23/06/2013 by marioregueira

O xuízo de tod@s


 

Por se aínda non o saben, mañá, co fume das fogueiras perfumando aínda o aire, unha parte importante da sociedade galega será xulgada en Madrid. E digo ben cando digo “unha parte importante da sociedade galega”, a causa que enfrontan @s catro independentistas non @s atinxe en solitario. O feito de que se chegue a dar por boa unha suposta trama terrorista con tentáculos no tecido asociativo galego é unha cuestión que afecta a toda a nosa sociedade civil e contribúe á criminalización inmediata dunha cuantiosa parte dos seus membros.

Non cabe dúbida a estas alturas de que o xuízo que comeza mañá é un deses procesos que nunca debera darse nunha sociedade que pretenda chamarse democrática. Os usos lexislativos e procesuais que se empregaron para combater o chamado “problema vasco” foron sempre perigosos, e bambearon na corda frouxa de mesturar o criminal co ideolóxico. Unha boa mostra foi o proceso 18/98, que afectou a multitude de asociacións baseándose na mesma feble ligazón co terrorismo á que abre a porta este novo xuízo.

Naturalmente o totalitarismo do aparato lexislativo español non parou por aí, e posibilitou un avance paranoico na extensión do concepto de terrorismo que fai que hoxe en día un cidadán poida chegar a conformar unha célula terrorista polo simple feito de vivir con outra persoa e sen sequera saber o que é unha arma de fogo. Non caso concreto do proceso que comeza mañá, existe tamén a construción dunha suposta organización terrorista que nunca puido ser demostrada. O peso dalgunha das probas presentadas contra estas persoas remiten a garrafas baleiras e intensa participación no activismo social.

Responde a lóxica perversa do propio sistema que a imposibilidade de dar unha proba obxectiva remita irremediabelmente á subxectividade de cada quen, un mecanismo no que a prensa xoga un papel fundamental á hora de espallar unha noción de criminalidade que non pode ser demostrada facticamente. No subxectivo, é dicir, no político, hai moitas persoas que identificarán loitar pola independencia da Galiza co terrorismo, da mesma forma que hai moitas que identifican como ilegal a rotulación en galego das estradas. Porén, esas e outras cuestións sentimentais non deberan ter nada que pintar nun estado de dereito.

Pero na eterna adolescencia dun Estado español que conserva estruturas e xeitos de actuar herdados do franquismo, téñeno. Mañá xulgan as nosas ideas políticas, xulgan o peso das nosas loitas incruentas por un mundo mellor e unha Galiza soberana, xulgan o amor pola nosa terra, dende a construción social á que chamamos nación até a simple noción de contorno ecolóxico que tratamos de preservar.

#Activismo e resistencia#Galiza

10/06/2013 by marioregueira

Cidade espectral

Na miña última novela aparece un personaxe que fala dunha cidade despoboada da que tivo que fuxir para gañar a vida. Defínese a si mesma como un ser desdobrado, unha sombra que segue a andar polas rúas do seu barrio, mentres o seu corpo vive noutro país, afastado da familia e dun futuro que non cabía na súa terra natal. Como teño dito nalgunha das presentacións, é a forma na que a miña cidade conseguiu entrar, unha vez máis, no que escribo, deixando reflexo dunha historia que segue enredada na miña propia e que fala de estaleiros e crises inacabábeis, de mocidades sen futuro e de abandonos por parte de estados e gobernos.

Esa sombra ten moito que ver coa roupa que moitas persoas da cidade colgaron das reixas do estaleiro o pasado día 2 de xuño e que dá testemuña dese mesmo desdobramento por vir. Xente que directa ou indirectamente perderá os seus postos de traballo e terán que marchar deixando os seus espectros roldando unha cidade que camiña cara unha decadencia cada vez máis pronunciada. A roupa de traballo ondeando ao vento é un intento máis de facer navegar unha forma de vida que non esmorece por causas comprensíbeis, senón polo desinterese continuo do poder político pola poboación que depende dela e pola súa incapacidade de ofrecer unha alternativa a unha das comarcas máis poboadas do país.

Nos nosos tempos as guerras contra a clase obreira son sutís, case invisíbeis, polo menos nos suburbios do primeiro mundo. Non virán disparar contra as manifestacións como no 72, polo menos non inmediatamente. Os seus ataques baséanse no silencio e nas mentiras, na sutil criminalización das protestas. Porén, o efecto de toda esa tranquilidade política é sen dúbida o dun bombardeo calmo, capaz de destruír vidas e familias como de feito xa está a acontecer.

A seguinte cita pola supervivencia será o vindeiro día doce, na folga xeral comarcal. A pesar de quen queira poboar a nosa cidade de sombras, os corpos volverán vestir a roupa de traballo para marchar pola cidade. Contra os seus espectros doutro tempo e contras as tácticas do invisíbel, serán os corpos unha vez máis os que escriban a historia.

A imaxe está tomada do blogue Carga de Dignidade.

#Activismo e resistencia#Cotidiano#Estaleiros#Ferrol

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies