26/09/2010 by marioregueira

Opio

X rexeita unha condecoración. De que serve rexeitala se a obra a acepta? A única cousa da que cada quen que pode enorgullecerse é de facer a súa obra de tal xeito que ninguén poida pensar en concedernos unha recompensa oficial polo noso traballo.

de Opio – Diario dunha dexintoxicación de Jean Cocteau

#Crítica#Epigramas#Literatura
2 comentarios

20/09/2010 by marioregueira

Eróstrato, Chapman, Feyjóo

Lennon e Chapman

Recoñece Mark Chapman algo que moita xente sospeitabamos de hai tempo. Que matou a John Lennon para deixar de ser un ninguén e atinxir un reflexo dalgunha cousa semellante á fama. Suspensas fican as teorías da conspiración, as preguntas que Salinger nunca respondeu, probabelmente porque non tiña as respostas, e nas que O vixía no centeo xogaba un papel detonante no asasinato. Eu son unha das persoas que leu o libro de Salinger procurando en boa parte unha razón para matar ao mellor dos Beatles, e aínda que algún dos personaxes secundarios lembra inequivocamente a Lennon ningunha persoa no seu xuízo podería atopar as respostas que segundo Chapman estaban alí. Ao contrario, a anécdota, xunto con algunhas outras relativas á obra e de ton similar, lixaron parte da súa significación literaria popular e abriron a porta dos cazadores de misterios. Agora Chapman recoñece que o fixo pola fama e que un dos méritos de Lennon era ser máis accesíbel que outros obxectivos. Non tivo sequera o mérito da orixinalidade.

No século IV antes da era común, o templo adicado en Éfeso á deusa Artemisa, considerado unha das marabillas do mundo, foi incendiado por un tal Eróstrato. A única razón documentada (aínda que confesada baixo o pouco fiábel método da tortura) foi que o criminal pretendía que o seu nome fose lembrado pola posteridade. Os habitantes de Éfeso tentaron que isto non acontecese e prohibiron que volvese ser pronunciado ou escrito, porén, ao contrario que un resto fidedigno do templo, o nome de Eróstrato chegou a nós e hoxe serve para mencionar complexas síndromes psicolóxicas relacionadas co afán de notoriedade.

Ao lado da capacidade destrutiva dunha pistola ou dunha chama existen realidade moito máis complexas de botar abaixo e nas que non cabe unha autoría tan directa e individual. Un dos principais problemas cos que topamos na concienciación lingüística é facer concibir á xente que unha lingua é un elemento vivo, e que como tal pode evoluír, transformarse e tamén morrer, por máis que os seus procesos sexan lentos e espallados no tempo. Do mesmo xeito, as responsabilidades do seu ocaso non son reducíbeis a un único individuo nin a accións tan radicais como pegar uns tiros ou iniciar un lume, en ocasións poden estar máis relacionadas coa pasividade que cun acto concreto.

Cando certa organización acusaba ao reinado de Fraga da maior perda de falantes do galego na súa historia como lingua non dicía mentira, porén é certo que o resultado non pode desvincularse dun deixar actuar certa inercia posfranquista máis que de accións realmente agresivas e decididas. A responsabilidade do esmorecemento dunha lingua é forzosamente compartida, tamén moitas veces polos propios falantes que a abandonan ou desvalorizan. Na circunstancia actual, porén, estamos ante un nivel de agresividade fáctica non vista dende a fin da ditadura e que contrasta coa simple incompetencia, máis ou menos provocada, dos gobernos anteriores. É certo que non constituirá o final da lingua, entre outras cousas porque non o imos consentir, porén resulta unha vez máis unha pobre tentativa de conseguir notoriedade a través do exterminio. O cemento dunha carreira política que poida ser vista dende Madrid e na que levar como presente e pase de entrada a nosa cabeza. Que non se esqueza o señor presidente, de levar tamén unha copia de O vixía no centeo. Esta, non esta.

#Activismo e resistencia#Cotidiano#Galiza#Lingua
Comentarios desactivados en Eróstrato, Chapman, Feyjóo

16/09/2010 by marioregueira

A ideoloxización nacionalista

Chamaba a atención que unhas das primeiras medidas do novo goberno da Xunta en relación ás escolas infantís fose combater a súa suposta ideoloxización. E chamábaa precisamente porque poucos de nós pensabamos que unha casiña sorrinte cunha bandeira galega fose un logo politizado para unhas escolas dependentes da Xunta e moito menos que unha galiña azul cun lapis o fose menos. Dalgunha forma devolvíannos ao vello debate sobre nacionalismo e ideoloxía, no que os defensores da equiparación entre estado e nación pretenden que a súa postura non é só lexítima, senón tamén natural, é dicir, apolítica ou desideoloxizada. Somos os demais os que politizamos as cousas, eles “énchenas de coñecemento“, como se puidese pretenderse un coñecemento que non parta dunha postura política explicitada xa dende o mapa que se colga na aula ou a lingua que se emprega para transmitilo. Non existe, para mal de moitos, a postura non ideolóxica ou despolitizada, calquera elemento, por banal que pareza, é susceptíbel de ser considerado un instrumento político, todo depende do punto no que sexa percibido. O exemplo das galescolas é perfecto. Ningún galego se podería sentir ofendido por un logo infantil coa súa bandeira civil onde se lles ensina a súa lingua ás crianzas, ningún agás quen se sinta ofendido pola existencia mesma doutra bandeira e doutra lingua distintas á súa.

Algo semellante acontece agora cos equipos de normalización lingüística. Naturalmente que os equipos están ideoloxizados.  Se cadra a moitas persoas non llo pareza, pero para quen persegue e nega a existencia dunha lingua calquera elemento que se defina como “normalizador” desta é obviamente un elemento político, e como tal, un elemento a ser exterminado. E nós non deberamos ter medo de recoñecer que non só é político, senón que fai a nosa política, a que defende a idea que a maior parte dos galegos temos da nosa lingua e a que asegura un futuro para esta.

#Activismo e resistencia#Galiza#Lingua
4 comentarios

06/09/2010 by marioregueira

Alba de Barcelona

“Os pobos que esquecen a súa Historia están condenados a repetila”, aseguraba o filósofo gringo Santayana.

“Oxalá fose verdade -dicía o meu avó, un mineiro asturiano- a ver se dunha puta vez gañamos a batalla do Ebro”.

.

Do prólogo de Barcelona al alba, banda deseñada de Alfonso Font e Juan Antonio de Blas.

#Activismo e resistencia#Banda Deseñada#Epigramas
Comentarios desactivados en Alba de Barcelona

03/09/2010 by marioregueira

O ruído das máquinas

Sorpréndeume lonxe a nova da semana. Annus horribilis da prensa galega con feches, limitacións e mudanzas inesperadas. En realidade a sorpresa é relativa, só evidencia de que xeito os rumores do último ano se van confirmando pouco a pouco. O pior, en realidade, non é a sorpresa, é a certeza de que, ao contrario doutras veces, o ruxe ruxe é certo e probabelmente aínda nos agarden máis novas deste tipo.

Por outra banda, e se cadra pola proximidade mediterránea, a miña perspectiva da cuestión ten outros matices. Nos últimos días habitei nun país onde, se ben a situación lingüística está lonxe da meta dourada da normalización absoluta (se tal cousa existe), si que formula unha paisaxe que calquera galego envexaría sen ningún problema, e isto tamén non é unha excepción no caso dos medios de comunicación. Dalgunha forma a estrutura piramidal dos medios presupón unha sociedade que os reclame na súa diversidade. Moi dificilmente se dará o caso no que esa diversidade responda ás taifas concretas dun partido político, e moi dificilmente os medios que teñan orientacións tan concretas poderán baixalo até unha minuciosidade que non lles pase factura no respecto e a diversidade do seu propio público. Naturalmente que existen outras causas de peso, pero o contacto e a supervivencia dun medio debería depender en primeiro lugar do seu público, sexa real ou potencial.

Teño diante de min un exemplar da revista Sapiens, un revista mensual de historia editada integramente en catalán. Aínda que o proxecto xa debe ter o seu tempo (o deste mes é o número 95), para min é algo máis que unha revista. Semella un animal mitolóxico e representa dende a miña fascinación de neófito parte daquilo que sempre soñei para o meu país. Especialmente agora que resoan os ecos das portas a fecharse e das rotativas parando de traballar significa tamén para min unha chamada á reflexión. Qué falla e qué cousas estamos facendo tan mal para non poder manter sequera un portal web ou un semanario impreso. E a resposta intuitiva devólveme a esa sociedade á que moitas veces se culpa de todos os males do país, a que vota e se trabuca, a que perde case sen decatarse e case ao mesmo tempo os seus montes e o seu espazo civil, a que fracasa, e da que ninguén se decata de que para fracasar é necesario tentar primeiro outra cousa que non sexa o fracaso. Non penso nela cunha solución na mao, só penso nela porque sei que máis aló dos reis de taifas e os seus pregoeiros, será (ou non) a que bote a andar outra vez as máquinas, e a que salve (ou non) a nosa lingua das alancadas exterminadoras do mal goberno que nos asombra. E se cadra só por iso mereza máis preocupacións, esforzos e alento que todo o trebón que este ano nos deixa.

#Activismo e resistencia#Galiza#Lingua
2 comentarios