07/10/2011 by marioregueira

As tres mazás que mudaron o mundo

Algúns medios fartáronse de repetir a fórmula tras a morte de Steve Jobs, acontecida na madrugada de onte e tan ben reflectida na prensa estatal da mañá seguinte. Segundo os iluminados do momento, a mazá de Apple sería a terceira tras a de Newton e a de Adán e Eva (?) en mudar a historia da humanidade. Entendo que a linguaxe xornalística precise deses xogos de última hora cos que adornar as novas máis ou menos baleiras de contido ou que non teñen moito que comentar. Resulta máis complicado entender que a nova do infeliz e temperán pasamento de Jobs encaixe nese perfil. E máis aínda me custa pensar no perfil de quen tivo a infeliz ocorrencia de equiparar a lenda bíblica con Newton e Jobs.

Deixando de lado o feito de que, segundo creo lembrar, os textos da Xénese non falan de mazá en ningún momento (senón de “froito”), vou descualificar esa infeliz primeira mazá da humanidade por dopaxe e por ser pouco axeitada para representar os desvelos da nosa especie na procura do coñecemento. A de Newton si, e a de Jobs xa se verá, aínda que a súa importancia tecnolóxica no noso tempo parece, a día de hoxe, incontestábel.

A miña terceira mazá é a de Alan Turing, ou a mazá que Alan mordeu para morrer, segundo parece envelenada por el mesmo. Non é que a mazá xogue un papel espectacular na traxectoria científica de Turing, pero chegou a simbolizalo dunha forma tal que a maioría pensamos algunha vez que o logo de Apple era unha homenaxe á súa figura e non (como seica é) á de Newton. Turing é unha figura que non tivo unha popularidade acorde ás súas achegas nin á súa importancia social. Nin máis nin menos é un dos responsábeis da vitoria aliada na Segunda Guerra Mundial. Non participou directamente nas batallas, pero liderou a guerra no campo da espionaxe e a contraespionaxe axudando a rebentar os códigos das máquinas de cifrado Enigma, empregadas polos alemáns para as súas comunicacións militares. O acurtamento do conflito que isto provocou significou a salvación de incontábeis vidas humanas, un feito aínda así menos valorado que as mostras de valor realizadas no campo de combate por outras persoas.

Porén Turing non foi só un heroe na guerra dos gabinetes. O seu traballo posterior nos primeiros pasos da informática estabeleceu moitos dos conceptos que hoxe manexamos e adiantou algúns outros na relación entre o ser humano e as máquinas que nos seguirán servindo no futuro, ao paso do avance tecnolóxico.

Hai tempo vía nun documental alguén que explicaba como a guerra fortalecera a idea dun sistema de saúde público na cultura británica. “Se lle pedíamos a xente que fose morrer polo seu país, tamén era xusto que o seu país coidase dela cando o precisase”. Unha máxima tan brillante, porén, non puido aplicarse noutros campos da sociedade nin serviu para entender outro tipo de cousas. Alan Turing, homosexual, viviu un auténtico inferno persoal na Gran Bretaña de posguerra: un proceso por perversión sexual que acabou coa súa carreira e unha pena que incluía unha tentativa de “curación” forzada mediante a inxección de estróxenos que arruinaron a súa vida e o seu sentido da sexualidade. Torturado e marxinado polo mesmo estado ao que salvara da barbarie bélica, Turing pon fin á súa vida deixando un un falso siloxismo que trata de manifestar o absurdo social en choque coa racionalidade máis básica. A sexualidade de Turing non afecta ao seu xenial traballo científico, da mesma forma que non afectaría o seu xénero, a súa raza nin a súa procedencia social.

Pasaron moitas décadas antes de que a figura de Turing fose restaurada, o estado británico desculpouse formalmente aínda en 2009 e en parte podemos dicir que a popularización da súa personalidade está en curso. Por iso, e porque a nosa flamante racionalidade social seguirá correndo riscos nos próximos anos, é que quixen usurpar con esta entrada a morte do artífice da terceira mazá, aínda que estou seguro de que non lle importaría.

#Activismo e resistencia#Ciencia e tecnoloxía#LGBTQ

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies