23/05/2013 by marioregueira

Cafés, finais e poemas

Penso que a primeira vez que vin pedir un café con xeo foi na zona vella de Compostela. Eu tería uns dez anos e o verán rompía todas as estatísticas chegando moitos días á barreira máxica dos corenta graos. Eu non o sabía, pero estaba a vivir un record histórico de temperaturas, por máis que pensase que era o normal nunha cidade que, a quen se lle ocorrería, estaba construída tan lonxe da costa. Nunha desas tardes abafantes, alguén pediu unha beberaxe estraña, tan estraña que en principio pensei que fora unha ocorrencia momentánea e extravagante á que un educado camareiro correspondera sen facer preguntas. Aínda pasaron anos antes de decatarme de que era unha bebida frecuente, e non só nas ingratas cidades do interior.

Dende entón teño asociado o café con xeo á cidade, ou por mellor dicir, ao verán na cidade. Onte caeu o segundo do ano, sinal de que axiña caerán tamén as prendas de manga longa e os abrigos partisanos de inverno, mentres as terrazas deixan de ser cousa de valentes e se espallan paseniñamente polas rúas. E onte, co segundo café xeado da tempada, e no medio dalgúns outros, chegou tamén ás miñas maos o libro Fin de poema, de Juan Tallón, ao que hai pouco lle foi entregado o premio Lueiro Rey de novela curta. Chegou a edición de Sotelo Blanco, claro, a primeira vez que o libro pasou polos meus ollos foi na forma dunhas fotocopias mal encadernadas que porén me mantiveron atrapado durante bastante tempo. Tanto, que podo dicir que ter nas mans o resultado editorial foi case como reencontrar un vello coñecido pola rúa, cousa que pasa tanto dende as terrazas da cidade.

A miña experiencia como xurado de certames non é longa, pero dá xa para sacar algunhas conclusións e o intercambio de opinións con persoas que pasaron polo mesmo sempre deixa comentarios divertidos. Hai quen di que os premios traen sempre consigo un castigo que é, por regra xeral, obrigar a pasar polo xurado da seguinte edición. Eu, en liñas xerais, non lle chamaría exactamente castigo, pero moi a miúdo quedo coa idea dunha enorme frustración. En primeiro lugar porque normalmente só se pode dar un premio, e despois porque á esa solución sempre se chega a través do consenso, que sempre (tamén en política) é conservador. Lembro un caso no que competín a un premio con dúas obras que chegaron a ser finalistas. O consenso premiou á máis antiga no tempo e que para min tamén era a menos arriscada e rompedora. A outra convenceu algunhas persoas do xurado, que fixeron unha defensa apaixonada que porén acabou estrelada contra a inapelábel maioría numérica. Desconfíen sempre dos sistemas nos que as minorías sempre perden. Tamén en política.

A pesar diso, a experiencia de xurado do Lueiro Rey é a primeira que me deixa realmente convencido, tamén porque, a pesar do bo nivel doutras obras presentadas, a escolla de Fin de poema foi a primeira na que asistín a un xurado unánime, no que non houbo lugar a cesións ou acordos complexos e no que ninguén saíu insatisfeito. E aínda que o abraio unánime de cinco persoas teña tamén a súa parte circunstancial, non deixa de ser, cando menos, unha coincidencia relevante e case máxica. A aposta de Juan Tallón é engaioladora e orixinal, e estou seguro de que é unha pequena xoia que non deixará indiferente a ninguén. A historia de catro poetas suicidas (Pavese, Anne Sexton, Gabriel Ferrater e Pizarnik) flúe palpando as costuras entre a ficción e a realidade, mentres escarva nas casualidades, as liñas invisíbeis que unen as nosas vidas sen nós sabelo e que caen como versos entrecruzados dalgún xogo poético.

Aínda sorrío pensando nalgunhas das súas escenas, e aínda me volven moitas das sensacións que me deixou á cabeza, tanto que se cadra contraveña unha norma persoal e lle bote unha segunda lectura este verán. A fin de contas, é unha das mellores lecturas para ter a man no tempo de terrazas e cafés xeados que se aproxima. Fáganme caso, non se han de arrepentir.

#Cotidiano#Edición#Lectura#Literatura
2 comentarios