28/05/2010 by marioregueira

Plantar árbores

Nos últimos meses veñen aparecendo noticias sobre o futuro de Catalunya dentro do Estado español. Ás consultas simbólicas sobre a independencia que viñeron acontecendo ao longo deste ano, súmanse feitos simbolicamente tan graves coma este ou este, nos que se coloca o futuro da permanencia catalá no proxecto estatal se non se respecta o seu dereito á diversidade en condicións de igualdade.

Unha leve análise ás estruturas políticas herdadas da chamada Transición deixan ben ás claras que na cuestión territorial, como en case todas as outras cuestión polémicas, a Constitución española procurou un punto intermedio máis propio dos equilibristas que dunha norma suprema destinada a dirimir os destinos dunha comunidade humana. O Estado español resultante do proceso que culmina en 1981 non é unitario nin federal, senón todo o contrario. Aposta por unha forma de organización territorial creada para a ocasión que combina elementos profundamente descentralizadores (gobernos propios, atribucións exclusivas, cooficialidade das linguas…) con outros que garantan a indivisibilidade da patria (igualamento de entidades culturais nacionais con identidades rexionais, non recoñecemento do dereito á autodeterminación, unidade territorial e preeminencia da lingua castelá ecomo principios fundamentais).

A orixe desta escolla constitucional non obedeceu tanto a cuestións da política inmediata como á tradicional incapacidade dos políticos españois para identificar o federalismo como unha solución para a unidade do estado, e non como un camiño irreversíbel cara á súa disgregación. A paranoia centralista impediu sempre comprender que o único camiño para que unha estrutura política poida manterse baixo o nome de España é garantir a igualdade das identidades culturais e nacionais que, na maior parte dos casos contra a súa vontade, acabaron integradas nela. É a mesma razón pola que parte dos movementos independentistas negan a viabilidade dunha solución federal. Crer que a progresión cara á independencia pasa necesariamente polo federalismo é unha verdade moi discutíbel, en xeral chegaría con que se recoñecese o dereito á autodeterminación do territorio e se aceptase pacificamente o seu exercicio, dous requisitos que non necesariamente se cumpren nos estados federais para poder consideralos como tales.

A advertencia catalá, xa que logo, nace dun fracaso dos procesos de descentralización acometidos hai trinta anos, que non conseguiron dar as suficientes garantías para convencer ás culturas diferenciais de que a coexistencia non pasaba necesariamente pola relación internacional.  E mentres a relación que se propoña dende Madrid sexa a asimilación volverá repetirse e construirá unha verdadeira alternativa histórica. Dela impresióname o tremendo pragmatismo, a capacidade de entender a independencia, non como un destino histórico inmanente esixíbel inmediatamente (como os vascos), ou un concepto demonizado asociado á radicalidade e o perigo (coma nós), senón como unha peza máis do xogo político, unha posibilidade á que recorrer cando os obxectivos políticos lexítimos non se cumpren, pero que se circunscribe nun camiño longo, tranquilo e civilizado. Alguén dixo algunha vez que os vascos saben cortar árbores, pero que os cataláns saben plantalas. Vexamos que froitos e en que medida poderemos aproveitalos algunha vez.

#Activismo e resistencia
Comentarios desactivados en Plantar árbores

11/05/2010 by marioregueira

De ollo

Teño que agradecer a mención feita dende Brétemas e O levantador de minas, ao escollerme para un destes premios virtuais. No que respecta a literatura e edición son dous dos que encabezarían a lista de blogues a non perder de vista. A miña lista, porén, trata de ser máis aberta. Como todas as listas é profundamente odiosa, fican outras cinco ou seis decenas de blogues que se poderían mencionar, e se en algo se caracteriza a blogoleira é na súa heteroxeneidade, na falta de reglas á hora de crear ou comunicar, polo que todo baremo nace eivado. A lista tamén serviu para botar un ollo ao xa longo pasado dos blogues galegos, apuntar as baixas, celebrar as altas e ter unha mínima nostalxia doutros tempos, onde a blogoleira era sobre todo un lugar de interacción social. En calquera caso, benvidos sexan estes tempos, xa dixen outras veces que isto está máis vivo que nunca e é lóxico que as cousas vivas evolúan ao seu propio ritmo. A lista hoxe, é esta. Onte sería outra e pasado mañá tamén, xa saben que hai candidatos de sobra na barra da dereita, e aínda algún máis que esquecín meter aí (son moi preguiceiro para esas cousas):

1. O outro lado do espello. Máis de tres anos de ateísmo militante, alicismo, ciencia, literatura e música. O meu prototipo de blogue favorito.

2. República da multitude. Alguén me dixo algunha vez que debaixo dos posts de Antón Dobao non debería poñer “comentarios”, senón “aplausos”. A maior parte das veces é unha grande verdade.

3. Tati Mancebo. Reflexións sempre interesantes e unha das poucas voces que soubo seguirlle o pulso ao libro electrónico sen caer na obviedade ou o catastrofismo.

4. Afogando no Sarela. O retorno á blogocousa dunha das figuras que a revolucionou no seu momento, desta volta prescindindo do ton corporativo e optando pola bitácora persoal.

5. Capítulo Cero. Capítulo Cero é desas bitácoras que rozan a profesionalidade blogueira, tan frecuentes noutras linguas e tan estraños na nosa. Para min sóbralle a parte de comida (máis da metade), á que só recurro cando vou comer fóra. En calquera caso son un grande seguidor das curiosidades e andanzas da outra parte.

6. Calidonia. Un dos vellos do blogomillo, ou como tamén se di, un clásico.

7. Microqontos. Aínda que xa rematase o certame deste ano, convén non perderlle ollo para enterarse do vindeiro. Unha iniciativa interesantísima de narrativa hipertextual, que demostra que se pode facer cultura sen un can e con moita ilusión.

8. C’mmons baby. Outra rara avis, un podcast galego baseado en licenzas libres.

9. Ataque Escampe. A maior parte dos grupos que abren blogues acaban por enchelos de datos de taboa de anuncios ou de raridades que só interesan aos fans. Ataque Escampe conseguiu facer, ademais de todo iso, un blogue con personalidade. Non sorprenderá a quen os coñeza.

10. O bló de L&M. Débolle esta mención pola cantidade de risos que ecoaron na miña casa seguindo as andanzas de Mati e Laura.

E xa digo que toda lista é odiosa e que recomendo que cada quen se mergulle na inmensa diversidade da blogoleira para atopar as súas referencias. Por certo, as regras do premio son as seguintes:

– Os elixidos teñen que incrustar a imaxe do selo e un enlace ao blog que os recomendou.
– Seleccionar e enlazar dez blogs máis que segundo o meu criterio paga a epna recomendar.

Pero desculpo o seu cumprimento a calquera dos premiados.

#Blogoleira#Cotidiano
2 comentarios

05/05/2010 by marioregueira

Os exploradores volven á casa

Lembro que nas adicatorias do libro de Ronseltz figuraba, entre moitas outras brincadeiras, un “A Suso de Toro, Cabeza de Vaca“. Fose á mantenta ou non, o certo é que un dos papeis nos que este autor teimou sempre en caracterizarse foi o de explorador. Exploración literaria, pero tamén vital, é necesario un certo valor e ser un pouco arroutado para decidirse a facer da escrita profesional un medio de vida. Ás veces tamén se precisa dun estómago forte para aturar a servidumes que esta dependencia económica pode chegar a producir. Hai un par de semanas o explorador dixo basta, as súas razóns están sobradamente explicadas aquí, aínda que supoño que moitas outras se foron engadindo polo camiño e cada quen lle dará a súa propia interpretación. A situación de Suso non é importante só polo que atinxe a un dos autores cunha traxectoria máis sólida da nosa cultura, é tamén unha forma de tomar o pulso á nosa literatura e ver que vitorias e derrotas, que perspectiva de futuro ou falta del nos agarda para os vindeiros anos. Das explicacións de Suso chámanme a atención dous focos, o primeiro a decadencia da figura do autor nos nosos tempos, a segunda, as características conxunturais da literatura galega. Creo que son dous campos completamente distintos, e que o segundo e infinitamente máis determinante que o segundo.

Non creo que se poida falar de crise do autor nun momento histórico no que o número de autores aumentou exponencialmente. Alén diso, a minusvaloración relativa de determinadas figuras de autoridade debería ser vista como algo positivo, a capacidade crítica da sociedade é un obxectivo polo que se traballou durante moito tempo e agora existen outros vieiros para que sexa efectiva. Pensar que alguén debe ter autoridade alén da autoridade literaria polo simple feito de ser escritor era unha candidez que xerou e segue xerando moitos monstros mediáticos que hoxe sufrimos. É ben superala e devolver a autoridade ao xuízo persoal da cada quen. Para min hai moitos autores literarios que serán sempre unha referencia clarividente en moitos outros eidos, pola contra hai moitos aos que admiro como escritores que moitas veces desexaría que se centrasen unicamente niso. Non creo nese caos no que xa nada ten valor, creo que as estruturas de valorización son moito máis subxectivas e impugnábeis que antes, algo que me congratula porque implica que, se queremos, somos menos manipulábeis que antes.

Paralelamente a isto existe a perspectiva colonial. O escritor galego é un autor entre dúas terras de ninguén, entre dous fogos cruzados. Nin o Estado español asume a promoción das súas linguas periféricas, nin, no noso caso, a Comunidade Autónoma o fai. Nese sentido a figura do explorador está absolutamente abandonada e volve unha outra vez a ser unha cuestión de simple voluntarismo. E non se conseguiu pouco con ese voluntarismo, porén a sensación é que temos unha cultura enorme e frondosa que segue a ser inexpugnábel para boa parte da nosa sociedade. E con eses presupostos é moi complicado que poidamos ter peso tamén fóra. Un Paul Auster, un Ian McEwan ou unha Zadie Smith son perfectamente posíbeis no noso país, sobran candidat@s, o que faltan son medios. Para conseguir que alguén poida adicarse en exclusiva á titánica tarefa de escribir novelas e para conseguir apoio institucional que permita o investimento de publicalas e publicitalas fóra do noso contexto cultural. Falaba Calveiro da responsabilidade común da sociedade nestas cousas, pero iso non deixa de parecerme apostar de novo polo voluntarismo, que xa digo que é moi importante, pero que non deixa de ser un parche temporal que evidencia unha tremenda carencia de estruturas. A cultura galega non sobrevivirá (só) co bo facer, a conscienciación e as boas intencións da xente, sobrevivirá con medidas que garantan a súa igualdade de oportunidades nun contexto que non deixa de ser unha competición.

E non falo de subvencións no sentido da política que se estivo facendo até o de agora, falo, por exemplo, de apoio á promoción e a publicidade, ou de estruturas e institucións que permitan e fomenten o debate e o coñecemento das obras, mesmo alén das nosas fronteiras. Os autores que contan cun estado que respalda a súa lingua teñen todo iso, aínda que o teñan tan integrado na súa normalidade  que dende fóra poida parecer que decide o mercado ou a excelencia literaria. Pero non é certo, a determinados niveis, na literatura, como na lingua, decide a política, e o maior logro da política é parecer integrada na naturalidade das cousas. A ninguén lle estraña que o cinema español teña presenza nas salas e apoio das institucións, curiosamente tamén non lle estraña a ninguén que practicamente non haxa cinema en galego e que o que hai moitas veces non poida verse nas salas. Os logros da política, esconder a desigualdade tras unha aprente normalidade.

A retirada profesional de Suso representa unha mala noticia, se cadra a punta do iceberg doutras malas noticias que non vemos. A das persoas que renucian xa de entrada a comezar a súa carreira literaria en galego, a dos libros que seguirán sendo xoias escondidas, a dos que pensan que a literatura galega é só Rosalia, a da xente que non atopa cultura popular ou referentes na súa lingua…Os exploradores volven á casa, e a casa, paradoxalmente, segue a ser unha inmensa cidade escondida na que ninguén sabe que vivimos.

#Activismo e resistencia#Creación#Galiza#Lectura#Literatura
7 comentarios