13/03/2013 by marioregueira

Entrevista en Criticalia

Saíron esta mañá as miñas respostas ao cuestionario que Armando Requeixo pasa a distintos creadores da literatura galega, unha forma de medir o pulso á nosa cultura que xa ten a súa historia detrás e que seguramente terá aínda moita máis por diante. Sen dúbida a lectura destes Parlamentos das Letras será aínda máis interesante en perspectiva, na comparativa, ou dentro duns anos, que é cando a min me ten graza ler as entrevistas. De momento esta é a miña visión, o pulso acelerado do tempo que vivimos, e por aí andan as lecturas que me seguen acompañando, a perspectiva sobre a miña propia obra e, como non podía ser doutro xeito, tamén o meu punto de vista sobre a cultura galega e o que están facendo e desfacendo con ela.

Parlamento das Letras: Mario Regueira

Mario Regueira agocha no seu fardelo os ventos viradoiros de Ferrolterra, así que sabe ben da agulla de marear e de onde parten as augas da escrita. Por iso caen na súa rede tanto as poéticas tanxerinas coma os blues da crecente e non desapide tampouco nin dos affiches rouges nin das rebelións hibernais e non tampouco dos outonos lonxincuos.

Hai unha outra habelencia que moito é de estimar neste soñador do paradiso de Maniños: a capacidade valorativa que desprega para xulgar con criterio o mellor e máis graúdo da escrita actual de noso, pois non en van exerce o oficio crítico ao tempo que cultiva as landas da ficción.

Andar as súas páxinas é deixarse acompañar de ritmos mil, cancións en fervenza que o asolagan todo dende o título mesmo, e ir vendo como tremelocen, intermitentes, as luces dos faros da disidencia xenérica, do conflito dos territorios francófonos, os amores e vidas que se cruzan dende a Bretaña ata Nova Orleáns, con obrigada parada no sempre recendente Tánxer ou no evocador Flandres.

Unha luz de Goré, palabra de peirao escravo, baixa como unha escada nas liñas que seguen. É a loita que pula polo futuro, mensaxe que non convén desoír.

—¿Cando, onde e da man de quen publicaches os teus primeiros textos?

O meu primeiro libro, Rebelión no inverno, apareceu na colección Abismos de Xerais, unha aposta que sempre agradecerei á editora, e que, aínda tratándose dunha colección para primeiras obras, me permitiu ter unha certa visibilidade xa dende os primeiros pasos. Antes diso tiñan saído algúns poemas en diversas publicacións, entre elas gardo unha lembranza cariñosa para A Caramuxa, unha revista guiada polo Colectivo Sacou que acolleu moitas voces novas do momento, sobre todo do contorno de Noia e Compostela. É posíbel, aínda que non me atreva a aseguralo, que fose aí onde apareceu a primeira publicación de poesía.

—¿Cal das túas obras cres que foi mellor tratada e cal pasou máis desapercibida para o público e/ou a crítica? ¿Por que cres que recibiron ese trato desigual?

Seguramente a mellor tratada foi L’affiche rouge, que como ben sabes estivo a piques de recibir o Premio da Crítica e tivo unha boa acollida por parte do público. Creo que sendo a miña primeira novela e cos fallos que sen dúbida poida ter, formulaba unha aposta innovadora e unha lectura do momento xeracional e político que callou moi ben en determinados eidos. Tamén Outono aquí tivo moi boas críticas, dende o xurado que a premiou no Lueiro Rey até algunhas outras de colegas que lle dedicaron recensións privadas. Aínda así, é cedo para superar o bo sabor de boca que me deixou a miña primeira incursión na novela.

Da outra banda, diría que Lois Pereiro, unha persecución foi practicamente ignorado pola crítica. O momento tardío no que saíu, na segunda metade do loisista 2011, e a saturación doutras obras sobre o autor con máis medios e promoción sen dúbida tiveron moito que ver. Ao mesmo tempo, Unha persecución é un libro difícil, que foxe intencionalmente dos polos biográficos e académicos nos que se centran habitualmente as obras sobre os autores do Día das Letras. A súa proposta vai máis fixada na recreación literaria e na opinión persoal, ao tempo que trata de cubrir nun só golpe todos os libros posíbeis sobre Lois, algo que non deixaba de ter unha intención irónica e crítica. Aínda así, a recepción por parte do público deixoume algúns bos momentos e sei que hai persoas concretas que o consideran o meu mellor libro. A súa produción e o camiño que percorreu até ser editado tamén deixou un ronsel de experiencias persoais e colaboracións que lembro con moito cariño e nas que teñen un papel importante o traballo de fanzine e bd xunto a Xosé Carlos Hidalgo e o entusiasmo da xente de 2.0 editora.

—¿Tes algún hábito singular ou manía á hora de escribir?

Os meus procesos de escrita son moi particulares. Dalgunha forma as obras van cocendo na miña cabeza durante meses ou mesmo anos, períodos nos que sobre todo procuro documentación e lecturas. Despois, os libros en si materialízanse nun período relativamente curto de traballo intenso. Nese sentido, dependo das cousas das que dependen todas as persoas que fan un traballo intelectual intenso, principalmente estimulantes como o café e o chocolate. Tamén dependo moito da música, que me illa do mundo e axuda a regular os ritmos que preciso para traballar. Non estou seguro de que iso sexa unha manía, se te refires a se teño unha “camiseta de escribir” ou unha pluma concreta sen a que non podo iniciar unha nova obra, direi que a maior parte desas cousas parécenme lendas baratas das que habitualmente se rodea o feito literario. Se alguén é incapaz de escribir sen ter posta unha camiseta concreta debera consultalo co médico. Non sen antes tomar unha boa ducha.

—Nunha antoloxía da nosa literatura recente, ¿ao pé de que autores/as preferirías figurar?

Unha cousa común a moitas persoas que, ademais da escrita, fixemos estudos de Teoría da Literatura é que perdemos a inocencia respecto de demasiados elementos relacionados co feito literario. É moi complicado abstraer do fenómeno das antoloxías a súa carga de poder simbólico e a forma na que este é exercido ou xestionado, particularmente nunha literatura como a nosa, na que as súas raíces son tan particularmente visíbeis e a influencia dos elementos sociolóxicos e relacionais segue a ser tan evidente. Por tanto, son moi escéptico ao respecto de atoparme cómodo nunha desas gaiolas (de feito non o estou, por motivos diversos, en ningunha das poucas que me acolleron até hoxe). A maior parte das veces as escollas falan máis polo que exclúen que polo que se esforzan en promocionar, así que se tivese que escoller compañeir@s de viaxe case preferiría buscalas entre as persoas que nunca figurarán en determinadas antoloxías e que comparten esa incomodidade estrutural e unha vontade crítica real.

—Se tiveses que historiografar a túa propia traxectoria literaria, ¿que trazos salientarías?

Salientaría a persistencia de determinados elementos que tamén me formulan cuestións a min mesmo: a preferencia por escenarios nos que a lingua francesa participa ou participou dun conflito lingüístico (Tánxer, Bretaña, Nova Orleans, Flandres…), a presenza constante de identidades subalternas e sexualidades disidentes, ou a forma na que as referencias musicais aparecen, implícita ou explicitamente, en todos os meus libros.

Ao mesmo tempo penso que na miña narrativa existe un protagonismo palpábel das clases populares e das súas problemáticas, entre as que vibra sempre a necesidade de encaixar a felicidade individual dentro dunha redención colectiva. Este é un aspecto que a miúdo pasa desapercibido nunha cultura afeita a discursos máis evidentes e que porén creo que dirixe todo o meu proxecto narrativo e que co tempo se acabará revelando como un elemento fundamental á hora de interpretalo.

Tamén creo que se podería facer unha lectura interesante en termos de nación, a relación das tramas coa historia do país e coas expectativas e decepcións dunha parte da súa sociedade, sinaladamente a xente nova e a que estamos deixando de selo, esa xeración perdida que algún día terá que tomar grandes decisións que porén non deixa de adiar.

—¿Que lecturas te acompañan decote ou a que escritores/as regresas con frecuencia?

Supoño que hai autores que nunca deixarei de ler, en parte pola densidade da súa obra, e tamén polas claves que gardan e que precisan de toda unha vida para ser desveladas. Méndez Ferrín e Thomas Bernhard, por exemplo. Tamén hai algo diso en Chus Pato e Derek Walcott. Nun extremo completamente contrario, adoro cando Irvine Welsh saca un novo libro e tamén son un perseguidor en librarías de vello das obras narrativas de Monique Wittig, todas descatalogadas e que urxiría traducir á nosa lingua.

Ademais diso, hai poetas aos que volvo polo puro pracer de reencontrar a cadencia dos versos: Xohana Torres, Lorca, Kavafis, Al Berto, Lois Pereiro… Tamén hai autores dos que lembro un poema ou un par deles que están, dalgunha forma, incorporados á miña vida e que volven ciclicamente á miña cabeza como se alguén os recitase.

En canto a lecturas académicas, por esixencias de traballo e por convencemento persoal volvo constantemente a Xoán González-Millán e a Pierre Bourdieu, preferentemente polas pontes que tendeu Antón Figueroa. Tamén me ten deixado unha grande pegada a obra de Terry Eagleton e o Arturo Casas crítico, ao que ademais teño que recoñecer a influencia que como mestre tivo e ten en min.

—¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?

É evidente que o primeiro que lles falta ás nosas letras é un poder político que mire por elas con verdadeiro interese e implicación. A maior parte dos seus problemas derivan diso, e non hai máis que recorrer á comparación con outras linguas con menos falantes e un Estado ou poder local comprometido con elas para que resulte evidente. A literatura galega podería ter un papel moito máis destacado no contexto europeo, polo menos equivalente ao doutras pequenas nacións. En cambio, vivimos desperdiciando talento coa mesma alegría coa que acabamos cos bosques autóctonos ou enchoupamos os mares de fuel. A nivel cultural vivimos un Prestige anual que non se nota porque segue a haber un voluntarismo que cobre unha parte importante dos seus efectos. Sempre hai xente disposta a limpar as praias, cousa que é boa, pero que tamén marca dinámicas que cada vez resultarán máis complicadas de romper.

Sobrar sobran moitas cousas, se cadra destacaría as actitudes endogámicas que priman o relacional sobre outros criterios, e que sen ser, por sorte, unha tónica xeral, aínda deixan ver os seus efectos en eidos como a edición ou a crítica e tamén en determinados comportamentos das institucións. A literatura galega, como moitos outros ámbitos da nosa realidade, non está libre dos seus propios caciquismos, que ao contrario que os outros apenas son contestados e cando o son adoitan recibir respostas esaxeradas non exentas de represalias. Unha cousa similar pode dicirse de sectarismos concretos como o que atinxe a inacabábel guerra normativa, abono de actitudes empobrecedoras que son patrimonio de ambos bandos, pero menos desculpábeis (como en todas as guerras) naquel que hoxe ten maiores cotas de poder.

—Se soubeses que o teu tempo se esgota, ¿que non te perdoarías non deixar escrito?

Sempre teño, polo menos, os meus seguintes tres libros na cabeza. Mentres están nese estadio son idealmente perfectos e son as miñas mellores obras. É só cando pasan a papel e tras varias lecturas que comezo a ser consciente dos seus erros e das cousas que se lles poden mellorar. Nese sentido, nunca me perdoaría deixar sen escribir as miñas seguintes obras, sexan as que sexan, porque non perdín a esperanza de poder ler algunha delas sen arrepentimentos nin remorsos. Algunha delas será a obra definitiva, que é sempre a seguinte. Hoxe, por exemplo, estou completamente convencido de que a miña seguinte novela e o meu seguinte poemario van ser os mellores da miña traxectoria e téñenme completamente ilusionado. O día que deixe de pensar así seguramente sexa hora de ir aparcando a escrita para mellores tempos.

—¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?

É desconcertante o viva e fluída que se mantén a nosa cultura tras anos de abandono institucional, falta de visibilidade e hostilidade declarada dunha parte da sociedade. Vivimos nunha especie de oasis rodeado do máis atroz dos desertos, pero o certo é que nese pequeno espazo, e sen caer en idealismos, construímos algo semellante aos anos dourados da nosa tradición literaria. A vida que desprenden as voces novas da poesía, as sorpresas de calidade e vangarda que nos deixa anualmente a narrativa, ou o simple e puro feito de que haxa xente que aínda escribe ensaio e teatro, son feitos que debemos valorar como unha especie de milagre que evidencia a vontade do pobo galego de seguir contando cunha cultura propia contra vento e maré. Na mesma liña poderiamos falar da cantidade de proxectos editoriais e culturais que traballan cunha dedicación e unha perspectiva crítica admirábeis, moito máis se temos en conta que moitas veces o fan dende a precariedade ou a autoxestión.

A pregunta que deberamos facernos é canto tempo pode durar esta situación e tamén até que punto non é un premio de consolación ter unha literatura convencional tan viva cando o panorama internacional acolle xa outro tipo de narrativas ás que, por cuestións estruturais e económicas, non podemos practicamente acceder como creadores. En calquera caso, a enxurrada de creatividade que flúe pola nosa realidade cultural é unha cousa marabillosa da que é un orgullo poder participar.

—Se desexas facer algunha outra consideración, túa é a palabra.

Nada máis que agradecer o traballo de visibilización das nosas letras que fas con esta sección e con outras faces do teu traballo cultural.

#Creación#Crítica#Edición#Entrevistas#Galiza#Literatura
Comentarios desactivados en Entrevista en Criticalia

08/03/2013 by marioregueira

Non debes chamarte nunca española

Diciámolo no manifesto de hai dous anos, Rosalía ultrapasa coa súa obra os horizontes políticos nos que estaba socialmente inserida. Nun momento no que os admiradores da revolta provincialista de 1846, de corte liberal, configuran un novo movemento que se chamaría Rexionalismo, máis cohesionado pero aínda lonxe das apostas federalistas e nacionalistas, Rosalía acuña na súa poesía conceptos que anos despois faría seus o independentismo. Faino marcando a relación de opresión de Castela cara a Galiza, e faino negando por primeira vez nas nosas letras a unidade da patria hispánica. “Probe Galicia, non debes chamarte nunca española, que España de ti se olvida cando eres, ¡ai!, tan hermosa”. O salto, aínda na simple retórica, é de xigante.

A partir de aí as interpretacións son múltiples e, até certo punto o seu debate é san dentro de calquera sociedade. Pensar en que medida Rosalía ergue unha proclama política real ou eleva unha pequena queixa contra o desleixo do centralismo castelán é unha cuestión interesante que merece ser discutida. O que non resulta críbel é pensar que a súa figura e a súa obra non teñen nada que ver con movementos políticos que anunciou e predefiniu de xeito claro e innegábel. Por outra parte, o debate sobre se hoxe Rosalía sería nacionalista ou non é baldío e enganoso. Pouco importa que unha imaxinaria Rosalía se definise como nacionalista ou independentista no século XXI, o que está claro é que sen ela non existiría o nacionalismo galego, ou non existiría na forma na que o fai, e que a súa obra poética estará sempre ligada indisolubelmente a este.

Da mesma forma que acontece dende hai anos con Castelao, a dereita españolista pretende colonizar as figuras que máis a combateron en vida. O debate sobre a interpretación política dos nosos autores é periodicamente reducido ao absurdo. Non sabemos que carné terían Rosalía e Castelao en vida, pero resulta moi difícil pensar que puidesen ter o do partido que hoxe ten o poder autonómico. Que o Partido Popular se empeñe en seguir facéndoos figurar como comparsas do seu xogo político responde sen dúbida a un intento de despolitizalos, de usurpar a súa aínda vixente popularidade, e tamén á carencia de referentes propios que presentar ante o pobo. Da mesma forma, a escolla dunha autora monolingüe en castelán que forma parte dunha asociación antigalega é a última ultraxe que restaba a unha figura que segue a ser fundamental para unha parte importante da nosa sociedade.

De Marta Rivera de la Cruz encántame sobre todo a candidez. É a mesma que ciclicamente acusa aos autores galegos de forrarse co “negocio” da cultura (vexan esta acusación de onte a Calveiro), a mesma que fai valer que todas as voces desconformes son unha manobra política do Bloque (axudado por xudeus e masóns, supoño), ou a que acusa un acoso comparábel ao dos “borrokas” porque hai xente á que non lle parece a figura máis axeitada para o acto de hoxe. Unha auténtica mágoa que, co nivel ao que brilla a literatura galega de hoxe, o partido de Feijóo prefira baixar así o listón con tal de continuar a súa longa cadea de provocacións.

Teñan coidado, escriban claro e deixen bos testamentos, non sexa que dentro de cento cincuenta anos algún oportunista político lles plante bandeiras políticas e lingüísticas que hoxe lles provocarían urticaria.

#Activismo e resistencia#Cotidiano#Literatura#Rosalía
Comentarios desactivados en Non debes chamarte nunca española

02/03/2013 by marioregueira

Libros e aniversarios

Segundo souben hai un par de semanas as dúas obras que publiquei durante o ano 2012 figuran como finalistas dos premios Ánxel Casal, un agasallo anticipado e inesperado deste aniversario que celebro hoxe. Por máis que ser finalista non implique nada de por si, a calidade das obras que me acompañan en cada categoría fai que considere o feito xa como un pequeno premio.

2012 foi un ano atípico e difícil na miña vida, tamén un período complexo na tortuosa historia deste país. No medio dunha edición galega en retroceso e no fragor dos ataques contra a nosa lingua, o azar e os caprichos dos ritmos editoriais permitíronme dar ao público dúas obras, algunha delas a que eu considero a mellor da miña traxectoria. E por causas da vida, a ningunha delas puiden prestarlle toda a atención que pretendía e que sen dúbida merecían.

No caixón dos proxectos que houbo que aparcar queda o blogue de Outono aquí, un paseo polas súas músicas e polas mil referencias que o inzan e tamén un percorrido de paisaxes polas pequenas historias que garda como sementes. Do outro lado, tamén quedaron no aire a maior parte de presentacións e recitais que tiña pensado para O silencio. Aínda así, atopalas, contra todo prognóstico, entre as finalistas dos Premios da Edición, así como estar a corrixir a edición castelá dunha delas, faime ver até que punto podían ambas valerse por si soas e seguir a darme sorpresas. E de certo que esta non será a última.

Dicíanme algunhas persoas que ao longo da trintena virían crises, outras que as cousas brillarían cunha certeza inédita. Ao borde da metade do camiño seguimos agardando por calquera das dúas cousas, e o único que resulta inevitábel e pensar en nós mesmos hai unha década, agardando impacientes que unha editora nos respondese sobre a nosa primeira obra e que o noso pobo se espreguizase contra o mal goberno que o atenazaba. Co tempo pasado, polo menos deixamos de agardar por unha das dúas cousas.

#Cotidiano#Creación#Edición#Literatura
2 comentarios