01/11/2010 by marioregueira

A festa das cabazas

Pasou o Samaín, ou a noite de Santos, e como vén sendo habitual, o debate sobre a súa autenticidade aínda ocupou algunhas páxinas, xa habituais por estas datas. Por unha banda as celebracións que colectivos e locais sociais fomentaron, por outra os que seguen rexeitándoo como unha importación norteamericana e aínda algúns outros que recoñecéndoa como unha tradición galega alertan contra a súa progresiva americanización.

Non teño suficientes coñecementos antropolóxicos sobre as festas galegas como para lexitimar unha preexistencia do Samaín alén dos anos 70 ou mesmo máis alá da miña primeira experiencia sobre el, no final dos 80. Nunca vin a miña avoa tallando unha cabaza para poñerlle unha vela dentro, pero non é menos certo que tamén non a vin nunca celebrando os Maios, na malla, ou cantando panxoliñas ou cantos de reis. Debo crer, porén á xente que di que o Samaín (a festa das cabazas ou das caliveras), é anterior á miña experiencia directa dela, polo menos tanto como creo a quen afirma a existencia dos Maios nunha tradición anterior. Curiosamente o meu coñecementos da maior parte delas foi similar e foi a través de asociacións culturais que trataban de recuperalas nun contexto no que practicamente desapareceran.

Creo na boa fe da maior parte desas persoas, como creo no testemuño de quen conta que asistiu á fase final desas tradicións e que si viu ás súas nais e avoas tallar cabazas, cantar panxoliñas ou danzar arredor do maio. A fin de contas a maior parte desas tradicións teñen unha orixe precristiá e sobreviviron ocultas baixo festas que a Igrexa católica impuxo para aproveitar a súa popularidade. A festa das cabazas ten un aspecto demoníaco que é dificilmente asumíbel pola cultura cristiá, o que explicaría que só permanecese de xeito minoritario e en zonas illadas.

Pero en calquera caso a preexistencia do Samaín é un elemento que non afecta á miña experiencia del. Dentro desta sempre foi unha celebración vencellada a aspectos políticos e de recuperación cultural onde non tiña ningunha cabida o aspecto mercantilista ou de asimilación imperialista que vai asociado ao Halloween norteamericano. Creo que aínda hoxe é así na maior parte dos casos, a xulgar pola súa presenza en locais sociais, agrupacións culturais e iniciativas persoais pouco sospeitosas de colaboracionismo. Dalgunha forma, aínda se fose, como moitos acusan, un elemento importado da cultura estadounidense, conseguimos que cumprise un obxectivo completamente distinto do que tiña en orixe. A celebración do Samaín refírese a un pasado, pero fala máis do que somos agora que do que fomos en tempos pretéritos, máis do que somos agora que do que os nosos antergos foron, aínda que só sexa porque estes non lle deron nunca un sentido galeguista a algo que só era un rito relixioso pagán.

A relación dos galegos co mito é complexa, probabelmente porque o mito sustenta unha boa parte do que somos, alí onde as estruturas reais fallan. Porén non podemos seguir apuntalando unha parte da nosa identidade nos mitos fundacionais. Unha cousa que caracteriza a unha cultura viva é que se move e toma as súas propias decisións para seguir evoluíndo. Unha cultura é un elemento en permanente construción, se non valora opcións é porque está morta. Dentro desas decisións está, por exemplo, tomar celebracións novas, recuperar outras que caeran en desuso ou rexeitar aspectos que forman parte da tradición pero cos que a xente xa non quere identificarse.

Para min non ten ningunha importancia que a idea de relanzar o Samaín entrase da man da popularización que o cinema norteamericano fixo da festa, como tamén non a ten que a bandeira galega fose en orixe a bandeira da provincia marítima da Coruña ou que a súa estrela vermella nacese como símbolo na guerra civil rusa. A cultura ten que ser un río e non un estanque onde apodrezan as augas, e todas esas cousas son elementos coa suficiente capacidade de convocatoria e identificación como para seguir unindo á nosa xente ao seu redor. Outra cousa é situarnos de novo nos debates da segunda metade do pasado século, onde se defendía, por exemplo, que a música da futura república galega sería unicamente tradicional, dende o momento no que a guitarra era un instrumento estranxeiro e o rock un estilo norteamericano. Non quero pensar toda a riqueza que perderiamos de caer, sequera minimamente, nesa corrente de pensamento.



#Activismo e resistencia#Galiza#Samaín

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies