14/02/2013 by marioregueira

De amor ou matrimonio

Lembro que naquel momento, dentro do desconcerto xeral no que colleu aos máis que o PSOE cumprise unha promesa electoral, a maior parte da xente da miña contorna social andaba co pé cambiado, entre o escepticismo e a desconfianza declarada. Dun lado, os que se opuñan porque estaban en contra de toda regulamentación que atinxise a afectividade. Outros, na cola perdida de certa esquerda de hai décadas, estaban contra toda mellora das condicións do proletariado que os afastase da idea da revolución. Sempre me preguntei se algunha destas posturas disfrazaba polas distintas marxes da esquerda o que eu sospeitaba como unha homofobia latente, ou o mesmo medo ao cambio social que se percibía, por regra xeral, en xeracións máis vellas.

Evidentemente, o matrimonio homosexual non foi, no ano 2005, a solución a todos os problemas. As persoas transexuais, así como outros colectivos e modelos de afectividade menos coñecidos, seguiron as súas particulares batallas polo recoñecemento social. Pode ser certo tamén que a medida tivese moito de cosmético, no sentido no que permitiu que un goberno aparecese como moito máis radical socialmente do que despois se revelou no resto das súas iniciativas. Porén, resultaría banal negar o impacto que supuxo e a mellora obxectiva das condicións de moitas persoas, así como o peso que tivo na construción dunha sociedade mellor.

“Casamos hoxe para que algún día ninguén teña que casar”. As declaracións dunha das primeiras parellas á saída do xulgado, deixaban ver tamén que unha parte importante da comunidade LGBTQ, das máis activas no cuestionamento dos corsés sociais, non ía enterrar o machado de guerra porque o Estado pasase a darlles o mesmo dereito do que gozaran os heterosexuais. Case dez anos despois, moitas das loitas seguen en pé e somos moitas as persoas que seguimos sen caber ou sentirnos cómodas nos límites que o Estado recoñece, porén polo medio quedan moitas pequenas guerras gañadas: o dereito á paternidade compartida, os acompañantes de hospital, as herdanzas e a seguridade de ter unha lexislación que polo menos recoñece o dereito á existencia diverxente dunha parte importante dos seus membros. E por suposto, igual que Tomás de Aquino dicía aquilo de que ver o sufrimento dos pecadores no inferno non será o menor gozo dos salvados, tamén a frustración da España freak, recurso ao Constitucional incluído, tivo a súa parte divertida.

Hoxe, que outros estados como Francia ou o Reino Unido tramitan a mesma medida, seguimos a fregar os ollos coa incredulidade de que o Estado español tomase a dianteira por unha vez na historia. Naturalmente, queda moito camiño por diante, as posibilidades de crear unha sociedade máis xusta e aberta non acaban cun recoñecemento así, aínda que non podemos negar que significou un paso adiante nun longo camiño por percorrer. Un camiño duro no que probabelmente os conservadores continúen a estar agochados onde menos se espera. Tamén, por desgraza, nas distintas marxes da esquerda.

#Activismo e resistencia#LGBTQ
Comentarios desactivados en De amor ou matrimonio

06/02/2013 by marioregueira

Praza Pública: O electorado fiel

Tras a longa pausa que seguiu ao meu primeiro artigo, retomo hoxe a colaboración co medio Praza Pública co artigo: “O electorado fiel”, que podedes ler clickando na imaxe ou aquí.

Comentarios desactivados en Praza Pública: O electorado fiel