11/07/2011 by marioregueira

Contra a rede das pequenas cousas

Xeralmente non dou demasiado crédito ás perspectivas conspiranoicas sobre as redes sociais. Si presto algo máis de atención ás alertas sobre o seu enfoque puramente comercial, porén, aínda con esas limitacións fun asumindo que determinadas redes están para ficar polo menos o tempo suficiente como para deixar unha fonda marca no imaxinario colectivo destes anos. E paralelamente ao seu ascenso vivimos a caída moderada pero o suficientemente notábel dos blogues. En realidade non tanto a caída en número como a caída na atención do público e a caída da súa faceta como rede social, que tamén existía.

Non enganarei a ninguén, decátaste disto tomando algo con vellos compañeiros da época dourada da blogoleira, mentres xorden as cuestións de canta xente abandonou o seu blogue e de canta outra leva meses sen actualizalo, de quen volveu e de como con tanta outra rede de mensaxes breves perdemos capacidade de cohesión e de debate. Como digo, non creo que existan ferramentas intrinsecamente malas, e moito menos caerei na hipocrisía de consideralas así cando son ferramentas que eu mesmo emprego. A aparición das redes sociais serviu ademais para liberar moita práctica marxinal do mundo dos blogues. Xente que soamente subía vídeos ou fotos atopou un foro máis axeitado, porén ironicamente esa tendencia tamén acabou arrastrando a moitas das persoas que empregabamos o medio para reflexións e debates. É certo que o seu factor de incipiente rede social, grazas á que coñecemos a moitos bos amigos, xa estaba presente. En nome dela faciamos xuntanzas e festas e gozamos de moi boas tardes tomando cañas con descoñecidos que non o eran, pois sabiámoslles os intereses e as opinións máis aló do que calquera formulario do facebook permite hoxe.

Porén, empregabamos os blogues sobre todo para debater. Hoxe en día é moito máis cómodo poñer unha ligazón e agardar polos polgares cara arriba, ou polos rechouchíos que a multipliquen. Moito máis cómodo na maior parte das ocasións que elaborar un discurso sobre a nova, aplaudila ou impugnala, crear algo novo a partires dela e contribuír ao debate. E iso, máis aló das outras utilidades que sen dúbida poden achegar as redes sociais ás nosas vidas, é unha traxedia que deberamos evitar. E comezaba falando de conspiranoias porque non creo que (como lin nalgún lugar) exista un complot dos gobernos para manter ás persoas idiotizadas coas redes sociais de mensaxes breves e afastalas así dun debate público máis complexo. Por desgraza, o proceso foi o suficientemente grande como para non ter que acusar a ninguén, os culpábeis somos nós mesmos, e as consecuencias sufrirémolas de novo nós tamén. O potencial que os blogues poderían achegar ao debate político e social é algo demasiado importante como para deixalo de lado, especialmente nun país que vive horas baixas, que ve os seus medios de comunicación fechados e atravesa un temporal político de final incerto.

Fronte a aqueles que din que a revolución será twitteada eu creo, xunto con Scott-Heron (que a terra lle sexa leve), que a revolución será ao vivo. E que será afinada do xeito no que se afinaron sempre as revoltas: con longas deliberacións e obxectivos claros, co respecto que se gaña aos adversarios nos debates e a descuberta minuciosa de todas as trampas que lle sairán ao paso. Ao vivo e cociñada en libros e xornais, en blogues que van pasando a libros e libros que fican finalmente en blogues, se cadra para que todos nos decatemos de como seguen sendo necesarios. Cousas que en definitiva non caben nun hashtag, nin en 140 caracteres nin nun click de rato que pretende dicir que gostamos inmensamente de algo que mal tivemos tempo para ler completamente.

#Activismo e resistencia#Blogoleira

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies