30/03/2016 by marioregueira

Guerras e galaxias

Desde a súa defensa, en xaneiro de 2016, algúns medios fixéronse eco da miña tese de doutoramento A narrativa na reconstrución do campo literario de posguerra. Repertorios e imaxinario nacional no proxecto de Galaxia. Quero destacar, dentro destas achegas, as entrevistas que me fixeron Ana Romaní, para o Diario Cultural da Radio Galega e María Obelleiro para o semanario Sermos Galiza, esta última aparecida o pasado luns. Non é doado resumir case setecentas páxinas nuns minutos de conversa ou nunhas cantas preguntas, e considero o feito de que ambas conseguisen tocar algúns dos puntos de maior interese dun traballo tan longo, un mérito de ambas xornalistas.

A entrevista de Ana Romaní pode escoitarse aquí e a de María Obelleiro pode lerse nesta ligazón.

entrevista SG

#Crítica#Edición#Editorial Galaxia#Franquismo#Guerra Civil española#Literatura#Prensa

27/03/2016 by marioregueira

Acios e mazás

Los ritos de los sentidos

Soy el damasceno y si abrieran mi cuerpo / brotarían de dentro racimos y manzanas. (Son o damasceno e se abrisen o meu corpo / brotarían de dentro racimos e mazás.) Poucos versos poderían definir mellor o espírito de Los ritos de los sentidos que estes do poeta sirio Nizar Qabbani, un dos grandes nomes da poesía árabe e que non podería faltar en ningunha das súas antoloxías. O volume que nos ofrece o equipo formado por Jaouad Elouafi, Bahi Takkouche, Manuela Palacios e Arturo Casas caracterízase por non fuxir de elementos que en ocasións poderían ser tomados como lugares comúns con certo resaibo orientalista. A cultura árabe como un desbordamento da sensualidade, como unha fonte de evocación chea de olores a froita e especias e onde as paixóns corren desbocadas, é presentada en moitos dos poemas do libro sen maiores complexos. Sen dúbida a intención editorial acompaña esta perspectiva, e por iso Los ritos de los sentidos é un volume de gran tamaño, apaisado e enormemente vistoso que conta ademais coa arte caligráfica de Hachemi Mokrane como un elemento que compite en protagonismo coas propias transcricións convencionais dos versos e as súas letras de molde latinas ou árabes.

deseño2~01

E porén, como non podería ser doutra forma nun traballo que conta coa participación de persoas como Manuela Palacios e Arturo Casas, a perspectiva é moito máis ampla e os propios sentidos, coa súa sensualidade adxacente, atopan tamén motivos para o discurso diverso e as posibilidades subversivas. Así, sorprende o marco temporal amplo, no que a poesía sufí de entre os séculos VIII e XIII convive con poetas do século XX e da actualidade. Tamén o feito de que na primeira se inclúa unha muller, Rábi’a Al-Adawiya, non por acaso unha figura que serve de ponte entre a filosofía mística e os primeiros cuestionamentos sobre o rol da muller na sociedade. Se cadra Al-Adawiya sexa a primeira dunha corrente de poesía feminina continuada por outras autoras contemporáneas presentes no libro, como a saudí Fawziya Abu-Jálid, capaz de selar a paz nos seus versos entre as serpes edénicas e as mulleres. Ao lado desta perspectiva, Los ritos de los sentidos recolle tamén o seu propio inventario do exilio. Os conflitos nacionais e a dor da separación vibran na simple mención de nomes como o do palestino Mahmud Darwish, pero tamén nos versos do kurdo Buland Al-Haidari ou do iraquí Ahmad Matar. Diversidades que tamén son xeográficas e marcan o continuum cultural entre as terras máis afastadas do Oriente e o próximo Magreb.

deseño2

Un volume que responde á evocación e ao estímulo visual que moitas persoas procurarán nas súas páxinas, pero que tamén ten a grande virtude de conter tanta diversidade e miradas alternativas como para facer rebentar as súas costuras. Sen dúbida delas brotarán acios e mazás, tamén paixóns que rebelan as entrañas das amantes contra si mesmas e o constante amor á identidade que, como canta Qabbani pode resumirse na súa sinxeleza: Aquí están mis raíces, aquí mi corazón, aquí mi lengua / ¿debo hablar más claro? ¿acaso necesita el amor explicación? (Aquí están as miñas raíces, aquí o meu corazón, aquí a miña lingua / debo falar máis claro? e que necesita o amor explicación?)

#Crítica#Literatura#Poesía árabe

20/03/2016 by marioregueira

O blues, o jazz e a bossa nova

17/03/2016 by marioregueira

Beti izango dugu Bilbao

bilbo

Hai cidades que coñeces antes de poñer o pé nelas. Pénsoo agora desde Bilbao, na miña terceira visita á cidade. Todas nos últimos anos, todas con esa sensación estraña de estar a pisar territorio coñecido, como se os meus soños da última década acontecesen á beira do Nervión ou como se unha vida pasada ecoase aínda na miña memoria. Non, non hai nada místico na sorpresa coa que redescubro estas rúas, estes locais, os amigos que aparecen como se levasen toda unha vida agardando por min.

Desde finais do século pasado a cultura vasca infiltrouse nunha parte da mocidade galega. Comezabamos no liceo cantando “Mierda de ciudad” e facendo circular vellas cintas do rock radikal. Aínda que ningunha desas traxectorias nos deixaría tan abraiados como a de Fermin Muguruza. Aínda lembro a sensación de poñer por primeira vez o cumio de Negu Gorriak. Os dous dobermans negros que abrían o disco Borreroak Baditu Milaka Aurpegi e que nos deixaron un sorriso conxelado e a sensación de que o chan acababa de tremer baixo os nosos pés. Admirei sempre a traxectoria de Fermin Muguruza pola mesma razón pola que admirei os Clash, porque a clase obreira afloraba máis alá da retórica. Non se pasa dos primeiros discos de Kortatu a un proxecto como o de Negu Gorriak ou ao Muguruza en solitario con xenialidade nin con medios. Hai evolucións que só se explican metendo na ecuación traballo e consciencia, dous valores que na fronteira de Caranza en Ferrol ou na de San Francisco en Bilbao aínda significan algo para a mocidade que as atravesou entre os oitenta e os noventa.

sf

A gran eclosión da carreira de Muguruza en solitario colleume, porén, en Compostela. Unha época na que o Avante pinchaba cada noite o Big Beñat facendo tremer o chan de madeira do piso de arriba e na que nos afixemos a atopar a voz de Muguruza en unha de cada dúas cancións, entre os directos de Banda Bassotti, o Tijuana No! dunha improbábel Julieta Venegas ou sendo a única voz que berrou Galiza Ceive, Poder Popular en toda a historia da música galega, xusto no medio do acordeón dos Diplomáticos. E entre todo aquilo, como un impasse necesario, o In-Komunikazioa, algo distinto, tamén un dos mellores discos daqueles anos e a posibilidade inesperada de poder poñer algo de Muguruza nunha tarde entre amigos ou como fondo ás noites frías de Compostela. Letras que aprendes de memoria sen saber se as estás pronunciando ben. Cancións que acaban entrando na túa vida inesperadamente. Érgueste ao lado de alguén e reparas no azar que o radio-cd do chan deu en tocar. Beti izango dugu Bilbao. E sorrides tristemente. Ningún dos dous estivo nunca en Bilbao e porén é a mellor canción para unha despedida definitiva. Sempre nos quedará Bilbao, dis mentres vos brillan os ollos e arriscades unha última aperta. Sempre nos quedarán as cidades nunca vistas, as cancións que Sam ou Muguruza poden tocar de novo unha e outra vez para lembrarnos que nunca subimos a aquel avión.

Non debeu ser casualidade que falase dos bereberes e de Casablanca en Tanxerina, que o reggae dos brancos europeos sexa un dos temas de L’affiche rouge e que unha das protagonistas diga aquilo de que o verdugo é o home das mil caras. Hai uns meses sorprendíame o título do último disco de Fermín: Nola. A vella Nova Orleans pola que pasearon os meus personaxes hai anos. A xeografía na que nos movemos é a mesma, e só a casualidade fixo que non coincidísemos nalgún bar de Perdido Street. Por iso podo pasar ao lado do Antzokia lembrando as cancións de concertos nos que nunca estiven. Atravesar a Zubizuri consciente do paso que marcou entre dúas beiras e dúas épocas da cidade. Saudar cun sorriso as imaxes do Che Guevara e Abd el-Krim que agardan nas paredes do Bere-bar de San Francisco, non moi lonxe da Anti, a libraría na que presentei un dos meus libros hai un par de anos. E lembrar que sempre nos quedará Bilbao. Esa cidade que evocamos unha vez, hai moito tempo, nunha habitación en Compostela e que, sen vela nunca, formaba parte de nós. Dous ex-amantes nunha cidade afastada, dous membros da resistencia con feridas que aínda doen ao camiñar sobre estas lousas.

amaz

#Bilbao#Cotidiano#Euskal Herria#Fermin Muguruza#Música

06/03/2016 by marioregueira

Mociños a xogar (na Rúa Álvaro Cunqueiro)

Mociños con pistolas de xoguete - Adaptada da orixinal de Sascha Kohlmann - CC BY-SA 2.0

Mociños con pistolas de xoguete – Adaptada da orixinal de Sascha Kohlmann – CC BY-SA 2.0

Non quero darlle un bombo que seguramente non procura nin merece, así que non sei se chamalo Pazos ou Pazolo. Ou se cadra sexa mellor Mociño que, segundo escoitei hai anos, é a forma patrimonial que o galego tiña para “paxe”. Mociño abriu un blogue hai anos. Fíxoo nunha plataforma francesa, seguramente por diferenciarse, porque lle gustaba ou porque é en francés que se inventou unha palabra tan versátil como boutade. Recoñezo que, se a proposta literaria de Mociño me interesou entre pouco e nada, o blogue inclinouse perigosamente cara ao nada xa nos tempos gloriosos do blogomillo, esa cidade fantasma de hoxe.

Hai que recoñecerlle ao blogue de Mociño, porén, unha axilidade no estilo tan xornalística como aborrecida e tamén unha persistencia encomiábel. O seu blogue leva anos fosilizado no meu lector de feeds porque sempre me deu preguiza cancelar subscricións. Hai días, mesmo semanas, que representa a única entrada da súa categoría. Ha de ser ese o motivo que aínda o lea de vez en cando. Hoxe, cousa rara nel, Mociño abría un deses confusos artigos con cincuenta referencias inconexas en negrita. E citábame. É dicir, que eu era a primeira referencia dun camiñar que, como habitualmente acontece cos seus artigos, avanzaba cara á nada e cara a conclusións irrelevantes mentres a súa prosa braceaba dando puñadas inconexas ao aire.

el rei

O rei da maxia – Adaptada da orixinal de Saúl Rivas – CC BY-NC-SA 2.0

Non quero darlle máis importancia da que ten, a fin de contas, non é a primeira vez que Mociño se preocupa por min nun ton similar e nunca me molestei en contestarlle por aquilo de non alimentar ao troll e tal. Porén, é certo que as súas referencias, por máis superficiais, si que tocan unha parte do pequeno debate que, en redes sociais e nos bares de Compostela, tiven con varias persoas achegadas sobre Álvaro Cunqueiro. Dúas delas, non por acaso, mindonienses e queridos amigos, aínda que non só. O debate de Cunqueiro saíu en moitas conversas e creo que é un bo sinal. Polo menos para min é un bo sinal ver como unha das preguntas que se formulou hai un mes e medio na defensa da miña tese volvía aparecer en contextos moitos máis distendidos. Era Cunqueiro franquista? Foino toda a súa vida?

Non fixen unha tese específica sobre o autor do Merlín e familia, pero no contexto da literatura de posguerra é evidente que tivo un peso fundamental no meu traballo. As cousas que citei na entrada de hai quince días non eran anécdotas de bar, nin suposicións, senón declaracións recollidas de entrevistas e artigos do autor. Podería referendalas con bibliografía se non quedase farto de mallar bibliografía este ano e se non crese que poñer bibliografía nun artigo para un blogue é unha verdadeira pedantería. Tampouco teñen un valor individual, parte do meu traballo aborda o feito de que as súas nocións filosóficas, a comprensión do oficio de escritor, así como o sentido dalgunhas obras, encaixan cunha certa coherencia con esa perspectiva reaccionaria, especialmente no tratamento de certos elementos étnico-identitarios. Evidentemente, pódese tamén aludir ao contexto do Cunqueiro ilusionista, que inventa e esaxera mentres fala e ao que non se pode tomar moi en serio. O vello debate sobre o humor. Creo que podes facer piadas sen importancia sobre antipáticos comunistas, mesmo podes facelas despois de colaborar coa maquinaria que protagonizou a súa persecución e asasinato. Pero tes que entender que a moita xente non lle fagan maldita gracia. Ha de ser o tipo de humor que os bufóns fan ecoar dentro dos pazos, un humor ao que nunca lle acabei de coller o punto e que penso que define máis que calquera ideoloxía. Por moito menos das gracias que algúns mociños lle rin a Cunqueiro, os fillos da Gran Bretaña defenestraron no seu día ao poeta Philip Larkin.

Casa de Rimbaud en Harar - Adaptada da orixinal da usuaria de Flickr Beth - CC BY-NC 2.0

Casa de Rimbaud en Harar – Adaptada da orixinal da usuaria de Flickr Beth – CC BY-NC 2.0

Naturalmente habería moito que matizar e resulta moi interesante a potencia de interpretación da obra de Cunqueiro. Non vou entrar polo miúdo porque aspiro a publicar unha versión da tese e porque o conto é moi longo. Porén, non podo deixar de destacar até que punto reaccións como as de Mociño veñen darme, indirectamente, a razón nalgúns dos meus postulados. O problema non é que Cunqueiro fose reaccionario, senón a imposibilidade xeral de aceptar que houbo galeguistas reaccionarios e que o foron antes, durante e despois do franquismo. Cunqueiro foi un escritor fundamental para a nosa literatura. E un fascista. Ningún dos dous feitos anula necesariamente o outro. O resto é seguir interpretando a historia como compartimentos estancos ou como unha cuestión simplemente tribal. Cuestións de autonomía, que diría o bearnés. Eu para ser escritor galego non preciso defender a Cunqueiro no indefendíbel nin atacalo no literario. Non preciso facer de mociño en ningunha corte.

Finalmente, quero dicir que é necesaria unha moi limitadiña capacidade de comprensión lectora para afirmar que eu defendo no meu artigo que lle retiren ningunha rúa a Cunqueiro. É algo que nin me vai nin me vén, aínda que si considero que o feito de que metade da xente da cultura saia defendendo ao mindoniense como se fose súa nai parte da mesma dinámica maniquea e simplista da que falaba antes. O caso de Cunqueiro é como o de Borges no Chile de Pinochet ou o de Rimbaud en Harar traficando con escravos. Como o anti-semitismo de Richard Wagner que, porén, loitou nas revolucións de extrema esquerda do seu tempo e foi perseguido por iso. Contradicións que os mociños de hoxe non dan aceptado porque necesitan unha historia mastigada e sinxela coa que encher os seus artigos de prosa áxil e camiñar incerto. Como xa leron as persoas que saben ler, para min formula un debate para o que non teño unha resposta clara, aínda que non me escandalizaría se lle quitan unha honra cidadá a quen nunca se arrepentiu de ser tan mal cidadán. Se cadra haxa que definir claramente que tipo de honra é que che dean unha rúa nunha cidade como Madrid. Ou que tipo de honra é que te defendan con certos argumentos.

#Álvaro Cunqueiro#Fascismo#Literatura

02/03/2016 by marioregueira

A luz nos ollos

Adaptada da orixinal de Carl Jones – CC BY-NC 2.0

Tal e como eu o lembro, non abrín o meu primeiro blogue o día do meu aniversario, aínda que non podo negar que sempre empreguei este día para reflexionar e para facer as contas. Cando as listas da wikipedia eran unha novidade, lembro empregalas para recopilar todas as cousas que aconteceran un dous de marzo. O día que naceu Lou Reed e o día que marchou Philip K. Dick, do que lin nalgunha parte (que non atopo e que igual nin é certa) que estivera obsesionado coa data desde anos atrás. Miña nai sempre conta que escollín nacer tarde, media hora antes da media noite, algo que na familia sempre se relacionou cos meus impulsos festeiros e noctámbulos. Tamén pode ser que o 3 de marzo, día de nacemento de Eladio Fernández e Marino Dónega, entre outros, e día de pasamento de Pachelbel o do canon, non me dixese nada do punto de vista cultural. Quen pode competir con Lou Reed ou Philip K. Dick? Ben, David Bowie. E con ambos, pero xaneiro xa pasara e ficaba lonxe de máis.

En calquera caso hoxe cúmprense demasiados anos do meu nacemento e un ano do traslado deste blogue á súa nova casa. Non nego que foi un ano difícil. Un día estaba preparando un risotto para unhas rapazas e escribindo cousas indignadísimas sobre Filgueira Valverde e ao día seguinte, e durante moitos meses, estaba participando en asembleas e entrando na tensión dos traballos hercúleos, con xornadas de tantas horas que farían estremecer o vello Engels. Neste ano defendín a miña tese sobre o campo literario galego da posguerra, ou sobre Galaxia, dependendo das fontes. Neste ano… non podo dicir moito máis. Atopei vellos amigos, escribín algunhas cousas, resolvín outras, tiven saudades “por poderes” de Barcelona e doutro tempo máis doado, botei de menos a moita xente e tiven algúns dos días máis estraños da miña vida (unha tendencia que, sospeito, continuará). En certo sentido, despedino o domingo pasado, lembrando poetas punks na Coruña, que é sempre é unha forma excelente de pechar os ciclos. Penso que todo foi para ben, pero recibo esta idade cunha certa sensación de tempo perdido, seguramente porque foi moito o que esixiron as tarefas de min este ano. Cumpro os anos que tiña meu pai a primeira vez que eu lle preguntei os anos que tiña. E nunca esquecerei a sensación de que eran moitos, moitísimos, demasiados.

Para outro día quedan as reflexións debidas sobre este blogue, sobre esa cidade fantasma na que se converteu (ou na que convertemos) o blogomillo, sobre o discurso da raíña, ou sobre a literatura destes días e o seu hipotético futuro. Hoxe só quero lembrar, como fixen hai moitos anos, nun dominio que non levaba o meu nome, a lembranza desta sorpresa, desta luz da vida que insiste, tanto tempo despois, en seguir golpeando os ollos.

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies