31/05/2016 by marioregueira

A resaca de maio

Sirkuselefanter

Adaptada de Sirkuselefanter (1962), Municipal Archives of Throndheim. –CC BY 2.0

O mes máis cru non é abril, senón maio, que é o mes das Letras Galegas. Cando acaba de pasar maio as cidades quedan igual que cando acaba de pasar o desfile dun circo con elefantes e majorettes desas que fan malabarismos co pau da bandeira. O chan está estrado de poemas de Manuel María e dos artigos e publicacións que se lle dedicaron e unha sensación de resaca invade a cidade. Polo menos non foi como o ano pasado no que unha fera perigosa escapou de mans dos domadores e creou o pánico na cidade entre os máis, aínda que se deixase acariñar por algúns. Porén, como todos os anos, e aínda que non poidamos abstraernos de todo do desfile que toma as rúas, preguntámonos se realmente vale a pena. De verdade é isto o que convén á cultura galega, á difusión da súa literatura, aos propios homenaxeados? (usamos o masculino porque son 52 homes e só tres mulleres). Non será hora de reservar as rúas da cidade para pasear, incorporar varóns entre as majorettes, mulleres entre os domadores e mandar os elefantes pastar?

O día das Letras Galegas foi unha festividade creada contra o franquismo. Non durante a guerra, senón moito máis tarde, a comezos dos anos sesenta, cando a xente de Galaxia comezaba a deixar atrás a fantasma da persecución política e ía entrando en institucións como a Real Academia Galega. A conversión da Academia de elemento folclórico franquista nunha ferramenta de difusión da cultura galega foi algo que se lles debe, aínda que non se pode negar que iso implicaba un certo diálogo co franquismo, un papel de mediación que Galaxia abrazou sen moitos traumas, chegando a enfrontarse con organizacións que exercían a oposición directa a este. As Letras Galegas nacen desa mediación, creadas en 1963 e dedicadas a Rosalía de Castro, un ano despois permitían celebrar a Castelao co permiso do réxime. Non ao Castelao político, claro, pero había algo innegabelmente político en dedicarlle unha festividade ao maior representante do Partido Galeguista, aínda que fose como humorista ou literato. Que o franquismo tolerase ese tipo de homenaxe facilitou tamén que Castelao puidese ser reeditado, aínda que cun enorme control sobre o tipo de escritos que podían ver a luz. Sen as Letras Galegas nada diso sería posíbel, aínda que tamén é certo que a actitude de sometemento ás directrices da ditadura non beneficiou moito ao galeguismo e sen dúbida facilitou a futura fagotización e manipulación de Castelao por parte da dereita españolista.

Lion.Medrano.Tamer, adaptada do usuario de Flickr felicito rustique, jr. –CC BY 2.0

Dende entón o Día das Letras tense celebrado sen interrupción e con poucas ou ningunha modificación. As regras arbitrarias seguen en pé, o protagonismo da Academia non se modificou un ápice e a transición daqueles tempos duros a estes tempos duros non foi demasiado boa. Non só polas cuestións referentes ás escollas da Academia ou ao desleixo respecto de cuestións como o xénero, inherentes á propia institución. Unha festa que nace cun valor simbólico tan marcado e asociado ao resistencialismo non volve ser a mesma fóra desas coordenadas. Aínda así, a dependencia dos ritmos culturais galegos do dezasete de maio é excesiva. O chan da cidade está cheo de poemas de Manuel María, e é probábel que nunca máis volvamos velo así. A cantidade de publicacións e a difusión do autor esqueceranse axiña, e tampouco é que haxa moita marxe para facer unha crítica obxectiva da súa obra no medio dunha celebración como esta, onda cada vez gañan máis espazo as frivolidades publicitarias encarnadas en bolsas de supermercado. Por outra parte creo que o esforzo editorial galego podería estar mellor empregado que en sacar cinco biografías e tres antoloxías do mesmo autor nun prazo de meses. Un autor ao que será difícil volver dedicarlle unha monografía nos próximos anos e que nunca gozará dun estudo como o do presente, pois nin sequera xigantes literarios como a propia Rosalía de Castro poden repetir homenaxe no Día das Letras. Nunca haberá outro Castelao, pero é que a función do 17 de maio xa non debera ser a de erguer un tótem simbólico que por un día faga crer que existimos mesmo baixo o abafo dunha ditadura.

É certo que non é a única institución estraña que hai en Europa. Cando penso que Gales e Escocia teñen un cargo chamado poeta nacional que se dá en vida alíviame pensar que nunca veremos esa traxedia na nosa cultura, onde a xente é capaz montar dramas por un posto na Academia ou por un quítame de aí esa feira do libro. En calquera caso, neste momento de maio, mentres as bolsas que homenaxean aos nosos autores comezan a ser recicladas como bolsas do lixo, a resaca dunha festa salvaxe martela na cabeza e fainos desexar que algún día os elefantes arrasen con todo en desbandada e as majorettes se fagan donas da cidade.

Seminoles

Seminoles, do usuario de Flickr Prayitno –CC BY 2.0

#Letras Galegas#Literatura

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies