17/12/2018 by marioregueira

As versións do galego

Imaxe de jcbrandon (CC BY 2.0)

Unha traxedia de Shakespeare. Así cualificaba Paul McCartney a historia da banda Badfinger, de como o tiveron todo para triunfar (o propio apoio dos Beatles a comezos dos anos 70) e mesmo así acabaron esnafrándose, abrindo a caixa dos desastres, discos retirados e suicidios das súas principais figuras incluídos. Resulta curioso como a historia do grupo é relativamente descoñecida, a pesar da enorme popularidade dun dos seus temas. Whithout You, canción que aínda moita xente pensa que é de Nilsson, que a interpretou en 1972, e outra xente máis nova que é de Mariah Carey, que o fixo en 1994. E non é tan estraño escoitar persoas de ambas xeracións discutindo sobre se o tema é dun ou doutra.

Ninguén agardaba este ano a popularidade que as versións en galego tomarían na cultura de masas do Estado español, tampouco que algunha delas espertaría vellas cuestións que, por momentos, parece que só teñen importancia na Galiza. Cuestións que aparecen conforme se van apagando os ecos e voces de alén-mundo da caverna española despois duns meses de clamar contra a incorporación da Galiza na Comunidade de Países de Lingua Portuguesa.

Placa no Castelo de Guimarães, adaptada de Béria L. Rodríguez (CC BY-SA 3.0)

Fala Galiza portugués? Fala a lusofonía galego? A transmisión das linguas é similar á das versións musicais, aínda conservando unha parte importante da información, polo menos a instrumentación e a voz que canta mudan. E porén, mesmo precisando duns segundos para decatarnos, se coñecemos a primeira, inmediatamente entenderemos que se trata da mesma música. Mellorada ou non, pero é unha simple versión. O que se fala a sur e norte do Miño deriva da mesma lingua musical na que o compostelán Johán Airas e o rei portugués Dom Dinís compuñan as súas cantigas. A xente do antigo Condado Portucalense, xa convertido en reino polos azares da Historia, levouna primeiro ao sur da fronteira de Coimbra, e despois a América, África, Asia e Oceanía. En todos eses territorios mesturouse de novo, sementou linguas crioulas e contaxiouse de voces indíxenas e de palabras estranxeiras. É a mesma lingua, na que, nunha viaxe de regreso desde o Brasil que a el mesmo fascina, fala Caetano Veloso cada vez que nos visita. E claro que hai diferenzas, e nesas diferenzas é que reside tamén unha parte da nosa identidade pero, se atendemos, podemos escoitar o mesmo sotaque da Costa da Morte nunha rúa dos Açores, un vello refrán da nosa avoa nunha praia de Rio ou algunha das interxeccións familiares nalgunha illa do Pacífico.

Nun dos meus libros o protagonista fala dun disco de versións que está gravando. Fala delas como dunha sorte de maxia, da forma na que unha canción é recoñecíbel, pero tamén é distinta e ao mesmo tempo transpórtanos ao momento no que a escoitamos por primeira vez. Gústame crer que algo diso se mantén na relación da lingua galega coas súas variantes históricas, que serve para mantermos algo daquel primeiro eco no que todo comezaba.

Por certo, unha das concursantes do certame musical Music Idol (edición búlgara) deixou pampo ao xurado e a medio mundo cando anunciou que ía cantar Ken Lee de Mariah Carey. Porén, con mellor ou peor interpretación, ou cun acento máis ou menos marcado, o tema seguía a ser claramente Without You. De Badfinger, que eran galeses e tiveron unha mala sorte digna dunha traxedia de Shakespeare. Ou dalgún vello reino do sur de Europa.

Placa en Swansea-Abertawe, imaxe adaptada de Reading Tom – (CC BY 2.0)

#Badfinger#Brasil#Gales#Galiza#Lusofonía#OT#Portugal#Reintegracionismo#Sabela

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies