15/11/2011 by marioregueira

If not us, who?

Alemaña ten unha relación co trauma que non consegue reconducir de ningún xeito. Ben, é certo que hai algúns autores que teñen sinalado claves nese sentido, pero salvo contadas excepcións a cultura de masas naufraga cada vez que se asoma ao enorme peso da responsabilidade colectiva que implicou a primeira metade so século XX. Interesábame de If not us, who (Wer wenn nicht wir) esa mentira que lin na sinopse de que era un filme sobre os escritores que apoiaran ao nazismo e a complexa cuestión que se formulou na posguerra sobre o papel do seu legado literario.

Non é certo. If not us who non trata sobre iso, é máis ben un mal retrato, caricaturesco e maniqueo da Fracción do Exército Vermello (tamén chamado grupo Baader-Meinhoff), presentado ademais sen ningún tipo de risco ou debate moral por parte dos seus autores. Un grupo de intelectuais, atormentados, iso si, polos crimes cometidos pola xeración dos seus pais, perden o contacto coa realidade e caen nunha espiral de violencia e destrución, atentando contra a democracia, cuspindo nas mans que o Estado lles tende para rehabilitarse e acabando dun xeito tráxico coas súas vidas. O propio Andreas Baader non é máis que un snob maltratador que aplica tácticas de captación sectaria sobre os seus compañeiros. Moi poucas alusións á realidade dunha Alemaña dividida, ocupada militarmente por potencias estranxeiras e marcada como primeira liña de combate na guerra que estaba por vir. Nin unha soa liña para o debate sobre os suicidios dos membros da banda na prisión de Stammenheim, sempre postos en dúbida e aínda hoxe non aclarados.

A conclusión final é que a traxedia dos Baader-Meinhoff é a última peza que cae dun dominó que se comezou a tombar nos anos trinta. Mozos brillantes que se rebelaban contra o pasado estoupándoo contra un presente que non era culpábel de nada ou que só era culpábel de provir dun pasado atroz. Esa lexitimación da posguerra e da Guerra Fría como unha viaxe movida pero feliz cara ao noso (non menos feliz) destino actual é probabelmente o peor do discurso do filme.

En realidade, agora que as últimas organizacións armadas da convulsa Europa van deixando as armas, asistiremos por desgraza a moitas representacións deste tipo. A derrota final é a derrota do discurso, ese “que non conten a súa versión da historia” que xa ecoa nas terras do Norte e que tanto debate vai causar no escenario por vir. En determinado sentido, é lóxico que isto aconteza. As organizacións políticas de esquerdas que abeiraron e lexitimaron as guerrillas urbanas tratan desesperadamente de desvincularse dese legado, aquelas que as combateron obviamente non as van defender, e os seus antigos membros fican reducidos a cidadáns individuais, en ocasións demasiado queimados pola historia como para dar a súa versión desta. Por outra banda, Gillo Pontecorvo xa morreu, e hoxe non atoparía financiamento para ningún daqueles filmes que apostaban pola acción directa e encadilaban á intelectualidade europea.

Non pretendo dicir con isto que sexa necesaria unha perspectiva que glorifique á Facción do Exército Vermello nin a ningún dos moitos grupos que na Europa occidental combateron coas armas ao capitalismo. A súa historia formula precisamente o que os filmes que os escollen como escenario non formulará nunca: un conflito social atroz, que deixaba regueiros de vítimas por parte dos dous bandos e que formulaba unha cuestión moral crucial mesmo nos nosos días. A cuestión de como se loita contra a opresión abafante, como se combate a violencia estrutural, cales son os límites da resposta política, ou por que miles de persoas en toda Europa deixaban unha vida doada para unirse a algún destes grupos armados. Cousas que non poden responderse a través de caricaturas maniqueas ou contos morais. Sería moito máis doado crer que todas esas persoas estaban tolas e que buscaron a propia ruína, que tiñan traumas xerados polas súas familias, que eran malos, en definitiva.

Polo medio desta visión simplificadora perdemos as complexas leccións da historia sobre a guerra sucia, as redes de infiltración e insidia interna, as teupas radicalizadoras, os poderes estranxeiros dirimindo a política interna das nacións ou o excesivo poder dos Estados sobre as persoas. O reconto final fainos pasar por alto tamén aqueles casos nos que os grupos insurxentes foron unha ferramenta manipulada para servir aos seus propios inimigos, e exime aos Estados e ás súas estruturas económicas de toda culpa, para maior gloria do presente, sobre os conflitos pasados. Todas valiosas leccións que, sospeito, habemos precisar no futuro.

#Activismo e resistencia#Cinema

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies