27/10/2010 by marioregueira

A tortura da esperanza

Levo demasiados anos crendo que fora un feito real mitificado polas néboas da historia, dende que llo escoitei narrar a un vello anarquista nunha palestra. Pero por fortuna A tortura da esperanza non é real, é un conto de Villier de L’isle-Adam que capta moi ben un sentimento frecuente aos seres humanos en situacións extremas. Nas cadeas da Inquisición española un vello rabino aragonés está sendo sometido a torturas para que abxure da súa fe. Día tras día durante un ano o ancián soporta todo tipo de dores e aldraxes até que, na véspera da súa execución na fogueira, atopa a porta da cela aberta. Durante horas camiña cara á liberdade, mais xusto no intre no que xa se pensa a salvo… Realmente a tortura máis efectiva para dobregarnos é sempre a da esperanza, consume as nosas forzas recalculando a liberdade que xa dabamos perdida inmediatamente e remata por sumirnos de volta nunha versión endurecida da vella situación.

Non sorprenderei se digo que a tortura da esperanza me lembra á situación social e política actual. E non porque a vella esperanza fose demasiado brillante, aínda que si que representaba a posibilidade de romper as dinámicas eternizadoras do dominio da dereita negacionista no noso país. Dalgunha forma a sociedade acusou ese golpe e como o vello rabino da historia sentiuse derrubar nos brazos e no sorriso hipócrita dos inquisidores. Concretamente, non deixo de relacionar con isto o desinchamento progresivo do blogomillo nos últimos meses. É certo que o factor rede social axudou un tanto, pero non é menos certo que facebooks e twitters teñen xa os seus anos, e a nosa desidia non tantos.

O blogomillo viviu o seu apoxeo nun momento de mudanza política do que non deixou de ser instigador, celebrador e tamén crítico nos seus anos clave. Nunha sociedade como a nosa, de núcleos poboacionais pequenos, clima adverso, e problemas crónicos de sociabilización, o xurdimento dunha trincheira dixital significou a primeira posibilidade de participación no debate político para moita xente, unha tribuna plural que permitía a oportunidade de manter unha voz individualizada, aberta a todos os matices. E foi tamén a consciencia para moita xente de que non estaba soa e que un abano de simpatías e empatías se abría para ela.

Non caeremos na inxenuidade de dicir que ferramentas de comunicación como os blogues poden salvar un país noqueado pola tortura da esperanza. Porén si que é certo que, nun momento no que outras ferramentas de comunicación caen baixo a presión ou a desidia do poder político, o noso deber é seguir mantendo estas redes vivas e abertas, e sobre todo capaces de seguir artellando a unha comunidade crítica co poder establecido e cos camiños que lle depara ao noso país. Creo que no fondo sempre foi así, e polo menos para este cronista de Gorée, representa unha das razóns polas que manter o porto aberto contra vento e maré, e tamén un poderoso motivo para brindar polo retorno á trincheira virtual de vellos camaradas como Marcos Pérez Pena. Porque o único xeito de sobrevivir á tortura da esperanza e seguir apostando pola esperanza, darlle á volta ao seu coitelo de dobre fío e convertela na mellor arma contra os que nos oprimen. Ou dito doutra forma, facer que os nosos soños sexan os seus pesadelos.

#Activismo e resistencia#Blogoleira#Galiza

21/10/2010 by marioregueira

Manifesto para o debate

A configuración dos dereitos de autor nun mundo no que a difusión da cultura se facilitou inmensamente podería ser un dos grandes debates do século. E como todo debate no que algunha parte se xoga algo, este tamén non estará libre de mentiras e terxiversacións. A clarificar parte delas contribúe Rip! A Remix Manifesto, un filme documental que toma como centro ao músico Girl Talk (nome artístico do DJ Gregg Gillis) para emprender unha viaxe sobre a historia nunca contada da lexislación sobre os dereitos autoriais, o seu endurecemento recente, e algunhas das súas primeiras vítimas.

A obra emprende tamén o complicado traballo de facer transcender o tema máis aló do eido audiovisual que emprega de partida. Porque si, Gregg Gillis é un tipo que emprega anacos de cancións de outros para xerar unha proposta musical nova, pero tamén, e isto non carece da súa importancia, foi alguén que traballou como enxeñeiro biomédico realizando labores de investigación. A reivindicación dunha reformulación dos dereitos de autor e da fin dos coutos á transmisión cultural é frecuentemente banalizada como un capricho occidental que só afecta a determinadas clases sociais ávidas de consumo audiovisual. Esta perspectiva axuda a encubrir unha parte do problema que de ser máis publicitado colocaría a unha parte do debate contra as cordas. As patentes farmacéuticas, ou o lastre que supón para a investigación biomédica a simple posibilidade de patentar descubrimentos relacionados coa saúde. E tamén o xeito no que isto afecta aos países en desenvolvemento ou a revolta silenciada que algúns deles están levando a nivel internacional contra esta situación.

Rip! A Remix Manifesto é un filme sobre como non se pode deter a roda inmemorial da fluencia cultural e da investigación científica só para que grandes compañías que hai moito perderon o seu compoñente humano sigan construíndo imperios comerciais. Un manifesto que colocar nalgún lugar dese debate no que nos xogamos é a liberdade creativa, a difusión da cultura e tamén, aínda que non nolo queiran contar, moitas outras cousas.

Hai un tempo que vin o filme e levaba unhas semanas querendo falar del no blogue. Hoxe facendo a rolda dos blogues levei a grata sorpresa de que o Cineclube de Compostela o vai proxectar esta tarde, seguido dunha mesa redonda sobre o tema, así que non perdades oportunidade de velo en tan boa compañía. Para quen non poida ir pode descargar o filme subtitulado en español. A Frente de Liberación do Rato está preparándose para baixar das montañas e tomar as cidades.

#Activismo e resistencia#Cinema#Cultura libre#Música

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies