10/11/2010 by marioregueira

A outra visita do Papa

Será que vou vello, pero aínda lembro a visita do Papa que precedeu á deste ano. Xoán Paulo II tiña a ben honrarnos coa súa presenza no verán do ano 1989, focalizada, naturalmente na cidade de Compostela. Pero eu daquela non estaba en Compostela, e nin imaxinaba sequera a importancia que Compostela tería na miña vida. Aos meus dez anos contemplei todo o percorrido papal pola televisión, na casa dos meus bisavós.

Botando contas, a imaxe do papamóbil atravesando a cidade de pedra debe ser a primeira lembranza informativa da miña vida, toda vez que faltaban meses para a caída do muro e a invasión de Panamá, novas que tamén lembro con moita intensidade. E non a lembro por nada. Á miña idade experimentaba o peso da educación cristiá, aínda que é certo que transmitida cunha serie de contradicións que aínda non soubera resolver. Se lembro aquela tarde con nitidez, era porque me impactaba a figura do Papa no meu país, creo que por esa mesma razón estaba parte da familia fronte á televisión, incluída a miña bisavoa, que tiña daquela algo máis de oitenta anos.  Claro que máis me impactou cando esta, para espanto das súas fillas presentes, comezou a insultar a Xoán Paulo II segundo apareceu na pantalla, crecendo en intensidade a cada avance deste sobre chao galego e atopando un certo cumio cando o polaco se atreveu a tatexar unhas palabras na nosa lingua.

A resposta da familia foi máis ou menos unánime: a bisavoa estaba a perder a cabeza. En parte non era falso, na recta final da súa vida, a miña bisavoa acusou problemas dese tipo, porén o daquela tarde tiña un punto pouco habitual, mesmo tendo aquilo en conta. Ela, que sempre se caracterizara por ser unha muller relixiosa, desataba unha furia nunca vista contra aquel outro ancián que vestido de branco atravesaba a capital do seu país nesa mañá de agosto.

Pasaron anos antes de que eu puidese explicar ese e outros feitos. Anos nos que entender a presión que os cregos exerceran sobre a miña familia na inmediata posguerra. Anos para saber que un irmán do meu bisavó fóra acusado polo crego de queimar a igrexa local e enviado sen máis probas a morrer á fronte do Ebro. Tempo no que saber que os propios irmáns dela tiveran que saír do país por enfrontarse ás expropiacións que as forzas franquistas facían esporeadas polos mesmos cregos. Demasiados anos nos que ela e o seu home se erguían os domingos para traballar a terra que daría de comer aos seus fillos, e aturaban en silencio resignado os berros do sacerdote, porque en domingo non se traballaba. Máis anos aínda para entender as outras presións, as que lle amargaron a vida polo simple feito de nacer muller. Aquela tarde de 1989 acabou a paciencia e o silencio, demasiado maior xa como para ter medo de nada, nin sequera desa ameaza de condenación eterna, da que, de existir deus, o polaco tamén non debería estar libre. Cando anos máis tarde o meu bisavó estivo no seu leito de morte tamén rexeitou o confesor todas as veces que, como un corvo que ventase a morte, se lle ofreceu. Finalmente chamouno co último alento para dicirlle que nunca lle fixera mal a ninguén, que se cadra outros non poderían dicir o mesmo.

Rexeitar a visita do máximo representante da Igrexa vai máis aló das cuestións de fe e respecto relixioso á que quixeron reducila. Unha vez máis a súa chegada supuxo o silencio da censura e a violencia da represión. Non se trata do que cada quen, na súa conciencia, poida crer, nin da porcentaxe de xente que supostamente o crea, senón de que o resolvan exactamente a ese nivel: o da súa conciencia, e a ser posíbel cos seus propios cartos. Ningunha fe pode impoñer unha xerarquía que estea por riba da sociedade, nin sequera aos seus propios fieis, e moito menos aos que non o somos. Ningunha fe pode militarizar unha cidade e agredir aos que disenten dos postulados irracionais nos que basea o seu poder. Esa situación xa a vivimos durante demasiados anos e é a causa de que o rastro da Igrexa católica no noso país estea marcado a sangue e lume e forme parte da historia universal da infamia. Unha vez máis tratárannos de tolas, sinxelamente por romper ese silencio, e unha vez máis iso representa un paso adiante, un exemplo que dar ás xeracións vindeiras.

#Activismo e resistencia#Galiza#Mitoloxías

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies