Viña a saber hai unhas semanas que nalgún lugar da Cornualla grupos de activistas están a crear unha rede de ensino infantil en córnico. A nova non sería digna de mención de non ser porque a lingua propia da península foi extinguida no século dezaoito e substituída pola lingua máis poderosa do mundo, o inglés. A persistencia do movemento social conseguiu que o córnico volva de entre os mortos e esfórzase para que dentro duns poucos anos estea a camiñar de novo por entre a sociedade da pequena nación británica. Como ben evidencia as citas de Kadaré ás que nos referiamos a semana pasada, acabar cunha lingua non é unha cousa tan doada, mesmo facela retroceder pode representar unha tarefa titánica e mesmo nos casos nos que se canta vitoria as lingua proscritas volven no momento máis inesperado e seguen enchendo o mundo co son disconforme da súa diversidade.
Será por iso que me pareceu especialmente axeitado que fose nas inmediacións do Samaín cando os medios galegos decidisen volver, unha vez máis, da súa enésima morte, tan falsa como foron todas as anteriores. A festa, a mesma que aldeas e arrabaldes aínda lembran d@s devanceir@s, moito antes da chegada do cinema americano, celebra precisamente ese único momento do ano no que as ánimas teñen licenza para volver do alén ao mundo dos vivos e visitar a súa vella contorna. Estou seguro que nalgún lugar perdido da tradición existe unha alusión a esa forza do rexurdimento, ás vinganzas xusticeiras que os vencidos pero nunca derrotados efectuaban aproveitando a circunstancia máxica.
Os medios en galego formulan a súa vinganza da forma máis elegante posíbel: seguindo adiante entre o fragor e demostrando que hai unha parte da sociedade que nunca se vai dar por vencida e que remoerá ceo con terra antes de asinar a claudicación. Da presentación dun deles fico co episodio sobre as cousas á que sobreviviu este pobo e aos retos aos que se enfrontou á súa cultura. E resáltoa porque moito máis aló da reivindicación dun resistencialismo abstracto como bandeira, en moi poucos sitios atopei unha verdadeira valoración do esforzo que fixo a nosa sociedade a través dos tempos para manter viva a súa cultura. Unha valoración que debería ser optimista, aínda que só fose polo feito de seguir tendo a lingua autonómica con máis falantes porcentuais do estado, ou pola súa propia existencia contra todas as agresións organizadas e desorganizadas. Aló onde outras linguas desapareceron (como o córnico) ou afogaron até a mínima expresión (o astur-leonés, aquí ao lado), nós entramos no século XXI cunha grande literatura, cun panorama musical que roza a xenialidade e, contra todas as expectativas, con medios de comunicación propios, erguidos polo propio tesón da nosa sociedade. Máis aló do derrotismo e da desesperación eu conto moitos máis días nos que me sinto orgulloso de formar parte deste país, da súa longa tradición de teimud@s irredutíbeis, e do sorriso imbatíbel que ostenta fronte aos imperialistas fracasados de todas as xeracións.