01/11/2010 by marioregueira

A festa das cabazas

Pasou o Samaín, ou a noite de Santos, e como vén sendo habitual, o debate sobre a súa autenticidade aínda ocupou algunhas páxinas, xa habituais por estas datas. Por unha banda as celebracións que colectivos e locais sociais fomentaron, por outra os que seguen rexeitándoo como unha importación norteamericana e aínda algúns outros que recoñecéndoa como unha tradición galega alertan contra a súa progresiva americanización.

Non teño suficientes coñecementos antropolóxicos sobre as festas galegas como para lexitimar unha preexistencia do Samaín alén dos anos 70 ou mesmo máis alá da miña primeira experiencia sobre el, no final dos 80. Nunca vin a miña avoa tallando unha cabaza para poñerlle unha vela dentro, pero non é menos certo que tamén non a vin nunca celebrando os Maios, na malla, ou cantando panxoliñas ou cantos de reis. Debo crer, porén á xente que di que o Samaín (a festa das cabazas ou das caliveras), é anterior á miña experiencia directa dela, polo menos tanto como creo a quen afirma a existencia dos Maios nunha tradición anterior. Curiosamente o meu coñecementos da maior parte delas foi similar e foi a través de asociacións culturais que trataban de recuperalas nun contexto no que practicamente desapareceran.

Creo na boa fe da maior parte desas persoas, como creo no testemuño de quen conta que asistiu á fase final desas tradicións e que si viu ás súas nais e avoas tallar cabazas, cantar panxoliñas ou danzar arredor do maio. A fin de contas a maior parte desas tradicións teñen unha orixe precristiá e sobreviviron ocultas baixo festas que a Igrexa católica impuxo para aproveitar a súa popularidade. A festa das cabazas ten un aspecto demoníaco que é dificilmente asumíbel pola cultura cristiá, o que explicaría que só permanecese de xeito minoritario e en zonas illadas.

Pero en calquera caso a preexistencia do Samaín é un elemento que non afecta á miña experiencia del. Dentro desta sempre foi unha celebración vencellada a aspectos políticos e de recuperación cultural onde non tiña ningunha cabida o aspecto mercantilista ou de asimilación imperialista que vai asociado ao Halloween norteamericano. Creo que aínda hoxe é así na maior parte dos casos, a xulgar pola súa presenza en locais sociais, agrupacións culturais e iniciativas persoais pouco sospeitosas de colaboracionismo. Dalgunha forma, aínda se fose, como moitos acusan, un elemento importado da cultura estadounidense, conseguimos que cumprise un obxectivo completamente distinto do que tiña en orixe. A celebración do Samaín refírese a un pasado, pero fala máis do que somos agora que do que fomos en tempos pretéritos, máis do que somos agora que do que os nosos antergos foron, aínda que só sexa porque estes non lle deron nunca un sentido galeguista a algo que só era un rito relixioso pagán.

A relación dos galegos co mito é complexa, probabelmente porque o mito sustenta unha boa parte do que somos, alí onde as estruturas reais fallan. Porén non podemos seguir apuntalando unha parte da nosa identidade nos mitos fundacionais. Unha cousa que caracteriza a unha cultura viva é que se move e toma as súas propias decisións para seguir evoluíndo. Unha cultura é un elemento en permanente construción, se non valora opcións é porque está morta. Dentro desas decisións está, por exemplo, tomar celebracións novas, recuperar outras que caeran en desuso ou rexeitar aspectos que forman parte da tradición pero cos que a xente xa non quere identificarse.

Para min non ten ningunha importancia que a idea de relanzar o Samaín entrase da man da popularización que o cinema norteamericano fixo da festa, como tamén non a ten que a bandeira galega fose en orixe a bandeira da provincia marítima da Coruña ou que a súa estrela vermella nacese como símbolo na guerra civil rusa. A cultura ten que ser un río e non un estanque onde apodrezan as augas, e todas esas cousas son elementos coa suficiente capacidade de convocatoria e identificación como para seguir unindo á nosa xente ao seu redor. Outra cousa é situarnos de novo nos debates da segunda metade do pasado século, onde se defendía, por exemplo, que a música da futura república galega sería unicamente tradicional, dende o momento no que a guitarra era un instrumento estranxeiro e o rock un estilo norteamericano. Non quero pensar toda a riqueza que perderiamos de caer, sequera minimamente, nesa corrente de pensamento.

#Activismo e resistencia#Galiza#Samaín

Comments

  1. A Raíña Vermella
    01 01UTC Novembro 01UTC 2010 - 18:51 06Mon, 01 Nov 2010 18:51:58 +000058.

    Meu avó, pouco sospeitoso de influencias americanas salvo por ver pelis de vaqueiros e usar traxes cruzados de tres botóns, emocionouse mogollón a primeira vez que nos viu baleirar unha cabaza para ir ao Samain de Cedeira, porque lembraba de facelo de neno, coa feroz oposición do cura de Cariño. Polo tanto, a miña sensación persoal é que foi unha festividade levada ao borde da extinción durante o franquismo, pero con certa presenza previa, igual que o Antroido estivo a piques de desaparecer durante os anos corenta e cincuenta, por motivos semellantes.
    En calquera caso, pouco importa a orixe, e o da música tradicional da arrepíos mírese por onde se mire.

  2. Mario
    01 01UTC Novembro 01UTC 2010 - 19:02 07Mon, 01 Nov 2010 19:02:52 +000052.

    Si, non cabe dúbida que acusar á festa de ser unha influencia estadounidense é algo que postos a investigar non tería demasiada base, porén é certo que non é un elemento que teña importancia por si propio. Hai tradicións antiquísimas que rexeitaría sen dubidalo (as procesións do Corpus, ou a Semana Santa na Galiza que non é máis vella que o propio Samaín) e outras que adoptaría agora mesmo dun xeito activo (as procesións de batucada, as escolas de swing ou as big bands populares). Eu agradezo moito a todas as persoas da miña (nosa) comarca e doutros lugares do país que se empeñaron en manter viva unha festa tan máxica, pagá e fermosa como o Samaín e creo ademais que neste país, aínda que non o pareza, nunca se sementa en terra erma.

  3. dedoscomovermes
    01 01UTC Novembro 01UTC 2010 - 21:36 09Mon, 01 Nov 2010 21:36:50 +000050.

    a minha mãe fala de ir de pequena a roubar calacús com seu irmão para vaciá-los e ir assustar velhas. claro que a minha mãe é de vila-garcia, a vila inglesa por excelência (chiscadela irónica).
    uma cousa curiosa é que eu amanhá, na arouça na que vivo, devo ter umha boa presa de golichadas para dar-lhes às crianças carcamanas, porque amanhá é o “dia de pedir” que ainda se celebra; semelha jaloguim mas nom é: vam os inocentes polas portas a pedir polas almas dos defuntinhos (seique em tempos nom eram golichadas mas cartos ou comida para os órfãos dos marinheiros).

    lembro que na minha aldeia nom se fazia lumeiro de sanjoám. recuperámo-lo eu e meus irmãos, chuçados pola minha mãe, que em vila-garcia sempre o celebrara (manda nabo, a da vila…). hoje em dia segue a celebrar-se, pois outros nenos da aldeia tomárom o relevo. o simpâtico é que lendo lisón tolosana ( o super-antropólogo que recorreu galiza nos ’60) citava a nossa paróquia como umha das mais activas na celebraçom do lumeiro.

    estas anedotas falam dumha tradiçom de tempos, antiga… muito mais mal fijo a ditadura do que semelha…

  4. Mario
    02 02UTC Novembro 02UTC 2010 - 00:27 12Tue, 02 Nov 2010 00:27:15 +000015.

    Obrigado por abrires esa xanela da experiencia persoal, creo que ao final é o mellor argumento, lembrar o momento no que esas cousas se celebraban con normalidade, que moitas veces é tamén o momento no que as festas significaron algo para nós, persoal e/ou culturalmente.
    E si que é certo que a ditadura nos esnaquizou nese e noutros sentidos, pero non esquezamos que para algunhas destas festas a represión comezou moito antes, e que nela a Igrexa tivo case sempre un protagonismo fundamental.

  5. W. Sobchak
    02 02UTC Novembro 02UTC 2010 - 21:47 09Tue, 02 Nov 2010 21:47:01 +000001.

    A minha nai ten 56 anos e de cativa en Noia sempre tallaban nas cabazas por defuntos.O que non lle chamaban era Samaím.Esta noite pedireille máis información de como era a súa celebración

  6. Mario
    03 03UTC Novembro 03UTC 2010 - 18:48 06Wed, 03 Nov 2010 18:48:35 +000035.

    Pois xa estás facendo un post (ou xa pasarás por aquí para contarnos cousas interesantes).

  7. paideleo
    09 09UTC Novembro 09UTC 2010 - 12:12 12Tue, 09 Nov 2010 12:12:41 +000041.

    Meu pai tamén tallaba calacús e nabos que puña con outros rapaces nos muros do camiño e do cemiterio en Barreiro, Vigo ! alá polos 40-50 ( meu pai naceu no 43 ).
    No Porriño, patria chica adoptiva, tamén recuperaron a noite dos calacús que celebraban hai corenta anos.
    Semella que houbo un intervalo duns corenta anos máis ou menos no que non se celebraba nada diso.
    O certo é que agora vén da man do Halloween e xa é unha mistura pero a cultura non é auga estanca, como ti ben dis; senón río mistura de distintos afluentes.

  8. Mario
    10 10UTC Novembro 10UTC 2010 - 00:58 12Wed, 10 Nov 2010 00:58:18 +000018.

    Graciñas polo comentario, PaideLeo, é toda unha noticia saber que até en Vigo a festa estaba máis ou menos viva nos anos 40 (que non é hai tanto tempo como parece). Saúdos.

Comments are closed.

; >

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies