18/07/2011 by marioregueira

Doentes

Se algunha vez (nunca o fixeron) me preguntasen pola obra galega que destacaría no pasado século non podería, a pesar dalgunhas sólidas candidaturas, mencionar novelas nin poesía. Tería que falar dun deses libros que ninguén le, e que pouca xente terá na súa biblioteca porque mesmo son difíciles de atopar, a pesar de que moitas veces están publicados por institucións e organismos públicos, ou precisamente por iso. Falaría dun libro deses que se len como unha semente doutra cousa, un proxecto por vir, unha representación, un filme que está por rodar. E ao falar del atravesarían pola miña mente sombras que vin desfilar hai uns anos nas rúas de Compostela cando ese libro, rompendo unha vella tradición que impón aos libros ficar nos andeis das librarías, saíu a pasear pola súa cidade, tomou vida sobre as súas pedras e arrastrou tras de si unha longa marcha de fieis.

E non escollería Doentes por calquera cousa, senón porque creo que para seleccionar un único libro de entre todo un século hai que esixirlle algo máis que estar ben escrito, hai que pedirlle que o represente e que o seu relato funcione tamén como un símbolo, como un xeito de entender o transcorrer vital da comunidade que o xerou. Doentes é unha fuxida, un intento de espertar dun pesadelo que comezou tal día coma hoxe de hai 75 anos e que se ramificou até a náusea pola vida do país, aínda máis aló do final do século XX. Dous vellos derrotados que buscan unha pistola no medio da noite compostelá, enfrontándose aos fascistas, pero tamén á desconfianza, a desunión e os intereses estratéxicos da resistencia antifranquista. Coa inxenuidade que só recuperan aqueles que xa non teñen nada que perder, «nunha Compostela posuída pola loucura e pola brétema», Don Valeriano e Cañete soñan con asasinar o ditador, vingar os mortos das noites de pedra e devolver a alegría do perdido e do arrebatado. E por suposto, a historia, como a historia do país neses 75 anos que cumpren hoxe o seu triste aniversario, é a historia dunha derrota anunciada. Unha historia na que porén non sobran actos de dignidade e momentos de liberdade ilusoria cos que poder seguir adiante.

Porén, hai algo máis que o contido á hora de destacar unha obra. A forma na que esta, ou o seu autor, foron recibidos pola sociedade e os factores políticos que a rodearon tamén resulta reveladora á hora de enxuizala. E nese sentido, tristemente, as vicisitudes que a obra de Roberto Vidal Bolaño tivo que afrontar deixan ben ás claras a importancia que os gobernos e unha parte da sociedade deste país lle deron á cultura galega e particularmente ao teatro. Roberto Vidal Bolaño representa un dos xenios da literatura galega, en calquera outro país sería un autor recoñecido e cunha ampla popularidade. Se nacese preto dun Broadway ou dun Hollywood, probabelmente sería unha estrela internacional e millóns de persoas coñecerían o seu traballo. Resulta moi triste pensar que, até que un Día das Letras o remedie, seguirá a ser aínda un autor pouco coñecido entre a propia sociedade galega, e que unha obra da magnitude simbólica de Doentes siga mal editada, pouco publicitada e mal coñecida polo público. Isto é así até o punto que unha adaptación fílmica desa grande historia do século XX galego siga escorregando esquiva por contados cines do país, sen que ninguén máis que os rusos lle recoñeza os méritos.

#Cinema#Galiza#Literatura#Teatro

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies