20/09/2011 by marioregueira

O premio Pérez Parallé

Falábanme del o outro día na entrevista de Radiofusión e coincidía coas miñas propias lembranzas, agora que aínda estamos en prazo para unha nova edición. O premio Pérez Parallé tivo para min un significado moi persoal, en primeiro lugar porque estaba organizado nunha terra coa que tiña moitos vencellos familiares e sentimentais, pero tamén porque a experiencia significou gañar máis dun par de bos amigos que aínda hoxe me acompañan.

Fóra diso, a verdade é que o premio, naquel momento, era un camiño aberto á incerteza. É certo que o certame tiña xa os seus anos, pero cunhas características completamente distintas, aquela edición era a primeira que premiaba un libro (e non un poema individual), e tamén a primeira que implicaba a publicación en Espiral Maior, probabelmente (non sei onde lin o dato), a editora co catálogo de poesía máis amplo de toda Europa. O obxectivo de crear un premio para autores inéditos, rompendo parte do elitismo doutros certames, era tan ambicioso como necesario e tiña xa uns cantos naufraxios nas súas costas a mans doutras editoras e doutras iniciativas.

Hoxe, seis anos despois, podemos dicir que o premio conseguiu xa unha traxectoria que o consolida como unha das apostas máis serias da literatura galega e unha das mellores portas de acceso para as autoras noveis. O seu palmarés, diverso e multiforme, representa unha boa proba diso. Ao mesmo tempo, segue a ofrendarnos eses libros que, segundo algún dos seus organizadores teñen, no seu valor iniciático, algo de irrepetíbeis e arroutados, como se puidésemos notar neles a frescura e a encantadora torpeza que teñen as primeiras veces.

Tantos anos despois, eu penso con certa nostalxia naquela viaxe que conta Tanxerina, á que este blogue debe o seu longo nome. E ocasionalmente aínda baixo até o Rick’s café a tomar o whisky mellor, mentres brindo polos azares, os encontros e os desencontros, as inocencias perdidas e aquelas outras gañadas a pulso ao fero vento do deserto. E brindo tamén polo torrente de poesía que, grazas aos esforzos de moita xente, segue a brotar nalgún lugar da terra do meu pai.

Na foto: Xosemaría Pérez Parallé (re)inaugurando o Monumento ao Camiñante Descoñecido de Barallobre (Fene). Foto atopada en Vieiros.

#Cotidiano#Literatura

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies