05/08/2011 by marioregueira

A miña mala letra

Lembro que un dos meus primeiros debates sobre o oficio de escritor aconteceu nos meus anos escolares. Encarnizadamente defendía fronte a un compañeiro que ter boa letra non era imprescindíbel para dedicarse ao oficio de inventar historias, de feito era algo bastante superfluo desde o momento no que existían máquinas de escribir e aparellos semellantes capaces de substituír a peor letra do pulso máis inútil por una perfecta caligrafía, comprensíbel universalmente.
Non negarei que eu era parte interesada no debate. En xeral, e até determinado punto da miña infancia, fun un bo estudante que porén tiña unha caligrafía indescifrábel e espantosa. O tempo que non precisaba para repasar as leccións empregábao en copiar moldes de letras e en tentar enfiar as liñas dos escritos o máis paralelas posíbeis entre si. Case sempre era un fracaso. Os meus intentos asemellábanse á teima coa que tentara, en distintos momentos da miña vida, ser un bo debuxante. Eu, que proviña dunha familia cunha sólida tradición no debuxo amateur, era incapaz de domear os útiles nas miñas mans. Dalgunha forma creo que comecei a narrar levado pola frustración de ser incapaz de pintar cadros como facía unha boa parte da miña familia. E por suposto, negaría sempre de forma tallante a relación da narrativa con calquera dependencia de tipo gráfico que non puidese resolverse coa axuda dunha máquina.

O tempo e o progreso tecnolóxico déronme a razón moito máis aló do que eu imaxinaba, até o punto no que pouco a pouco deixei de empregar a pluma até para aquelas cousas, como a poesía, que pensaba que resistirían calquera tentación de pasar por un teclado. Podería dicir que gañei aquel debate da infancia, a pesar da miña torpeza caligráfica xa van uns cantos libros e poucas incidencias ao respecto na súa xestación e desenvolvemento tiveron que ver coa miña mala letra. Aínda que para ser xustos tamén debera darlle a aquel compañeiro de escola unha parte da razón. Hai un momento ineludíbel para as persoas que se dedican á escrita: o momento de asinar os propios libros. E aí si que volve relucir aquela caligrafía tortuosa, empeorada por algunha lesión deportiva, e terribelmente consciente dos seus defectos. Porén, é ese algo de tortuoso e renegado que hai tamén neses outros debuxos que as palabras de molde tentan crear a través do acto de narrar.

Aínda así, mañá 6 de agosto na Feira do Libro de Coruña tentarei esforzarme. Poden traer o último libro ou calquera outro do que consigan probar a miña autoría.

#Cotidiano#Literatura

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies