25/02/2011 by marioregueira

Herexes, ritos e flores na estrada

A primeira novela do colectivo Luther Blisset (hoxe Wu Ming) chamouse Q, e nalgunhas edicións engadiu O cazador de herexes como subtítulo. Estaba ambientada nas revoltas dos anabaptistas alemáns, unha seita (todas o son) cristiá que se atopou nun fogo cruzado entre católicos e protestantes. Se por unha banda se opuñan ao poder do Papa nunha liña próxima á marcada por Lutero, unha parte dos anabaptistas decatouse axiña de que a aposta dos luteranos pasaba por substituír o servilismo a este pola submisión aos príncipes. Naturalmente todo isto aparecía explicitado en diverxencias sobre dogmas de fe, aínda que un dos méritos da novela é deixar percibir como toda confrontación relixiosa non era máis que unha pantalla que ocultaba unha confrontación política.

A idea da cristiandade defendida polos anabaptistas pasaba esencialmente polo pacifismo, a non violencia e a tolerancia con outras relixións, pero sobre todo pola idea de que o cristianismo era ante todo comunidade consciente en constante construción, unha urdime de lazos de solidariedade e axuda mutua que debía contribuír á construción das cidades celestes na terra e que mal asumía calquera tipo de xerarquía non divina. Se cadra por iso a razón principal da súa disidencia foi a negación do bautismo infantil como forma de cristianizar. Para os anabaptistas a práctica da relixión non podía depender dun ritual esencial efectuado sobre unha persoa que aínda non tiña capacidade de raciocinio. A fe debía ser unha escolla persoal e consciente, e a decisión de bautizarse (ou non facelo) só podía ser exercida por adultos.

Os anabaptistas foron completamente masacrados nalgún momento da historia. Acontece habitualmente cos colectivos que pretenden vivir á marxe dos poderosos e que antepoñen a liberdade e a acción consciente á ética do rabaño promovida polas instancias do poder. Non deixa de resultar curioso como as apostas que veñen dos príncipes e dos papas (é dicir, da caverna) sempre remiten ao mesmo: a ritualización e o apelo ao inconsciente. Se cadra porque os ritos afastan ás persoas dun comportamento lóxico e activo, así como da toma de decisións. Fanas máis dóciles, máis doadas de manexar. Estes días tivemos un exemplo máis coa nova campaña da Xunta para disuadir da condución baixo os efectos do alcol. Ante un problema da gravidade e implicacións que teñen os accidentes de tráfico, o plan de xestión do noso goberno autonómico pasa por pinchar unha canción nos bares, a ser posíbel convertela na canción do final da noite. Pensará o mal goberno que o feito de repenicar unha canción pode facer que os que xa están bébedos deixen o carro no que viñeron para volver a pé? Salvaranos o feito de repetila como un mantra, como un novo rito polo que non debemos pensar no noso día a día? Se cadra o seu ton repetitivo fará que esquezamos a inversión de cartos nunha campaña mediática e non de seguridade nas estradas, nos favores políticos que paga, ou onde están os buses nocturnos que até o de agora se perfilaran como unha solución moito máis lóxica.

Cambian un bus por unha canción. Unha canción que tes que cantar á saída dos bares até que entre na parte máis adormecida da túa cabeza e integre e pase a formar parte da realidade ritualizada pola que queren gobernarnos.

Non caian nos seus ritos. Lean a novela. Non escoiten a canción.

#Galiza#Literatura#Mitoloxías#Música

02/02/2011 by marioregueira

O día d@s que perderon a terra


Hai moitos anos escoitei nun documental sobre o movemento Sem-Terra, que a súa militancia lle tiña unha grande devoción a Iemanjá. Negada a terra ficaba só encomendar a sorte á señora dos mares. Dentro da riqueza do panteón afro-brasileiro, a figura da dona das augas tenme engaiolado dende a infancia, probabelmente porque no arsenal de música brasileira dos meus pais non eran poucas as cancións que protagonizaba. Tamén, porque nun particular sincretismo persoal non podía deixar de relacionala coa Virxe do Carme e as cerimonias de flores no mar que tantas veces acompañei na miña infancia. Aínda así, aprofundando un pouco na súa historia pódese ver que parte da deusa ocultaron os afrodescendentes americanos na figura dunha virxe católica. Ao contrario que a configuración da muller que esconde a tradición cristiá, limitada á pasividade e á maternidade, a orisha africana é unha potencia violenta e teimuda, moitas veces vingativa e cun grande poder que hai que aprender a respectar. No nome dos que día a día perdemos a terra, as miñas arroutadas pagás e as miñas lembranzas da infancia pídenlle a Iemanjá unha onda que asolague o mal goberno e encha de marés vivas un país que nunca as precisou tanto. A dous de febreiro, salve raíña!

E por suposto, o 2 de febreiro é un día tan bo como calquera outro para retomar un blogue que perdeu o ritmo entre vacacións, enfermidades, viaxes e partidos internacionais de billarda.

#Activismo e resistencia#Cotidiano#Mitoloxías

10/11/2010 by marioregueira

A outra visita do Papa

Será que vou vello, pero aínda lembro a visita do Papa que precedeu á deste ano. Xoán Paulo II tiña a ben honrarnos coa súa presenza no verán do ano 1989, focalizada, naturalmente na cidade de Compostela. Pero eu daquela non estaba en Compostela, e nin imaxinaba sequera a importancia que Compostela tería na miña vida. Aos meus dez anos contemplei todo o percorrido papal pola televisión, na casa dos meus bisavós.

Botando contas, a imaxe do papamóbil atravesando a cidade de pedra debe ser a primeira lembranza informativa da miña vida, toda vez que faltaban meses para a caída do muro e a invasión de Panamá, novas que tamén lembro con moita intensidade. E non a lembro por nada. Á miña idade experimentaba o peso da educación cristiá, aínda que é certo que transmitida cunha serie de contradicións que aínda non soubera resolver. Se lembro aquela tarde con nitidez, era porque me impactaba a figura do Papa no meu país, creo que por esa mesma razón estaba parte da familia fronte á televisión, incluída a miña bisavoa, que tiña daquela algo máis de oitenta anos.  Claro que máis me impactou cando esta, para espanto das súas fillas presentes, comezou a insultar a Xoán Paulo II segundo apareceu na pantalla, crecendo en intensidade a cada avance deste sobre chao galego e atopando un certo cumio cando o polaco se atreveu a tatexar unhas palabras na nosa lingua.

A resposta da familia foi máis ou menos unánime: a bisavoa estaba a perder a cabeza. En parte non era falso, na recta final da súa vida, a miña bisavoa acusou problemas dese tipo, porén o daquela tarde tiña un punto pouco habitual, mesmo tendo aquilo en conta. Ela, que sempre se caracterizara por ser unha muller relixiosa, desataba unha furia nunca vista contra aquel outro ancián que vestido de branco atravesaba a capital do seu país nesa mañá de agosto.

Pasaron anos antes de que eu puidese explicar ese e outros feitos. Anos nos que entender a presión que os cregos exerceran sobre a miña familia na inmediata posguerra. Anos para saber que un irmán do meu bisavó fóra acusado polo crego de queimar a igrexa local e enviado sen máis probas a morrer á fronte do Ebro. Tempo no que saber que os propios irmáns dela tiveran que saír do país por enfrontarse ás expropiacións que as forzas franquistas facían esporeadas polos mesmos cregos. Demasiados anos nos que ela e o seu home se erguían os domingos para traballar a terra que daría de comer aos seus fillos, e aturaban en silencio resignado os berros do sacerdote, porque en domingo non se traballaba. Máis anos aínda para entender as outras presións, as que lle amargaron a vida polo simple feito de nacer muller. Aquela tarde de 1989 acabou a paciencia e o silencio, demasiado maior xa como para ter medo de nada, nin sequera desa ameaza de condenación eterna, da que, de existir deus, o polaco tamén non debería estar libre. Cando anos máis tarde o meu bisavó estivo no seu leito de morte tamén rexeitou o confesor todas as veces que, como un corvo que ventase a morte, se lle ofreceu. Finalmente chamouno co último alento para dicirlle que nunca lle fixera mal a ninguén, que se cadra outros non poderían dicir o mesmo.

Rexeitar a visita do máximo representante da Igrexa vai máis aló das cuestións de fe e respecto relixioso á que quixeron reducila. Unha vez máis a súa chegada supuxo o silencio da censura e a violencia da represión. Non se trata do que cada quen, na súa conciencia, poida crer, nin da porcentaxe de xente que supostamente o crea, senón de que o resolvan exactamente a ese nivel: o da súa conciencia, e a ser posíbel cos seus propios cartos. Ningunha fe pode impoñer unha xerarquía que estea por riba da sociedade, nin sequera aos seus propios fieis, e moito menos aos que non o somos. Ningunha fe pode militarizar unha cidade e agredir aos que disenten dos postulados irracionais nos que basea o seu poder. Esa situación xa a vivimos durante demasiados anos e é a causa de que o rastro da Igrexa católica no noso país estea marcado a sangue e lume e forme parte da historia universal da infamia. Unha vez máis tratárannos de tolas, sinxelamente por romper ese silencio, e unha vez máis iso representa un paso adiante, un exemplo que dar ás xeracións vindeiras.

#Activismo e resistencia#Galiza#Mitoloxías

05/11/2010 by marioregueira

As conseguintes relacións de cooperación

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies