20/09/2020 by marioregueira

A punta do iceberg

Asinei e apoio esta campaña da Mesa porque creo que a nosa lingua ten que ter máis presenza tamén nas canles de televisión e especialmente na oferta infantil e xuvenil destas. Tiven a sorte de vivir como crianza a aparición da TVG, todo un acontecemento social, en particular porque naquel momento representaba un terzo da oferta televisiva da poboación galega, ao lado das outras dúas canles públicas en castelán. Mesmo tendo en conta a perda de peso da televisión centralizada, non é difícil calcular que a porcentaxe da oferta en lingua galega hoxe en día é notabelmente inferior, non chegando a unha décima parte da grella en aberto, nun cálculo enormemente optimista que obvia as canles de pago e outras plataformas.

E non só en cantidade: a xestión da TVG leva vivindo décadas de desleixo e profundo desinterese por parte das institucións que deberan convertela nun medio vivo e competitivo. A imposibilidade de acceder a un catálogo histórico ou a ausencia dunha aposta actual por contidos audiovisuais de interese son só unha parte das críticas posíbeis. Aínda podemos mencionar cuestións como o papel do medio no peche dunha páxina de fans, algo que denota unha incapacidade manifesta para entender e xestionar o novo momento histórico, ademais dun certo desprezo polo propio legado. E chega unha ollada á páxina da app da TVG na PlayStore para descubrir que, aínda que alguén se preocupou en dar un paso nas “novas” tecnoloxías, as queixas por mal funcionamento e falta de actualizacións copan a maior parte dos comentarios recentes.

A TVG converteuse nestes anos nun axente máis para deixar esmorecer á lingua, ao tempo que insiste na súa folclorización, a súa conversión nunha ferramenta para brincadeiras burdas e historias predicíbeis. Non admira que outras empresas do audiovisual comecen a acoller os relatos e narrativas da nosa propia historia, con todo o que iso redunda na posición subsidiaria que temos fronte aos grandes monstros mediáticos e á lectura internacional da nosa propia cultura. Tamén vemos, e agardo que sexa unha vía de futuro, como o contido en galego se abre paso noutras plataformas.

É importante que exista unha canle específica con programación infantil en galego. E porén, non é o único importante, cubrir ese oco e só comezar (e tarde) a primeira parte do traballo. De cara ao público infantil e xuvenil preocúpame máis que non haxa recursos relacionados coas súas formas de ocio que xa non son unicamente a programación televisiva centralizada, como o foi nos 80, ou nos 90, a década do Xabarín. Canles de youtube, series dobradas nas plataformas dixitais, videoxogos traducidos (ou mesmo producidos desde aquí) seguen clamorosamente ausentes sen que os poderes públicos galegos acaben por intervir o máis mínimo para mudar a situación ou para comprometer parte do investimento público no porvir da lingua e cultura propias.

A reivindicación do Xabarín, un contedor audiovisual de hai vinte e cinco anos atrás, é só a punta dun iceberg que, cun navegar maino, acabará sen dúbida por mandarnos a pique. Hai máis, moito máis, debaixo. Se cadra algún día poidamos ver como os nosos poderes públicos se ocupan das cuestións relevantes do mundo contemporáneo.

#A Mesa#Activismo e resistencia#anos 90#Cinema e TV#galego#Lingua#Medios en galego#normalización#TVG#Xabarín Clube

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies