31/01/2013 by marioregueira

O principiño

Cando lin a nova de que Galaxia chegara ás vinte edicións do Principiño, botei contas e memoria. Eu tiven un exemplar dunha desas edicións. Non só o tiven, senón que gardo unha lembranza concreta do día que arrinquei o papel de agasallo que o cubría e o examinei entre abraiado e estrañado. Foi nunha casa da zona do Inferniño de Ferrol e, se me guío pola dedicatoria que aínda figura na primeira páxina, foi o dous de marzo de 1986, o día do meu sétimo aniversario. Na época tiña xa algúns contos en galego, pero sospeito que O Principiño debeu ser o meu primeiro libro na nosa lingua. Falo de libro en relación á lonxitude e tamén o tipo de edición, aquela era a quinta e viña, sospeito que como todas “con dibuxos do autor.” Sorpréndeme lembrar de mans de que persoa da miña familia veu, particularmente porque nunca máis, nin sequera nas épocas nas que máis me interesei pola literatura en galego, me agasallou nada que non estivese na lingua do Imperio. As miñas teorías de que a actitude da nosa sociedade cara á lingua tivo un pico de atención e empatía nos primeiros anos do Estatuto baséanse tamén neste tipo de cousas. Ese pico de preocupación, que se desinchou ou caeu no foxo da desilusión nos anos que seguiron, deixoume polo menos un libro que ler e reler durante unha boa parte da miña infancia.

Non podo dicir que gostase do Principiño naquel momento. Máis ben me pareceu un libro desacougante e estraño, algo que tiña moitos puntos en común con algúns programas míticos da época (Planeta Imaginario), que seguramente trataban de esporear imaxinacións pola vía dun surrealismo adaptado á mocidade. É algo que tamén teño asociado ás lecturas en galego daquela época, que por azar, polo momento ou por unha mala escolla previa, dirixíanse sempre a ese lugar que espertaba máis preguntas que respostas, onde os discursos non eran compracentes e existía unha certa tendencia á incomodidade e o desacougo. Era algo que saltaba dende as páxinas das Cousas de Castelao e dos Biosbardos de Blanco Amor, lecturas que, dentro da pequena biblioteca que había na casa, alguén considerara axeitadas para un rapaz novo e que posibelmente non o fosen. E foi algo que, salvando as evidentes distancias, tamén atopei no Princiño, ese best seller do que tanta xente se recoñece levemente traumatizada.

Mesmo así, alegroume moito ter o libro de Saint-Exupéry no meu acervo de lecturas dende tan cedo e conservo como un tesouro ese primeiro libro que puiden chamar meu. Dalgunha forma foron esas características que saltaban na literatura en galego que me chegaba as que me fixeron ficar por ela. Unha vez que cansei dos discursos brandos e fáciles, foi doado volver a aquela falta de compracencia que lembraba de ler na miña lingua e pescudar na súa escuridade.

#Cotidiano#Galiza#Lectura#Literatura

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies