31/10/2012 by marioregueira

Feliz Samaín

O debate é vello e non paga a pena aventalo, sobre todo porque xa o fixen hai dous anos e creo que na fase anterior do blogue unhas cantas veces máis. Hoxe o meu corazón está coa xente das vilas e barrios da Artabria, que tallará cabazas e nabos para prenderlles unha luz que afaste os malos espíritos, mentres se arman de castañas e beberaxes quentes para comezar a parte máis fría do curso estacional. Se na etimoloxía irlandesa o Samain viña a significar “a fin do verán”, unha vez máis a data vén a atoparnos, coa súa simboloxía doente, no principio de tempos duros. E porén, se como sabemos esta noite se abren as portas entre os dous mundos, tamén nos chega por ese contacto a forza do alén, a das nosas devanceiras, as persoas esforzadas e loitadoras que fixeron que esta cultura sobrevivise os máis duros invernos.
A cabaza deste ano (roubada de aquí, e á súa vez destas instrucións), esta feita cun vello libro, e non é por nada, xa que no inverno que vén teremos que coidar, entre outras moitas cousas, da nosa lingua e da industria cultural que a mantén viva. Que o seu lume siga alumeando, espantando os malos presaxios e devolvéndonos as forzas para encarar os novos retos e o frío dun inverno que, coma todos, acabará por pasar, impotente á hora de dobregarnos como pobo.

#Cotidiano#Galiza#Samaín

25/10/2012 by marioregueira

Paisaxe despois da paisaxe

Non pretendo facer do blogue un monográfico sobre as eleccións, aínda que supoño que o tema seguirá dando voltas un tempo até que comece a cansar aos máis, incluído eu. A fin de contas non facemos outra cousa que lamber as feridas e facer historia-ficción cara a atrás, ante a imposibilidade de poder facela cara a adiante coa mesma forza que antes. Hoxe esperto cun artigo de Anxo Quintana, errático coma moitos outros que autoavalían estes días o declive do Bloque, pero ao que polo menos se pode retrucar sen dicir obviedades.

Comezo polo final, porque é ben certo que a forza do proxecto soberanista catalán parte dunha perspectiva integradora, un catalanismo “para toda a sociedade” que permite que de esquerda a dereita exista unha identificación cunha idea nacional contemporánea. Porén, a comparación das realidades catalá e vasca coa nosa é tan frecuente como errada no seu fondo. O feito de termos unha lingua nacional e historias máis ou menos parellas como comunidades oprimidas polo mesmo nacionalismo imperialista, non pode facernos fechar os ollos ante as tremendas diverxencias dos distintos proxectos, dos que o galego representa o máis diferente e particular. Só o prexuízo e un certo chauvinismo impide comparar o nacionalismo galego e as súas circunstancias con outros movementos sociais do Estado español ligados a cuestións identitarias ou territoriais e cos que, salvando a distancia de non teren unha lingua distinta, teríamos moito máis en común. O nacionalismo galego está asociado dunha forma evidente a unha clase social determinada e a unha orientación política concreta situada na ampla cartografía da esquerda.

Non se quere dicir con isto que non exista un nacionalismo alternativo, aínda que dende sempre, ou polo menos nos últimos vinte anos, permaneceu en posicións marxinais ou minoritarias. Hai unha lenda popular que se escoita a miúdo sobre que a solución do problema galego pasa por un nacionalismo de dereita ou de centro-dereita. Ben, romper a maioría estrutural do PP cunha división sería positivo dentro da catástrofe, e nese campo da historia-ficción, podemos velo como algo desexábel. Porén ou se produce unha ruptura nas filas populares que arrastre nichos de votos (moi complicada dende o éxito electoral) ou esa opción quedará para sempre en posicións de irrelevancia. Non é certo que non exista un nacionalismo alternativo á esquerda. Existe, e historicamente ten até unha construción intelectual e histórica relativamente sólida. E non só existe senón que leva presentándose ás eleccións ininterrompidamente dende a fin do franquismo, baixo distintas formacións e propostas e cuns resultados que, quitando a excepción conxuntural de Coalición Galega, non serviron nunca para obter representación. A realidade é que a aposta dun nacionalismo que non estea ligado dunha forma determinante á esquerda existe, pero non recibe votos. Na entrada anterior non falamos do resultado de Compromiso por Galicia, pero sería un exemplo máis desta dinámica, o enésimo intento de procurar o unicornio branco que permita cadrar a realidade galega co deseño feito polas irmás vascas e catalás. Moito traballo e moi arduo lle queda á nova formación se pretende constituír unha alternativa sólida, sobre todo tendo en conta que, cunha dereita españolista en situación crítica, non conseguiu mobilizar aos votantes para fóra do PP ou da abstención, nin sequera contando cun valor procedente do clan Cuíña.

A aposta de eliminar o protagonismo da esquerda da ecuación do nacionalismo galego, sexa de forma exclusiva ou sexa de forma convivencial, está condenada, hoxe por hoxe, ao fracaso. E aínda que é certo que algo de lexitimidade lle restará a Quintana, sobre todo agora que por fin deixou de ser o record negativo nos resultados electorais do Bloque, non podemos validar agora que o abrandamento do perfil político do Bloque servise para outra cousa que para comezar a catástrofe. Non quero glorificar os resultados de 1997 porque, alén de que non serviron para nada máis que para cimentar unha ilusión baleira e unha sensación falsa de forza, tiveron causas conxunturais que os fixeron posíbeis. Que o apoio ao nacionalismo galego (e non só a Beiras) aumenta coas ofensivas españolistas, por exemplo.

Porén, detrás do fulgurante crecemento do Bloque nos oitenta e noventa hai unha serie de factores que foron a clave de que pasase de ser un partido marxinal a ser unha forza hexemónica. O primeiro, que se presentaba como un partido cun compromiso de esquerdas sólido que manifestaba un apoio forte ás clases populares e se identificaba e implicaba nos seus problemas de forma directa. É algo que unha persoa de Allariz debería saber, da mesma forma que o sabemos os ártabros, que vimos no nacionalismo galego un apoio a loita do naval nun momento no que o PSOE facía a enésima traizón á clase obreira. A nefasta xestión deses movementos sociais nos últimos anos (Nunca Máis ou a oposición a Reganosa, por citar só dous) ou o divorcio directo e explícito con moitos deles supuxo unha evidente perda de activos sociais da que o propio Beiras advertiu antes da súa marcha. Un dos grandes méritos da Alternativa Galega de Esquerdas foi precisamente recuperar o pulso dos problemas populares e implicarse coas preocupacións da xente da rúa. E o máis difícil foi que o fixo nunha marxe moi curta do tempo sen que parecese que o facía coa vista fixa nas urnas, fortalecendo a confianza que xa xeraban os seus candidatos.

Un segundo elemento clave é que a percepción do Bloque como un partido limpo, sen intereses electoralistas nin redes clientelares e cunha relación de oposición ao poder, desapareceu tras o seu paso polo goberno. Alternativa Galega de Esquerdas recupera esa imaxe, polo menos de momento, e atrae o voto do electorado máis crítico. Que os novos movementos antisistema comezasen a contar co BNG entre os seus obxectivos a carón do PSOE e do PP, debeu ser o primeiro sinal de alarma de que o paso polo poder, presentado no seu día como unha grande vitoria a pesar da perda de votos, foi mal xestionado e deixou a imaxe do partido tocada.

Con todo isto en conta, se cadra si chegue o día no que crear un nacionalismo non enrocado na esquerda. É un ideal que non comparto pero que me parece respectábel como horizonte a longo (moi longo) prazo, por máis que eu teña o meu propio, porén non é intelixente como lectura inmediata, nin serve para solucionar ningún dos aspectos da crise actual. O papel político do nacionalismo ten que manterse nun equilibrio moi complicado de conseguir, moito máis tendo en conta que nunca se procurou de forma consciente a activa: está a medio camiño entre a responsabilidade política de formar parte de gobernos amplos para expulsar á dereita e a distancia crítica que lle permita facelo sen perder a conexión cos movementos sociais e as expectativas do seu electorado. Un electorado que, mentres non se demostre outra cousa, está profundamente vinculado á esquerda crítica. E sobra dicir que o Bloque estaba moito máis perto disto con Beiras dentro que con Beiras fóra.

#Activismo e resistencia#Cotidiano#Galiza

22/10/2012 by marioregueira

Paisaxe despois da batalla

Di o clásico de Carlo M. Cipolla As leis fundamentais da estupidez humana, que unha persoa estúpida é aquela que “causa un dano a outra persoa ou grupo de persoas sen obter ao mesmo tempo un beneficio para si, ou mesmo obtendo unha perda.” Por esa regra de ouro faltaba o test das eleccións para dirimir se o acontecido no nacionalismo galego fora obra dun acto de estupidez e por onde asomaba o responsábel. Pasada a proba, podemos dicir que se houbo algún estúpido ese non foi Beiras. Aínda na análise máis restritiva, a que pide non contabilizar todos os deputados de Alternativa Galega de Esquerdas como nacionalistas, o cómputo lanza un incremento da representación do nacionalismo de esquerdas, aínda que coa novidade de facelo en partidos diferentes, un deles parte dunha inédita coalición co españolismo de esquerdas que non sabemos até que punto está distorsionando esa lectura. Se ben a situación segue a distar dos resultados históricos, sería a primeira modificación á alza dende estes, as eleccións de 1997, onde o Bloque Nacionalista Galego, liderado por Beiras, chegaba a ser a segunda forza política galega.

Dende aquel día, o Bloque Nacionalista Galego acumulou descensos que culminan coa catástrofe de onte á noite. A chegada do bipartito maquillaba no acto simbólico de “tocar poder” os resultados dun BNG que ía perdendo o apoio dos votantes dunha forma imparábel e que sorprendía coa súa propia falta de avaliación interna. Non me alegro das desgrazas de ninguén, pero hai algo de xustiza poética no acontecido onte. O Bloque paga a incapacidade crónica para xestionar a súa propia diversidade e tamén paga a marcha dun xigante da política como Xosé Manuel Beiras ao que condenaron ao ostracismo durante demasiado tempo e que antes chegaran mesmo a ter como líder vergonzante, demasiado radical para conseguir espallar a influencia do partido en determinados ámbitos. O equivalente á marcha do vello león é, salvando as evidentes distancias, que Aznar entrase no partido de Mario Conde ou Felipe González se pasase a Esquerda Unida. Dilapidar un valor de partido coma ese, aínda dentro da discrepancia interna na que se produciu, acaba pagándose moi caro.

Porén, xunto con esta lectura levemente optimista, resúltame tremendamente baleira a euforia que está a vivir unha parte de Alternativa Galega de Esquerdas, incluídos os discursos que teñen máis de retórica combativa que de realismo. Obviamente é un grande éxito para un partido debutante, e alégrome tanto da volta de Beiras como me proe que o faga acompañado de persoas sociolingüísticamente entregadas a Madrid e que nin se molestaron en estudar a colocación dos pronomes para a campaña. Porén é un brinde ao sol. Nos próximos anos, o PP modificará a lei electoral e culminará a espolio que está a realizar sobre o sector público, endurecerá as políticas contra o galego e campará a vontade por onde queira. E por máis que moitas persoas esteamos a gozar dos enxeñosos retruques de Beiras no parlamento, a xenialidade intelectual non basta para frear un partido cunha maioría absoluta histórica. A promesa de que “algo novo comeza” lémbrame demasiado a aquela que escoitei en 1997, a primeira vez que votei, cando a mudanza política parecía unha cuestión xeracional e semellaba que podiamos agardar a que os votos “carretábeis” fosen sendo substituídos por votos con pernas, consciencia e vontade. Porén pasaron quince anos, quince anos preciosos para a recuperación da nosa lingua e da nosa industria cultural, quince anos perdidos que nos colocan ao borde dun abismo do que resulta moi complicado escapar xa.

E non sinalarei un culpábel, porque hai máis de un e a min resúltanme evidentes. Asistimos a unha campaña que se formulou contra o veciño do lado, ese que ten unha leira na que sacha coma nós, sen mirar para o pazo no que vive o señor feudal ao que se lle pagan as rendas. Igual que dentro do BNG, as liortas continúan pola taifa antes que polo interese común, e importa máis darlle na cabeza ao rival que decapitar ao verdadeiro inimigo. No nacionalismo galego falta unha perspectiva unitaria e unha noción clara dos obxectivos, hoxe por hoxe, e pensando a nivel inmediato, debera ser botar ao feixismo e despois tentar unha recuperación nacional que impida que a nosa cultura se dilúa no tempo das linguas mortas e as civilizacións extintas. Se cadra xa é tarde para iso. O que está claro é que os partidos galegos deben pensar se o dano que a súa división e as súas leas causan á sociedade galega lles vai dar algún beneficio.

#Activismo e resistencia#Cotidiano#Galiza

13/10/2012 by marioregueira

E despois da hispanidade

O federalismo é un instrumento de unión e non serve ao separatismo, máis ben serve para combatelo. Esta máxima, evidente para a maior parte dos independentistas do Estado español, podería ser o primeiro tema dun hipotético curso sobre a cuestión territorial para cidadáns e políticos españolistas. A cantidade de persoas que a discutirían nun primeiro arrebato é directamente proporcional á magnitude do problema crecente que o Estado español terá nas próximas décadas ao respecto.

Nas mesmas filas que a negan abunda o argumento de que as nacións que reivindican o seu recoñecemento como tales son simples constructos románticos ou trasnoitados e egoístas proxectos políticos de catro radicais. Deixando de lado o feito de que toda nación vista de perto non é máis que unha construción ideolóxica, resulta curioso que non reparen en que a máis fabulosa de todas, a que só aparece nas lendas, é esa España unitaria sen tensións territoriais que fala a mesma lingua. O nacionalismo de Estado é perigoso porque non é autoconsciente, ou porque cre nas propias mentiras moito máis que os periféricos. Porque se presenta como natural e apolítico, sen reparar en que celebracións como as de onte requiren sempre de exércitos marchando e desembocan nunha profusión de símbolos que eles chaman preconstitucionais, aínda que algúns fosen tristemente legalizados pola Constitución. Porque a única vez que estiveron perto de realizar esa idea foi varrendo as persoas que pensaban distinto para as cunetas ou para fóra do país. E aínda así fracasaron.

Pero sobre todo o nacionalismo de estado caracterízase pola ignorancia e falta de imaxinación ao respecto dos vellos problemas. Nestes días, entre outras barbaridades, escoitei a proposta de que se concedese o referéndum a Cataluña a cambio de que, de perdelo, se lle cancelase para sempre o Estatuto de Autonomía. Supoño que medidas tan intelixentes teñen detrás os mesmos cerebros que tramaron o boicot contra os produtos cataláns ou os que pretenden “españolizar” o alumnado catalán (o cal é un recoñecemento implícito á súa “non españolidade” natural e confirma o cacao ideolóxico dos seus promotores).

Porén, se do circo da dereita saen números máis ou menos divertidos, o que non deixa de preocuparme é a reacción da esquerda españolista, normalmente calada en relación ao tema, non sendo cando hai unhas eleccións autonómicas próximas ou cando hai que saír en masa a asinar nefandos manifestos pola “lingua común”. Sobre a eventual secesión catalá, a esquerda española empregou basicamente dous argumentos. O primeiro foi: “non o estades reflexionando, hai cousas máis importantes”, o segundo foi “Iugoslavia”.

Por experiencia directa diría que poucas sociedades máis reflexivas que a catalá, artellada no activismo civil e moi implicada nos problemas comunitarios. Obviamente reflexionar sobre algo non implica acertar, pero non se pode dicir que a da sociedade catalá teña unha actitude irreflexiva ou que se deixe levar por unha paixón irracional. Por outra banda, xa quixera o nacionalismo de Estado ter unha bagaxe reflexiva e unha produción cultural sobre a idea de nación e territorio que fose tan só a metade da que tivo lugar na súa periferia, tanto por cantidade como por calidade.

Por outra parte o “argumento Iugoslavia” é, sáibao que o emprega ou non, unha ameaza velada. Pensar nunha guerra civil de disgregación territorial no Estado español hoxe en día implica pensar no único bando que ten medios materiais de iniciala. Por outra banda, o caso de Iugoslavia fai fallar o seu paralelismo nunha pequena cuestión: na República balcánica as nacións non só tiñan recoñecido o seu status, senón tamén un procedemento legal para a secesión. Sería moito máis honesto, e intelixente, pensar no “argumento Grenlandia” ou o “argumento Quebec”, só por citar dous casos de final diferente nos que unha cuestión dese tipo se resolveu dunha forma civilizada.

Como dicíamos no inicio, as solucións federais non son instrumentos válidos para acadar unha secesión, antes ao contrario: empréganse para colmar os desexos de autogoberno da cidadanía sen que esta vexa a necesidade de rachar formalmente coa estrutura política na que está inserida. Se cadra as persoas que non somos federalistas deberamos felicitarnos por tanto da cegueira histórica dos rivais. E fariámolo se non fose que, como xa se demostrou algunha vez, neste xogo un rival idiota e armado acaba facendo auténticos estragos.

#Activismo e resistencia#Cotidiano

06/10/2012 by marioregueira

Un galego de Tui

Hai máis de quince anos que Sánchez Gordillo e Mario Conde se atoparon cara a cara. Era o Primeiro de Maio de 1997 e o Sindicato de Obreros del Campo dirixíase a unha das fincas do banqueiro para tomala simbolicamente. Concienciados de que posibelmente terían que repeler as agresións dun hipotético desaloxo, os compañeiros andaluces non estaban preparados porén para o desenvolvemento posterior dos acontecementos. Un campechano Mario Conde achegábase á porta da finca e tras pactar unha ocupación limitada do predio, ofrecíase a compartir con eles o almorzo e unhas cañas. A noticia deu a volta ao mundo e aínda hoxe é ben lembrada. Mario Conde, en liberdade baixo fianza por aquilo, saía ao paso con grande desenvoltura dunha situación violenta e pasaba a celebrar o Primeiro de Maio entre desconcertados xornaleiros aos que alcumaba de “convidados” na “súa” casa.

No fondo, o que Mario Conde fixo non foi máis que aplicar os principios da vida empresarial á vida real. Nunha situación na que unha carga policial podía lixar aínda máis a súa imaxe, o banqueiro confía na súa capacidade para pactar e sacar beneficio da conxuntura. Pero un acordo entre dous homes de gravata nun gabinete bancario parécese pouco ao que pode facer un deles diante dunha turba de obreiros, cento cincuenta anos de marxismo son unha boa proba diso. É necesario que a turba sinta que está a tratar cun igual ou cunha persoa que empatiza, aínda que sexa minimamente, coas súas aspiracións. Se cadra por iso Mario Conde aparece ante os traballadores do SOC a pé, disposto a falar de igual a igual con eles, cun trato extremadamente amábel e ostentando un marcado acento andaluz.

Os locutores que daban a noticia non deixaron de destacalo: observen o acento andaluz deste galego de Tui. E os que observabamos non saiamos do noso asombro.

Dende que souben que Mario Conde ía facer paracaidismo nas vindeiras eleccións galegas non puiden evitar un interese punzante sobre como enfrontaría a cuestión da lingua. Ao longo da miña vida teño experimentado situacións lingüísticas que lembraban esa imitación de acentos. Empresarios que en privado defenden a erradicación do galego do programa educativo pero que á hora de tratar cos paisanos non deixan de empregalo, mesmo imitando as súas variantes léxicas locais. No fondo, sempre pensei que a actitude do fraguismo cara á lingua tiña moito dese “saber estar” da vida empresarial, cun pouso un tanto hipócrita que nace da tentativa de acadar un bo acordo. Sobra dicir que esas tácticas de empresa han de ter moito en común co modus operandi dalgunha caste de estafadores, polo menos na medida na que procuran unha sensación de proximidade similar. Ao fraguismo o acordo, (ou a estafa), saíulle ben, e os xornaleiros comeron bocadillos con eles durante moitos anos e aceptaron quedar na entrada das fincas que, por dereito histórico, social e moral, lles pertencían. A miña aposta era que Mario Conde, ao contrario do que fixo Feijóo, non axitaría a bandeira da crispación lingüística e recollería sen dúbida o exemplo do vello dinosauro: falamos galego por aquí e acolá, visitamos unhas cantas feiras gastronómicas e recoñecemos unha lexislación nominal de defensa da lingua pola que non moveremos un dedo na vida.

Porén, o galego de Tui está enferruxado ou non acabou de comprender as regras que rexen na terra que o viu nacer e á que pretende representar politicamente. Lonxe de tomar a defensa nominal do bilingüismo, e de paso clases de galego, limitouse a imitar (un tanto ridiculamente) outro acento distinto e a falar do moi verídico perigo que ten o castelán de ser absorbido polo galego. Non contento con iso, na súa entrada triunfal, toca o (pouco polémico) tema da identidade do galego e do portugués e saca a colación o exemplo do seu primo (?), aquel que deixou o galego porque se decatou de que levaba vinte anos facendo o parvo e de que ninguén o quería. Dúas sensacións que, sospeito, o outro primo Conde experimentará moi axiña nas súas carnes.

O exemplo, ou contraexemplo, do magnate tudense serve para ilustrar como a cuestión lingüística galega segue pexada dun odio ideolóxico que soborda as achegas de calquera partido non galeguista. Noutras ocasións temos falado do absurdo que representa que moitas empresas rexeiten o emprego do galego aínda asumindo as perdas económicas que implica renunciar á lingua máis falada do país. Unha vez máis, os grandes empresarios non confían sequera na ilusión de tratar á inmensa maioría deste pobo como iguais. Ou se cadra é que aínda non damos tanto medo como unha turba de xornaleiros andaluces cercando unha propiedade. E se cadra sexa hora de poñer remedio a iso.

#Activismo e resistencia#Cotidiano#Galiza#Lingua

02/10/2012 by marioregueira

Amén

Máis tarde chegan os cataláns Carles Riba e a súa muller Clementina Arderiu; Blai Bonet, Foix e o valenciano Fuster, tan amigos e tan preocupados e curiosos polas cousas literarias da Galiza e pola súa lingua. (A propósito: estes estupendos e cultos poetas en lingua catalá, prevíronme seriamente contra os filólogos e -sobre todo- contra os afeccionados á filoloxía, no sentido de que, quizais sen querelo, son os inimigos máis perigosos que temos os que cultivamos as linguas minoritarias, porque, a historia, a socioloxía, a literatura, eles redúceno todo a problemas da súa especialidade.)

Celso Emilio Ferreiro, citado por Ramón Nicolás en Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro, (trad. do autor deste blogue)

#Epigramas#Galiza#Lingua#Literatura

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies