31/01/2018 by marioregueira

Os mellores libros de 2017

Non quería deixar de acabar xaneiro sen deixar unha nota sobre os que considero os mellores libros do pasado ano en lingua galega. Como digo sempre, hai moitos outros e é unha lista caracterizada por ser persoal e, por tanto, inxusta en moitos aspectos. Este ano, ademais, fun consciente de como seguir as propias regras destas seleccións trae tamén outras inxustizas, dous dos libros que levaban semanas na miña mente como os máis destacados do meu pasado ano lector resultaron estar editados a finais de 2016. Se cadra isto me dea para pensar en como, máis que de libros do ano, debamos falar de libros dun curso literario que coincide máis ou menos cos clásicos cursos escolares, cun verán lector polo medio. Se cadra decida trasladar esta lista a comezos de xuño ou finais de setembro. Polo momento, aquí están as propostas que eu destacaría deste pasado 2017.

Limiar de conciencia, de Cris Pavón (Urco Editora)

Pode un libro auto-editado na rede hai máis de catro anos destacar como unha das propostas de 2017? Hai tempo que acredito na capacidade de Cris Pavón para trazar camiños orixinais na narrativa galega, xestionando referencias ben complexas e orixinais. Se cadra Limiar de conciencia sexa o produto máis logrado disto, un auténtico asalto á narrativa convencional, cunha trama que alén do seu xogo de bonecas rusas, inclúe elementos como a linguaxe informática ou as intelixencias artificiais que seguen aparecendo como animais exóticos nos mundos que habitualmente transita a narrativa nacional. Lembrarei 2017 como un ano cheo de boas novelas pero das que ningunha conseguiu sorprenderme ou tocarme, polo menos non como o fixera esta xa no seu momento. Se cadra pola súa capacidade de que ese momento seu continúe sendo agora.

Camuflaxe, de Lupe Gómez (Chan da Pólvora)

Lupe Gómez tería a etiqueta de clásico das nosas letras se non manifestase a vitalidade e as boas artes que aparecen en libros coma este. Ou dito doutra forma, Lupe Gómez non pode ser un clásico porque os clásicos non acostuman estar tan vivos nin seguir construíndo obras dunha orixinalidade sen paliativos. Camuflaxe pasará por ser o mellor libro da autora, o máis logrado dun proxecto poético que nos deixara marcas como unha lategada, pero que nunca chegara a ofrecernos un fondo tan claro, a noción de que o tema transcende unha forma poética arriscada. Un tema que fala da memoria e da perda, pero que tamén supón todo un tratado sobre as relacións entre o rural e o urbano e todo un berro de rabia contra a extinción.

Terra, de Xurxo Mariño (Xerais)

Hai algo en Xurxo Mariño que evoca un personaxe doutro tempo. A propia idea de facer unha viaxe arredor do mundo, por exemplo, pero tamén a crenza de que, nun mundo interconectado e no que a información flúe cunha facilidade inédita para o ser humano, segue pagando a pena realizar esa travesía e ir contando as distintas anécdotas e aprendizaxes que unha experiencia así ofrece. Terra é un froito inesperado a medio camiño entre a literatura de viaxes e a divulgación científica. Xurxo Mariño destacaba como divulgador no campo da neurociencia. Nesta obra o protagonismo oscila entre a bioloxía e a xeoloxía, sen esquecer a perspectiva sociolóxica e antropolóxica, o aspecto emotivo e mesmo o político, nunha viaxe que acontece cun principio tan poético como o de perseguir o verán polo globo. Sen dúbida un libro único e unha experiencia inimitábel.

A señorita Bubble, de Ledicia Costas (Xerais)

Incorporando á triada clásica de xéneros a chamada literatura infantil e xuvenil, este ano quero destacar a máis nova obra de Ledicia Costas. Tal e como mencionamos nalgún lugar, hai un pouso moi ben levado dos universos de Roald Dahl, capaces de conxugar o divertido co tétrico, apostando sempre pola intelixencia dun público novo. O estilo non é novo, nin sequera na obra da autora, e porén hai algo que fai a señorita Bubble un personaxe inesquecíbel. Probabelmente a forma de representar unha heroína en loita contra a sociedade e capaz de empregar a ciencia e a tecnoloxía ao seu favor. Elementos todos tan necesarios como poucas veces vistos na nosa literatura.

#2017#Chan da Pólvora#Cris Pavón#Crítica#Ledicia Costas#Literatura#Lupe Gómez#Urco Editora#Xerais#Xurxo Mariño

29/11/2017 by marioregueira

Presentación de “Somos de Arxerís” de Xosé Carlos Carracedo Porto

As primeiras referencias a territorios inventados son máis políticas que literarias. A tentación de imaxinar unha sociedade onde a política imposíbel da realidade aconteza xa se percibe na República de Platón e adquire matices decisivos en obras como Utopía de Thomas More, onde atopamos a abolición da propiedade privada moito antes de que se lle ocorrese a Marx. Algo desa estirpe política acaba pasando sempre á literatura. Se cadra o seu mellor exemplo sexa a cantidade de sociedades distópicas que serviron para denunciar opresións tan duras e reais como a propia vida, aínda que eu sempre me preocupei por buscalo tamén nos territorios creados desde os espazos próximos ao realismo máxico.

Comala e Macondo, as súas principais referencias, existen para recrear algo que os seus autores perciben na propia realidade, pero dunha forma inatinxíbel. Representan unha cultura, ás veces en trazos que se pretenden esenciais, como querendo rescatar todas aquelas cousas que, espalladas en lendas e vellos usos sociais, forman parte dunha identidade sen que nos decatemos. Do que non pareceron ser conscientes os seus autores é de que esa identidade esencial, se existe, faino en completa dependencia dun momento temporal concreto. Como temporais son tamén os seus mitos e lendas.

A primeira cousa que me chamou a atención neste Arxerís de Xosé Carlos Carracedo é como ese elemento que é o tempo está actualizado. Arxerís non é unha Arcadia feliz, é unha sociedade complexa, que porén mantén unha gran consciencia sobre a súa situación cultural, tanto a un nivel local como internacional. Nas súas tabernas discútese sobre a orixe das vangardas galegas, por elas pasaron boa parte dos nosos escritores e intelectuais e hai quen di que tamén algunha estrela internacional do rock. Ao mesmo tempo, é unha sociedade sometida a moitas das problemáticas contemporáneas, cunha turbia relación coas obrigas laborais, con determinados obxectos e coa ansiedade que produce ter que encaixar na uniformidade gris ou apostar por ser diferente. En certo sentido, seguimos a percibir trazos dunha identidade, pero nun sentido contemporáneo, sen concesións á nostalxia e sen perder de vista moitos dos problemas aos que nos enfrontamos no mundo real. Penso que Carracedo ideou este espazo con dúas intencións: a primeira crear unha sociedade que lembra a nosa sen selo. A segunda, aproveitar ese espazo para experimentar formas novas de narrar e crear as propias regras. Por iso considero que esa mestura entre representación é elementos de sorpresa é unha das mellores cousas que o libro pode ofrecernos.

Sei que a relación de Xosé Carlos Carracedo e desta súa primeira obra con Xosé Neira Vilas é moi intensa e que o autor de Gres chegou a ler a versión inédita de Somos de Arxerís. De Neira Vilas cítase case sempre a súa capacidade para recrear un mundo rural, e sempre me chamou a atención a cantidade de xente que che fala de Memorias dun neno labrego cun ton soñador na mirada, como a novela tratase de lembranzas amábeis de infancia. Chámame a atención porque eu lémbroa como unha das lecturas máis duras coas que topei na miña mocidade. Pero creo tamén que esa dupla calidade é o que fixo de Neira Vilas un autor relevante durante a década dos sesenta. Capaz de evocar elementos cos que moitas persoas da Galiza se identificarían idilicamente, pero denunciando tamén canto de idilios e arcadias faltaba nesas paisaxes. Penso que, ao contrario que a maior parte da xente, alguén recolleu a lección que Neira Vilas deixa nese e noutros libros: falar de vidas e realidades construíndoas dunha forma literariamente fermosa, pero sen idealizalas, sen esconder os seus elementos terríbeis. Así, aínda que o autor de Memorias dun neno labrego practicou sobre todo o realismo, estou seguro de que lle gustaría saberse inmortalizado como cliente das baiucas de Arxerís, convivindo con personaxes que, lonxe de vivir no territorio fácil da utopía, loitan por sobrevivir e, ás veces, atrévense a soñar cun mundo mellor. Porque, como apuntaba ao principio, sempre hai algo profundamente político en imaxinar unha realidade distinta á que nos tocou vivir.

Non quero rematar sen referirme á sorte de que un conxunto de narracións coma esta teña un fotógrafo como Fuco Reyes, nin ao mérito que ten conseguir imaxes dun espazo fantasmal, que é como entendo eu o territorio que nos presenta Carracedo. Entre os seus obxectos abandonados e nalgunhas das perspectivas nebulosas está o complemento ideal para estes relatos e fan que nos sintamos como outra das sombras que pasean por Arxerís. Unha vila concibida como unha parte de nós, pero tamén como un espazo de liberdade para os seus creadores e coa que temos moita sorte de poder contar.

#2017#Carlos Roma#Fuco Reyes#narrativa#Textos de presentación#Xosé Carlos Carracedo Porto#Xosé Neira Vilas

13/09/2017 by marioregueira

Adeus, Xohana

Na miña promoción de filoloxía galega acompañamos ese cadro terríbel chamado orla cuns versos de Xohana Torres. Pero eu non beberei da xerra do silenzo. Poderían ser outros, na cultura popular galega continúa presente o Eu tamén navegar da Penélope que se revolve contra o seu destino de tecedeira. Un dos poucos casos nos que podemos lembrar inmediatamente unha cita coa simple mención da súa autora e posibelmente un dos versos máis citados e retorcidos na literatura galega de todos os tempos (tamén, si, en Tanxerina).

Xohana Torres soubo estar presente en cada momento determinante da poesía galega. Foi poeta dos cincuenta cando ser poeta e muller non era cuestión doada. Participou do renacemento poético dos oitenta e fixo de precursora dos noventa, cunha obra que acompañaba a revolta literaria das xeracións máis novas, que non dubidaron en considerala como unha máis. E falou de Ferrol, corazón de navío, cando Ferrol parecía expulsado para sempre das paisaxes da poesía galega. A autora soubo medir os ritmos literarios galegos dunha forma practicamente inédita, e conseguiu ser sempre contemporánea, que é aquilo que se di habitualmente dos clásicos. E non só na poesía. O seu papel de precursora aparece tamén na literatura dramática, na inesquecíbel Adiós, María!, parte da escasa narrativa de autoría feminina do seu tempo e capaz de colocar as cidades e o seu proletariado migrante nunha literatura galega ancorada aínda no imaxinario rural.

Precisamente por esta consonancia cos tempos é que resulta doado imaxinar como foi a Xohana Torres que iniciou a súa carreira na Galiza da posguerra. Polo medio dos tomos de correspondencia e das biografías aparece de vez en cando a súa imaxe. Convidada cabaleirosamente por Otero Pedrayo tras un recital en Santiago, mencionada como amiga que sofre coitas de amor, como a alumna espelida de Carvalho Calero que agora aborda unha carreira literaria, como a muller que, polo seu predeterminado instinto maternal debe comezar a escribir literatura infantil. A moza illada no norte, envolta en misterios e silencios que non pedira e que probabelmente tampouco exerceu de forma voluntaria. Máis rapaza que muller e, polo feito de selo, coa sombra inmensa de Rosalía de Castro proxectada a miúdo tras ela.

E porén, máis aló do paternalismo e dos condicionantes, do camiño cheo de boas intencións que non leva a ningures, Xohana Torres navegou. Se cadra sexa isto o mellor do seu legado. Que foi capaz de sobrepoñerse a un mundo de homes anquilosados en prácticas sociais que xa eran vellas cando naceron, que soubo ensinarnos que a mocidade é unha tarefa diaria, que soubo dialogar cos elementos novos que traían os tempos. E con nós, as persoas que chegamos despois.

Boa viaxe, Xohana, navegaremos por ti.

#Activismo e resistencia#Feminismo#Galiza#Literatura#Literatura de posguerra#Xohana Torres

11/07/2017 by marioregueira

Oposicións, santuarios e violencia

Mozas de Georgia lendo a Faulkner no caloroso verán de 1971, Philip Bouchard (CC BY-NC-ND 2.0)

Lin Santuario con dezaseis ou dezasete anos e posiblemente por iso non o esquecerei nunca. Sen relelo nin unha soa vez, teño vívida a memoria do seu estilo, do ambiente rural opresivo e da violencia que describe. Elementos que descubriría anos despois na narrativa galega da posguerra, no noso caso artelladas para sortear a censura política e filtrar unha mensaxe que non podía facerse de forma máis evidente. Describir un universo mesto, onde as persoas se impoñen unhas a outras pola forza, e que esvara cara ao bizarro e o marxinal, producindo unha sensación de fonda estrañeza nas persoas lectoras, serve para facer un reflexo da sociedade norteamericana dos anos do crack. A estratexia tamén servía para representar, en liñas similares, a sociedade do franquismo, coincidente en moito con ese retrato. Nos dous casos había un pouso de denuncia social indirecta, cun matiz necesario no caso do Estado español, onde non había posibilidade algunha de formular unha denuncia patente.

Pregúntome como é posíbel que, anos despois, unha parte da sociedade crítica da Galiza apoie as protestas pola escolla dun texto desta obra para as probas das oposicións. Son consciente de que Faulkner pode representar unha opción particularmente difícil, que traballar cun hipotético alumnado sobre violencia e sexualidade tamén é un exercicio complexo, e que seguramente hai motivos suficientes para indignarse nun proceso de oposicións que representa en si mesmo unha pequena tortura. E porén o que indican a maior parte das protestas non é nada diso, senón que o texto escollido describe un acto de violencia sexual.

Non comparto a maior parte das críticas que se fixeron neste sentido, nin sequera as de persoas coas que habitualmente estou de acordo. Así, comparto con Susana na necesidade de mover os marcos, da mesma forma que penso que os novos marcos non os constrúe a escolla dun tribunal de oposicións e que máis responsabilidade teñen este tipo de reaccións no seu futuro, que deixan unha imaxe máis confusa que politizada, tamén nos camiños que as futuras autoras teñen que percorrer.

Rexeitar un texto porque describe unha violación, falar de “deleite” nun acto descrito como forma de representar e denunciar unha violencia social na que as mulleres son as primeiras vítimas, supón confundir narración con apoloxía, algo que non se agardaría de persoas responsábeis da formación de outras. E por suposto máis aínda consideralo parte do canon da cultura da violación, do que forma parte tanto como poderían facelo as violacións que describen Margaret Atwood ou Eduardo Blanco Amor, que probabelmente non merecerían nin unha mínima parte destas reaccións.

Toda unha vida de escrita para que te poñan mirando un aparcamento – Visit Mississippi CC BY-ND 2.0

O acontecido non deixa de lembrarme certos fenómenos que acontecen no ensino universitario ou na literatura galega. O rebaixamento do nivel educativo para ofrecelo a gusto do consumidor, que pasa por evitar ao alumnado calquera tipo de frustración ou conflito deste tipo, por exemplo, unha tendencia á alza no contexto europeo. Pensar que pode haber superviventes da violencia sexual entre as persoas examinadas é relevante, sen dúbida, pero tamén abre o camiño a evitar outro tipo de textos a vítimas doutro tipo de violencias e experiencias traumáticas. Tamén a presupoñer que unha persoa, polo feito de ser supervivente da violencia sexual, fica eivada á hora de analizar os discursos que se realizan sobre ela, mesmo cando estes funcionan na súa contra ou destacan o seu papel nas relacións de poder, colocándose fóra das dinámicas habituais do patriarcado. Se algo facemos desde a filoloxía é estudar discursos e sabemos (ou deberamos saber) como se constrúen e que elementos empregan. E sen dúbida, onde non hai conflito, non hai discurso. Non se pode falar contra a violencia desde a literatura sen mencionar e describir a violencia. Pódense, iso si, facer panfletos.

Isto faime pensar tamén unha liña preocupante dentro da literatura galega contemporánea. A necesidade de estabelecer discursos unívocos e maniqueos, onde as persoas boas son boísimas e ideoloxicamente perfectas e as malas, malas de telenovela. E onde calquera alusión á zona escura do ser humano vai acompañada dun prego de descargo onde a voz autorial deixa perfectamente claro que condena o que alí (en xeral asepticamente) conta. Unha forma de empobrecer o discurso e de renunciar a outras estratexias que non sexan mastigar minuciosamente ao lectorado ideas xustas. Tan xustas que merecerían formulacións literarias menos pobres ca aquelas coas que habitualmente son tratadas. Despois virán as sorpresas e as dificultades para identificar o inimigo. Como me dixo unha amiga miña, opositora de galego, sobre este tema:

– O que me amola é que todo o mundo proteste polo de Faulkner e ninguén diga nada de que en galego nos puxeron un poema de Noriega Varela. Iso si que é violencia.

#Activismo e resistencia#Feminsmo#Literatura#Oposicións 2017#William Faulkner

02/05/2017 by marioregueira

Caetano, de novo na Galiza

Teresa Cristina e Carlinhos Sete Cordas representaban unha viaxe ao pasado. A historia do samba pode percorrerse case sen equipaxe, só con voz e guitarra, así, aínda que botemos en falta a intro orixinal de Preciso me encontrar, Cartola e os seus letristas aparecían resucitados nunha actuación con poucos artificios. Tan sinxela que poderían trasladala a un bar, aínda que non podemos enganarnos, seguramente a maior parte do público non respondería calidamente a un espectáculo que entendían como un simple aperitivo.
Así, se Cartola era unha parte da historia da música popular brasileira, Caetano representaba o seu punto culminante, a súa continuación natural. E sospeito que o concerto foi programado seguindo ese mesmo principio. Unha colección de grandes éxitos que se movían con fluidez entre as raíces da bossa, a renovación que supuxo o tropicalismo e algunhas (moi poucas) referencias á carreira inmediata do cantor. A última vez que vin a Caetano ao vivo foi hai case unha década no mesmo Palacio da Ópera da Coruña, nun concerto dentro da xira do . Caetano fixera un disco de rock con case sesenta e cinco anos, e aparecía vestindo roupa vaqueira, saltando polo escenario e acompañado dunha banda formada por persoas novas. Conseguira facelo unha vez máis, ser capaz de encarnar simultaneamente historia e músculo impulsor da música brasileira. O Caetano do pasado domingo estaba xa máis perto de João Gilberto que de calquera cousa que tivese algo que ver co rock. Sentado coa guitarra durante a maior parte da actuación, Caetano podería ter gravado un grandes éxitos ao vivo, algo máis que suficiente para a maior parte do público da Galiza. Seguramente eramos só uns poucos os que ficamos con ganas de ter, ademais, outra cousa, aínda que fose escoitar Um comunista na véspera inmediata do primeiro de maio.

Os vellos do lugar lembran sempre dun dos primeiros concertos de Caetano na Galiza, a finais dos anos oitenta. Parece que se dirixiu ao público consciente de que estaba a tocar na terra na que nacera a lingua portuguesa, unha lingua que seguimos a falar con particularidades propias e á que demos o revolucionario nome de galego. A consciencia lingüística de Caetano non é habitual nos artistas brasileiros, que tratan de expresarse moitas veces nun portuñol que deixa sorprendido (ou irritado) a unha parte do público. Para alguén que dixo que unha das cousas máis marabillosas do Brasil era que falase a lingua portuguesa, é evidente que a marabilla continúa no feito de esta terse orixinado en boa parte dun territorio que non forma parte de Portugal. Así, unha parte do público agardaba que aparecesen de novo esas vellas complicidades. “Sempre que venho a Corunha falo português porque sei que vocês percebem. E gosto muito de que seja assim”. Desta vez non houbo alusións ao sotaque lindo da xente cando cantou con el, como en Vigo no 2003, pero foi suficiente para lembrar que Caetano segue a ser unha das poucas persoas con consciencia cultural dos lugares nos que canta. Con virtudes e defectos, seguimos a ollar para el como quen olla para as marabillas e os milagres.

#A Corunha#Ao Vivo#Caetano Veloso#Carlinhos Sete Cordas#Cartola#Concertos#Galiza#MPB#Teresa Cristina

21/03/2017 by marioregueira

Pasolini e os autobuses

Pasolini ante a tumba de Gramsci. (Dominio Público)

Alguén editara unhas listas de obxectivos da extrema dereita italiana dos anos setenta. Ou da operación Gladio, que viña sendo o mesmo. Un dos meus amigos comentábamo nunha cafetería de Barcelona. O que máis lle chamaba a atención é que, entre os tres primeiros nomes aparecía o de Pier Paolo Pasolini, como un obxectivo prioritario, moi por riba dalgúns líderes políticos comunistas. Que ameaza podía representar Pasolini? Un director de cine, un intelectual, un poeta que, como tantos poetas, probablemente nin sabía manexar armas.
Os procesos nos que se trama a represión sempre son elocuentes a respecto das xerarquías do inimigo. Creo que Pasolini tiña moitos números para estar na cúspide dos odios da parte máis conservadora da sociedade italiana. Unha persoa capaz de representar o réxime pro-nazi de Saló como unha comunidade sadomasoquista con delectación cara a coprofaxia. É dicir, que a burguesía italiana obrigara o pobo a comer a merda dun pacto coa Alemaña de Hitler, e ademais obtiña un pracer inconfesábel ao contemplalos. Sen dúbida ninguén atacou os responsábeis da participación na guerra con tanta saña e cun retrato tan cru e directo. A propia vida do director, homosexual confeso, cristián e militante comunista, era unha permanente provocación e a súa morte turbia e sospeitosa, tamén o foi. A mans dun menor de idade que se prostituía habitualmente con el, ou asasinado por uns asaltantes misteriosos ao grito de “porco comunista”, calquera dos dous desenlaces que se barallan encaixaría perfectamente coa súa vida e co seu proxecto artístico.
A xente que quería a Pasolini morto non temía o seu papel na organización dunha revolta comunista. Temía a súa sexualidade e, sobre todo, o seu discurso sobre iso. A forma na que o autor os sacaba da súa zona de confort facendo que as súas crenzas ancestrais cambaleasen, e aínda se atrevía a reivindicar para iso unha espiritualiade cristiá auténtica acusándoos de hipócritas. Seguro que mesmo así, Pier Paolo se sorprendería de saber que os seus inimigos lle tiñan tanto temor como para querer que morrese entre os primeiros.

Parte da campaña de Chrysallis

Unha sorpresa semellante deberon sentir na asociación española Chrysallis ao ver a enorme reacción que xerou entre a extrema dereita unha das súas campañas. Creada para apoiar as crianzas transexuais, a tese da asociación foi tan sinxela como explicitar que pode haber nenas con pene e nenos con vulva. Unha sentencia tan simple como pedagóxica, especialmente porque matiza a frase coa que á maioría das persoas lles explicaron as diferenzas anatómicas nalgún momento da infancia. Máis aló de volver explicar a teoría de xénero, diferenciando a identidade social das características físicas e como non é obrigatoria a correlación entre ambos campos, en Chrysallis foron á mensaxe máis simple. E seguramente foi esta simplicidade unha das razóns da campaña á contra que sufriron e aínda sufren. Chrysallis non tivo a necesidade dunha obra provocadora para estar no punto de mira dunha parte da sociedade do Estado español, pero as razóns son moi similares ás que condenaban a Pasolini. Non hai peor ataque ao conservadurismo que impugnar a súa explicación do mundo, un mundo que pretenden natural e a apolítico e ao que estes remendos evidencian como unha estrutura profundamente ideoloxizada até nos detalles máis simples. Nin hai só dous xéneros nin, de habelos, estes se corresponderían inequivocamente cunha xenitalidade física concreta, defendelo é unha postura ideolóxica. Unha postura ideolóxica conservadora, para ser máis precisos e que naufraga procurando lexitimacións fóra do seu propio corpus doutrinal (tal e como xente da ciencia e da bioloxía lles lembra periodicamente).
A resposta que os ultracatólicos e conservadores deron coa súa flota de autobuses, apelando a unha conspiración, deixa en evidencia o verdadeiramente débil da súa postura. E aínda que considero que cada quen ten dereito a defender as perspectivas que estime pertinentes (que para iso son ideoloxía), encontro algo verdadeiramente mesquiño nesta campaña en concreto. Non só por estar dirixida contra unha das minorías menos protexidas da sociedade occidental e, indirectamente, contra as crianzas que se atopan dentro dela, senón tamén polo emprego demagóxico e banal de conceptos como a liberdade de expresión. Pero sobre todo por ser un ataque contra algo que, mesmo dentro da tese máis ultra destes intolerantes, correspondería principalmente á vida privada das persoas e a liberdade de construír o seu aspecto e identidade como queiran. Unha vez máis, a dereita católica explicándolle aos demais como teñen que vivir e como se teñen que considerar, non sexa que a eles lles falle o firme que pisan cos pés. Pasolini, que sabía ben como acaban estas aventuras, non dubidaría onde situalos.

#Activismo e resistencia#Chrysallis#LGBTQ#Pasolini

12/02/2017 by marioregueira

Aeroporto Rosalía de Castro

En Liverpool non hai un Auditorio John Lennon, pero si hai un aeroporto. No Rio de Janeiro un dos dous, o antigo Galeão, está dedicado Antonio Carlos Jobim, que o mencionaba en Samba do Avião e que, segundo parece, tiña ademais medo a voar (o outro está dedicado ao pioneiro da aviación Santos-Dumont, para compensar). Os criterios que empregan os países para estas cousas son sempre ambiguos. Teño a sensación de que a maioría das veces é unha mestura de atracción turística e de honra menor e que en moitas ocasións póñense nomes a aeroportos que nunca levarían outras cousas máis importantes. Outras veces a política é non tocar os topónimos orixinais para non facela peor. Seguramente a miña opción favorita.

Adaptada de Above Us Only Sky de Martjin Van Es – CC BY-NC-SA 2.0

Non me opoño, contodo, a que Rosalía de Castro dea nome ao aeroporto de Compostela, simplemente pregúntome se foi un movemento intelixente. O principal argumento que escoito di que Rosalía vai dar a benvida a milleiros de visitantes de todo o mundo. Na miña última visita a Edimburgo, chegando á estación de tren de Waverley fun consciente por primeira vez que estaba nomeada en honra a unha novela (e ciclo narrativo) de Walter Scott. As citas do autor, que ten na cidade o maior monumento nunca dedicado a un escritor, daban a benvida a quen viaxaba sen que ninguén tivese a idea xenial de marcalo nun epónimo. En certo sentido, a relación entre Edimburgo e o seu fillo Walter Scott é tan intensa que certas cousas están a máis. Será que Compostela fracasou á hora de marcar a súa relación coa poeta romántica até o punto de ter que estampar o seu nome na porta de entrada?

Edimburg from Scott Monument, Oliver-Bonjoch, CC BY-SA 3.0

Persoalmente creo que hai homenaxes moito máis acaídas e que non precisarían do visto bo do Ministerio español de Fomento. Sen entrar nas múltiples referencias rosalianas que hai na propia cidade, estou seguro que mesmo cousas como asegurar o emprego do galego por parte das compañías aéreas ou a disponibilidade de literatura na nosa lingua na terminal están moito máis no espírito de Rosalía que a simple adopción dun novo nome para Lavacolla. Tamén son moito máis difíciles e requiren dun traballo constante, claro.
Unha segunda cuestión é en que medida a memoria de Rosalía, sen ningunha relación estreita con Lavacolla nin coa aviación, pode servir para ocultar outros elementos históricos.
Eu tiña unha proposta clara, sen ningunha relación con Lavacolla: o único aviador galeguista que tivemos, Elixio Rodríguez, de quen o país galego precisaría unha pouca da súa sorte emprestada. Porén, fóra da miña aposta persoal, hai outra aínda menos evidente que porén apela a unha relación íntima co propio aeroporto. Pasaría por reivindicar o seu pasado como campo de concentración franquista. Aínda que se fixeron homenaxes, e hai algunha placa, sempre lonxe da vista das pasaxes e do turismo, é preocupante que moita xente descoñeza que o tal aeroporto foi construído con man de obra escrava de prisioneiros da Guerra Civil Española.

Insignia de piloto, República española, Pla – CC BY-SA 3.0

Supoño que un nome como Aeroporto Internacional Antifascistas de Lavacolla está fóra do debate, reabre vellas feridas que unha autora, galega e española como Rosalía está lonxe de poder tocar. Tamén quedaría mal á hora de mercar souvenirs nalgunha das tendas, que seguro sairán gañando ao representar a efixie da poeta. A fin de contas, máis que do seu legado ético e literario, este pobo é herdeiro do vello costume de facer de Rosalía unha feira.

#Activismo e resistencia#Cotidiano#Guerra Civil española#Lavacolla#Literatura#Rosalía de Castro#Santiago de Compostela

23/01/2017 by marioregueira

Os mellores libros de 2016

Unha vez que a maior parte das listas máis ou menos colaborativas foron saíndo á luz, quero deixar, igual que o xaneiro pasado, a miña impresión do ano literario en lingua galega. Como xa dixen, e imaxino que seguirei dicindo no futuro, isto é unha lista mínima e completamente persoal, que é a única forma que teño de facela. Do que lin (que foi moito, pero tampouco foi todo), eu quedaría con estes libros para resumir o 2016. Sobra dicir que hai moitos outros excelentes, algúns, capaces de disputarlles o protagonismo a estes, simplemente eu comezaría por eles.

Cara ao leste, de Antía Nara (Xerais)

Para min, unha das sorpresas literarias do ano. O regreso á narrativa de Antía Nara, cunha novela de tese, capaz de xerar o seu propio suspense cenital apelando a un argumento tan de actualidade como liberado dos tópicos esencialistas cos que habitualmente é tratado. O xenocidio silencioso que despoboa o noso país de mocidade, o papel das identidades subalternas na realidade rural, a propiedade da terra ou o futuro dunha Europa post-soviética son temas que, por desgraza, non é habitual ver na literatura galega contemporánea. E moito menos tratados con esta mestría.

Suicidas, de Fran Cortegoso (Chan da Pólvora)

A pena máis grande do ano foi o pasamento dun autor novo e prometedor, pero tamén ver como o relato do seu final ameaza con reinterpretar unha aposta poética que debería ir moito máis alá e ser lida á marxe das lendas e os seus acasos. Suicidas non é un libro importante por ter saído días antes de que o seu autor finase, deberá ser un libro importante para nós por moitas outras cousas, entre elas unha aposta lírica cunha densidade non vista antes e unha perspectiva ante á creación poética tan abranxente que é imposíbel evitar o sentimento de vertixe.

Novas do Exterior, de Xosé Luís Santos Cabanas (Axóuxere)

A crónica de Santos Cabanas conmove por dous motivos: o primeiro e máis evidente pola historia que narra, que parte da detención do seu fillo, Antom Santos e continua nos 63.000 quilómetros de viaxes á cadea do subtítulo, a parte máis visíbel dun calvario xudicial e penitenciario absolutamente kafkiano. En segundo lugar, porque o pai do prisioneiro é capaz, mesmo así, de ofrecer un relato de calidade, cunha certa distancia que porén non deixa de denunciar os absurdos que rodearon o xuízo, o castigo engadido da dispersión e do réxime penitenciario, ao tempo que testemuña a solidariedade que lle foi saíndo ao paso.

#2016#Antía Nara#Axóuxere#Chan da Pólvora#Crítica#Fran Cortegoso#Lectura#Literatura#Xerais#Xosé Luís Santos Cabanas

24/06/2016 by marioregueira

Inglaterra prevalece

Alan Moore imaxinouno a finais dos 80. Un Reino Unido que sobrevive a unha guerra nuclear que acentúa o seu illamento. Un goberno fascista e clerical que persegue calquera forma de disidencia. Conflitos territoriais en Escocia e políticos con apelidos galeses entre os dirixentes. V de Vinganza, a obra realizada xunto a David Lloyd trataba de dixerir os case dez anos de Margaret Thatcher no poder, un dos gobernos que máis transformou a sociedade das illas. En certo sentido, foi a resposta do mundo da banda deseñada a un trauma longamente contestado polo punk británico e outras manifestacións culturais.

Os artistas empregan mentiras para contar a verdade. E se cadra a maior verdade que oculta a obra de Moore e Lloyd é que non se trata do reflexo concreto dun momento político, senón dun relato intemporal que puido demostrar a súa vixencia moitos anos despois. Se cadra despois do resultado das votacións que hoxe publica a prensa a distopía do home coa máscara de Guy Fawkes recupere de novo o seu valor de retrato distorsionado dunha sociedade.

A Unión Europea foi, nas últimas décadas, unha das grandes trampas para as clases populares. A ela entregamos a nosa soberanía popular sen recibir nada a cambio e desde ela se realizaron políticas tan detestábeis como a realizada cos refuxiados sirios. O papel das comunidades nacionais no seu seo ficou practicamente esvaecido ante unha institución que sempre afirmou estar feita para os estados e non para os pobos. Ningunha crítica sobra a unha macroestrutura política que habería que derrubar ou transformar en algo completamente irrecoñecíbel.

E porén, non hai outra forma de ver o referendo de onte e o seu resultado que como unha traxedia. Non votan pola saída do Reino Unido as organizacións de esquerdas nin as comunidades nacionais, tampouco os sectores críticos co que a Unión Europea representou en canto a solidariedade e xustiza. Os vencedores son os esporeados por discursos racistas e autárquicos, os nostálxicos do imperio, os que fecharán as súas fronteiras e simplemente disputarán á Unión Europea o seu papel na infamia mentres seguen mandando tropas a todas as guerras do outro lado do planeta. Os feudos tradicionais da esquerda, os vellos vales mineiros, as rexións de Gales que seguen acreditando na súa identidade nacional, os irlandeses do Ulster e toda Escocia ao unísono quedan, unha vez máis, atrapados nun pesadelo que terán que desmontar pouco a pouco. E xunto a eles, unha boa parte dos migrantes que estes anos formaron parte da súa sociedade e que agora mesmo comezan a poñer un pé en terra de ninguén. E por moito que a saída sexa, posibelmente, amortecida polo aparato burocrático do Estado, a sociedade británica acaba de mandar unha escura mensaxe a unha parte importante da súa cidadanía. Tal e como dicían na obra de Moore e Lloyd, Inglaterra, a vella Inglaterra das distopías, prevalece.

#Alan Moore#Banda Deseñada#Brexit#David Lloyd#Escocia#Gales#Inglaterra#Irlanda

05/06/2016 by marioregueira

O nome dos escravos

Ali-Terrell

Adaptada de Cliff – (CC BY 2.0)

“Como me chamo?” “Como me chamo, Tío Tom?”. A pregunta, dirixida entre golpes a Terrell marcou un antes e un despois. Cassius Clay renunciara ao seu nome de escravo para ser coñecido como Muhammad Ali e demostraba de que xeito rompen os escravos as súas últimas cadeas. As minorías e as clases baixas non tardaron en identificarse coa súa arrogancia. Na periferia de São Paulo, onde a miña familia seguiu ese e outros combates, ter un nome de escravo aínda significaba algo e Ali non tardou en ser recoñecido como un digno heroe das clases baixas. Alguén que viña da nada, pero que sacara dalgún lado unha arrogancia que non convidaba á antipatía, senón que máis ben representaba todas as victorias negadas dunha clase social. Ali era máis que un boxeador, era un símbolo, unha identidade, unha especie de superheroe que non tardaría en vencer ao mesmo Superman.

Nunha época na que os combates estaban moito máis lonxe que un par de clicks, a memoria de Ali transmitíase nunha especie de representación teatral improvisada acompañada de relatos orais. Sabía del como doutras mitoloxías familiares. A afición ao boxeo na miña familia sempre foi relativa e profundamente vinculada a elementos sociais. Á madrugada víanse, ás veces clandestinamente, os poucos combates dos púxiles galegos. Polo día lembrábase ao máis grande de todos os tempos. De non mudar o nome, de non ser arrogante e de non enfrontarse á maquinaria da guerra estadounidense, eu non sabería nunca que era Muhammad Ali, como nunca me falaron de Frazier ou de Foreman. Pero ninguén esquece a quen dixo en voz alta que Vietnam era unha guerra na que os brancos mandaban negros a loitar contra os comunistas. “Ninguén do Vietcong me chamou nunca negro. Ningún deles me linchou, nin me botou os cans, nin me roubou a miña identidade, nin violou a miña nai e asasinou o meu pai. Non vou disparar contra esa xente por ser pobre. Prefiro ir á cadea”.

 

Malcolm X & Ali

Bob Gomel – (CC BY-SA 4.0)

Hai tempo que non sigo a prensa convencional, pero podo imaxinar a caricatura de Ali que están deixando. O campión, o portento físico, o deportista. Fixérono con Mandela e era máis difícil. Podemos xogar a esquecer o papel de Ali nos movementos sociais. Pero seguirá habendo moita xente que, máis que ao boxeador, admiradmos o home que deixou de boxear. Que sabendo que o deporte era a súa vida decidiu sacrificar a súa carreira e enfrontar a cadea e o descrédito por facer simplemente o correcto. De que vale ser campión se non tes dignidade?

Máis aló das aparicións puntuais na televisión, tardei anos en reconstruír toda esa memoria inmaterial. Recoñecía o seu sorriso, o seu voar como bolboreta e picar como abella, as bravuconadas que vingaban as humillacións das multitudes. Escoitaba o pobo do Zaire berrando “Ali bumaie” mentres as pezas simbólicas completaban as paisaxes intuídas. Non era casualidade que fose Foreman, o bon escravo convertido ao cristianismo, o derrotado por un Ali imparábel, acollido polos africanos como un neno perdido e reatopado. Din que as crianzas de Kinshasa aínda soñan ser coma el, e que o seu fantasma segue a percorrer os barrios pobres das cidades. Se non tes medo dos teus soños é porque non son grandes abondo.

O meu móbil soou a primeira hora da mañá dun sábado. Boteille man entre soños e lin incrédulo a noticia. Nas súas últimas aparicións, Ali aparecia avellentado e afectado pola enfermidade. Iso pensámolo agora, porque o seu carisma sempre estivo intacto, e os seus puños seguían golpeando na nosa memoria. Non dubidei de que tiña que ser un erro e seguín durmindo. Soñei con rings enormes, con xente da miña familia recreando aquel k.o., con Laila Ali, cun combate nunha África sofocante, con tíos tom aprendendo o noso nome a golpes e con canallas mordendo a lona para sempre.

#Activismo#Boxeo#Deporte#Muhammad Ali#Resistencia
1 2 3 4 5 17

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies