece ser bastante a miúdo. Lembro como meus pais me recomendaban amorosamente que vira os debuxos animados da galega, porque estaban na nosa lingua, coa mesma nitidez coa que os lembro mudando furiosos de canle ante a enésima aparición do Fragasaurio e as manipulacións informativas que almorzabamos todos os días. Para a historia quedan os comportamentos ante catástrofes humanas e noites electorais da canle que moitas galegas decidíramos xa deixar de ver, pero que aínda así considerabamos un valor cultural importante para o noso pobo, mal levado, pero se cadra con amaño.

É por iso que o tratamento dado pola canle ás detencións a galeguistas de hai unhas semanas doe dobremente. En primeiro lugar porque aínda considero a TVG un medio meu, pagado cos meus cartos e feito para o meu pobo. Non foron o único medio que manipulou a realidade, pero eran o noso medio, e o seu deber era darnos información obxectiva con máis facilidades e autoridade que calquera outro. En segundo lugar, porque un mes atrás eu estaba na rúa defendendo a súa continuidade e os seus postos de traballo, posibelmente tamén os das persoas que, na mellor liña do Tomate e do acoso xornalístico rosa, protagonizan o asalto a casa dun dos detidos (minuto 4,3o).

E non sería por falta de opcións, hai moitas cousas que se poderían dicir sobre a nova mantendo unha mínima ecuanimidade e sen caer na apoloxía do terrorismo. Que a lexislación que se lles aplica ás persoas detidas é excepcional e foi creada ad-hoc para lidar co conflito vasco, por exemplo, unha situación que non ten un correlato lóxico coa nosa. Que mesmo tendo iso en conta, é unha lexislación constantemente criticada por xuristas e defensores dos dereitos humanos xa que se considera que deixa aos reos en situación de indefensión e favorece os abusos de poder. Que a día de hoxe a propia xudicatura española aínda non se puxo de acordo sobre a existencia e características da suposta organización á que pertencen as persoas presas. Que, en tanto acusados, seguen tendo dereito á presunción de inocencia, á honra e á privacidade, aspectos que mal se compatibilizan cun xuízo e acoso mediáticos impropios dun xornalismo serio. Que existe unha vontade política obvia de criminalización de espazos sociais e culturais (e tamén de individuos) moi debilmente relacionados coa acusación.

Naturalmente tamén poderiamos pedirlles aso nosos medios públicos que reparen  na importancia dos dereitos civís. Que as leis en democracia defenden até a quen vai contra elas e que a dereita ten tendencia, nas súas euforias electorais, a abrogarse o dereito de decidir que é ou non legal por riba do propio ordenamento xurídico, como se aínda vivísemos no tempo dos delitos políticos ou de opinión. Sabemos da dureza das condicións dos nosos profesionais patrios, por iso seremos realistas e non lles pediremos tal valentía, só a profesionalidade e a ética persoal que hai tanto tempo que non vemos na súa pantalla. Vistos os exemplos que nos deixan, non é pouco.

#Activismo e resistencia#Medios de comunicación

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies