21/04/2010 by marioregueira

Alicia

Alice

Non son ningún experto na obra de Lewis Carroll, o meu achegamento a ela é puramente sentimental, dalgún xeito forma parte dese fondo simbólico e intelectual que comparto con certas persoas, dun xeito similar a moitas outras obras de creación. Porén ese feito marca, aínda que sexa accidentalmente, unha diferenza. A miña noción de Alicia vén directamente dos libros de Carroll, e non das múltiples interpretacións ou deturpacións que a cultura popular fixo sobre elas. Non digo que estas interpretacións estean mal, son inevitábeis cando unha obra é popular e  o diálogo cos clásicos é lexítimo e mesmo moi beneficioso. Naturalmente ese diálogo pode ser, como todo, máis ou menos intelixente.

E nese sentido creo que o último filme de Tim Burton dista moito da intelixencia e da comprensión correcta do que os libros de Alicia significan. A adaptación cinematográfica non debería ter, en principio nada de malo, a min mesmo gorentoume moito pensar nas posibilidades das novas técnicas na reconstrución do país das marabillas, e mesmo o punto de partida, cunha Alicia adulta que regresa de novo ao lugar onde a súa razón se atopou tantas veces na encrucillada, pareceume que podería dar moito xogo. É unha mágoa que aí, na formulación inicial e na exhibición visual, rematen os méritos desta incursión de Tim Burton.

Para min o mérito dos libros de Alicia, a razón pola que se converteron en clásicos, é que formulan un traxecto irracional. Confesarei que ese traxecto sempre me pareceu que representaba o camiño da infancia cara á idade adulta, un traxecto que inclúe transformacións monstruosas no propio corpo, leis arbitrarias e absurdas, novas palabras ou novos matices nas vellas, e encontros desconcertantes en novos planos de relación. Tamén creo que é iso o que fai que Alicia sexa un personaxe para as crianzas, e é iso mesmo o que fixo que algúns dixesen que non eran libros para nenos. É difícil asumir que o mundo adulto poida semellar, para unha crianza, un conxunto absurdo e arbitrario de regras, pero para moit@s de nós, sen dúbida foi exactamente iso.

Este punto de partida revolucionou determinados conceptos literarios anquilosados, pero non tivo tanta fortuna nas súas adaptacións e absolutamente ningunha no filme de Tim Burton. É moi complicado converter esa historia nunha historia épica. Moi complicado formular unha loita de exércitos e unha conquista do poder con faccións políticas dentro da vella Wonderland. Moi complicado que o Sombrereiro Tolo poida ser un heroe, tanto como pretender que o sexa a Lebre de Marzo. A única heroína, Alicia, non o é no sentido clásico da óptica masculina. Non precisa armaduras nen espadas para selo, o seu constante pasmo e o valor para avanzar dentro del son a súa única arma e a súa única defensa ante o mundo. E se a iso sumamos que se reproduza a clásica confusión entre a Raíña Vermella e a cruel Raíña de Corazóns, a cousa dispárase ao bodrio absoluto, e o diálogo co clásico pasa a ser un balbuceo monologante. O meu admirado Burton apúntase outro tanto na lista dos fallos, e xa son moitos nos últimos anos. Se cadra debeu pensar que estaba adaptando Narnia, onde si hai un paralelismo épico/moral (cristián, para máis señas), ou debera probar sorte mercando os dereitos das sagas da Dragonlance. Porque isto, quitando o fume que deixa Cheshire no ar e que marabilla os ollos do espectador, dista moito de ser nada semellante ao vello Carroll.

#Cinema#Literatura

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies