30/11/2010 by marioregueira

Manifesto por unha rede neutral

Manifesto por unha rede neutral

Os cidadáns e as empresas usuarias de Internet adheridas a este texto MANIFESTAMOS:

1. Que Internet é unha Rede Neutral por deseño, dende a súa creación até a súa actual implementación, na que a información flúe de maneira libre, sen discriminación ningunha, en función de orixe, destino, protocolo ou contido.
2. Que as empresas, emprendedores e usuarios de Internet puideron crear servizos e produtos nesa Rede Neutral sen necesidade de autorizacións nin acordos previos, dando lugar a unha barreira de entrada practicamente inexistente que permitiu a explosión creativa, de innovación e de servizos que define o estado da rede actual.
3. Que os usuarios, emprendedores e empresas de Internet puideron definir e ofrecer os seus servizos en condicións de igualdade, levando o concepto da libre competencia até extremos nunca antes coñecidos.
4. Que Internet é o vehículo de libre expresión, libre información e desenrolo social máis importante co que contan os cidadáns e empresas. A súa natureza non debe ser posta en risco baixo ningún concepto.
5. Que para posibilitar esa Rede Neutral as operadoras deben transportar paquetes de datos de maneira neutral, sen erixirse en “aduaneiros” do tráfico e sen favorecer ou prexudicar a uns contidos por riba doutros.
6. Que a xestión do tráfico en situacións puntuais e excepcionais de saturación das redes debe acometerse de xeito transparente, de acordo a criterios homoxéneos de interese público e non discriminatorios nin comerciais.
7. Que a dita restrición excepcional do tráfico por parte das operadoras non pode converterse nunha alternativa sostida á inversión de redes.
8. Que a dita Rede Neutral se ve ameazada por operadoras interesadas en chegar a acordos comerciais polos que se privilexie ou degrade o contido segundo a súa relación comercial coa operadora.
9. Que algúns operadores do mercado queren “redefinir” a Rede Neutral para manexala de acordo cos seus intereses, e esa pretensión debe ser evitada; a definición das regras fundamentais do funcionamento de Internet debe basearse no interese de quen a usan, non de quen as proven.
10. Que a resposta ante esta ameaza para a rede non pode ser a inacción: non facer nada equivale a permitir que intereses privados poidan de facto levar a cabo prácticas que afectan ás liberdades fundamentais dos cidadáns e a capacidade das empresas para competir en igualdade de condicións.
11. Que é preciso e urxente instar ao Goberno a protexer dun xeito claro e inequívoco a Rede Neutral, co fin de protexer o valor de Internet de cara ao desenrolo dunha economía máis produtiva, moderna, eficiente e libre de inxerencias e intromisións indebidas. Para iso é preciso que calquera moción que se aprobe vincule de xeito indisolúbel a definición de Rede Neutral no contido da futura lei que se promova, e non condicione a súa aplicación a cuestións que pouco teñen que ver con esta.

A Rede Neutral é un concepto claro e definido no ámbito académico, onde non suscita debate: os cidadáns e as empresas teñen moito dereito a que o tráfico de datos recibido ou xerado non sexa manipulado, terxiversado, impedido, desviado, priorizado ou retrasado en función do tipo de contido, do protocolo ou aplicación empregado, da orixe ou destino da comunicación nin de calquera outra consideración allea á da súa propia vontade. Ese tráfico tratarase como unha comunicación privada e exclusivamente baixo mandato xudicial poderá ser espiado, trazado, arquivado ou analizado no seu contido, como correspondencia privada que é en realidade.

Europa, e España en particular, atópanse no medio dunha crise económica tan importante que obrigará ao cambio radical do seu modelo produtivo e a un mellor aproveitamento da creatividade dos seus cidadáns. A Rede Neutral é crucial á hora de preservar un ecosistema que favoreza a competencia e innovación para a creación dos innumerábeis produtos e servizos que quedan por inventar e descubrir. A capacidade de traballar en rede, de xeito colaborativo, e en mercados conectados, afectará a todos os sectores e todas as empresas do noso país, o que converte a Internet nun factor clave actual e futuro no noso desenrolo económico e social, determinando en gran medida o nivel de competitividade do país. De aí a nosa profunda preocupación pola preservación da Rede Neutral.

Por todo iso instamos con urxencia ao Goberno español a ser proactivo no contexto europeo e a lexislar de xeito claro e inequívoco neste sentido.

.

.

Manifesto copiado do publicado en Marcus, supoño que traducido deste de Microsiervos.

#Activismo e resistencia

20/11/2010 by marioregueira

Manoel Antonio

Como son un persoa moderna non direi que hai días nos que aínda podo atopar unha noticia que me alegre no xornal. Mais ben que hai días nos que o meu lector de sementes rss dá por facer saír algunha boa nova que xustifique algún dos seus centos de suscricións. A de onte foi espectacular, tanto que a mágoa retrospectiva que implica, e da que vou falar hoxe, non chegou aínda para apagar o entusiasmo.

Porque agora sabemos que Manuel Antonio non só estaba secuestrado, senón que alguén impostara a súa voz, reducírao e lle imposibilitara o movemento. Non só secuestrado, senón atado de maos e pés. A retención por parte de García-Sabell do seu arquivo excede o que moitos agardabamos, esperanzados de que só se tratase de correspondencia máis ou menos anecdótica que non achegase moito máis á figura do poeta de Rianxo. Porén só á vista dos trechos publicados, só a vista das descricións e das novas perspectivas, parece que estamos perante algo moito maior, unha parte importante do seu pensamento e do seu traxecto vital. De especial importancia é o declarado independentismo do poeta, que corrobora esa “futura República Galega” que xa aparecía no manifesto Máis Alá, e que segundo a propia nova motivou o secuestro, atadura e amordazamento do que foi o poeta máis rompedor do século XX galego.

A luz que se deita sobre os feitos e motivacións desta retención é terríbel e vai máis alá da súa simple consideración dun acto de censura. Unha vez máis, e dun xeito que caracterizou ao grupo de homes que se puxeron á fronte do proxecto de Galaxia nos anos 50 e 60, atopámonos fronte a un marcado paternalismo na construción do noso país como unha comunidade cultural. Non se opta pola confrontación política das ideas, senón que se pasa á opción máis cómoda de silencialas ou substituílas por unha versión morna, dun xeito non demasiado diferente ao que anos despois os partidos estatalistas empregarían co outro rianxeiro. Esta censura e manipulación baséase no medo, medo terríbel ás ideas, moito máis grave se nos detemos a pensar en que Manoel Antonio foi esencialmente, e durante toda a súa curta vida, mariñeiro e poeta. É dicir, que nin sequera estamos ante un elemento político ou un líder sindical que puidese convocar ás masas á acción directa. Trátase do medo cerval que homes de cultura e que supostamente traballaban para unha reconstrución cultural tiñan ao simple enunciado dun postulado arredista. Tanto medo que creron na necesidade de ocultarllo ao resto das persoas do país.

García-Sabell non nos rouba só uns cantos documentos que confirmen que Manoel Antonio era un dos nosos, arríncounos unha parte da nosa historia e do noso desenvolvemento. O conflito de Galaxia cos autores novos, as distintas fundacións da UPG, o paso pola transición, o estatuto e o xurdir do independentismo contemporáneo non serían iguais coa sombra deste outro rianxeiro dicindo xa no albor dos tempos que “Cogito ergo sum. Hespaña non pensa, logo non existe”, ou que “cando a Patria sofría escravitude os nosos pais dedicaban-se a celebrar iste día con artigos xogo-floralescos”. Rompente e Os Resentidos non serían os mesmos, nin o movemento Nunca Mais, nin a sombra do bipartito. Porque a historia é unha cadea da que nos foron esquilmando elos que predeterminaban cada un dos seguintes.

E se non xa das palabras dun poeta dos anos vinte, se cadra si poidamos aprender tres ou catro cousas da experiencia. Que non debemos consentir que as vontades paternalistas (que como a nosa desgraza, permanecen) amansen o país nunca máis. Que non debemos ter o medo dos covardes ás ideas. Que un senador real non ten autoridade para soster sequera as maletas dun poeta. Que algún día, nunha república libérrima…

(A ilustración está tirada do famoso álbum de Flickr).

#Activismo e resistencia#Galiza#Literatura

16/11/2010 by marioregueira

Saara

No colexio unha vella profesora nos explicara como o Estado español viñera a apoiar a futura independencia das trece colonias norteamericanas. Porén non o fixera movido polo ideal revolucionario e liberal, senón nun intento desesperado de restar poder ao imperio británico. Este apoio independentista tivera por tanto que camuflarse, xa que as propias colonias españolas non verían con bos ollos que o exército da súa metrópole axudase a liberar as terras do norte mentres as mantiña a elas na mesma escravitude que combatía. Só por iso o exército hispano non entrou en combate directo e promoveu o seu apoio por vías indirectas. Nunca tiven paciencia para comprobar aquela anécdota, pero lembro que non me sorprendera tanto daquela e seguiría sen sorprenderme a súa veracidade.

É algo inxusto xulgar algo tan complexo como un país como se fose unha persoa cunha vida máis longa. Porén é certo que ao longo da historia unha construción política acaba por desenvolver algo semellante a unha personalidade, máis ou menos marcada polos ritmos que a súa clase gobernante ou a súa sociedade lle impoñen e vencellada ou non á súa propia historia e a posibilidade de romper con ela. No caso do Estado español é triste comprobar como dous séculos e medio o sitúan en tesituras similares, probabelmente porque as rupturas coa tradición política preexistente foron breves e esmagadas pola forza, e as supostas transicións democráticas, planos ben tramados que nos deixaron no medio dunha dinámica similar á anterior. Da mesma forma que o Estado español do século XVIII non podía apoiar explicitamente a independencia dunhas colonias ansiosas de liberdade sen caer en contradicións coas súas propias colonias, a súa versión do século XXI non pode apoiar a autodeterminación do Saara sen que saian a relucir os trapos sucios de casa, as autodeterminacións negadas, a lei de partidos e a presión centralista sobre os territorios que a día de hoxe nos reivindicamos como nacións.

A responsabilidade contraida polo Estado español co Saara tras unha relación colonial de explotación non debería ser pasada por alto ou ignorada A súa toma por Marrocos no ano 1975, vulnerou toda posibilidade de descolonización e obviou, dun xeito similar a como o fixera co Rif dos bérberes, os dereitos dunha poboación culturalmente diferenciada e que só a ollos dun observador europeo inexperto poderían pasar como parte indiscutíbel do reino de Marrocos. Dun xeito similar a como aconteceu con Timor, os novos imperios apresúranse a recoller as migallas dos vellos. Pero a diferenza con Timor, no caso español non houbo un movemento de esquerdas na metrópole que mantivese vivo o compromiso moral cos antigos territorios ocupados, non houbo nada entre a ditadura fascista e a democracia liberal que marcase unha diferenza política o suficientemente significativa. A poboación do Saara foi deixada absolutamente á valga, en ocasións, como no caso de moitos desprazados, nun auténtico limbo legal ao retirárselle a nacionalidade española sen ter opción a adquirir a marroquí. Ningún goberno de ningún signo tomou activamente o lado dos novos apátridas nin cuestionou dun xeito decidido a soberanía marroquí sobre os territorios anexados, a pesar do consenso que a O.N.U. e a comunidade internacional manifestaban ao respecto. Naturalmente, como xa dixemos, porque os territorios anexados da casa sentirían enormemente o agravio comparativo.

As imaxes correspóndese coa bandeira da República Árabe Saarahuí Democrática, tomada da wikipedia, as dúas tiras cómicas están tomada respectivamente dos blogues de Vergara e Manel Fontdevila.

#Activismo e resistencia

10/11/2010 by marioregueira

A outra visita do Papa

Será que vou vello, pero aínda lembro a visita do Papa que precedeu á deste ano. Xoán Paulo II tiña a ben honrarnos coa súa presenza no verán do ano 1989, focalizada, naturalmente na cidade de Compostela. Pero eu daquela non estaba en Compostela, e nin imaxinaba sequera a importancia que Compostela tería na miña vida. Aos meus dez anos contemplei todo o percorrido papal pola televisión, na casa dos meus bisavós.

Botando contas, a imaxe do papamóbil atravesando a cidade de pedra debe ser a primeira lembranza informativa da miña vida, toda vez que faltaban meses para a caída do muro e a invasión de Panamá, novas que tamén lembro con moita intensidade. E non a lembro por nada. Á miña idade experimentaba o peso da educación cristiá, aínda que é certo que transmitida cunha serie de contradicións que aínda non soubera resolver. Se lembro aquela tarde con nitidez, era porque me impactaba a figura do Papa no meu país, creo que por esa mesma razón estaba parte da familia fronte á televisión, incluída a miña bisavoa, que tiña daquela algo máis de oitenta anos.  Claro que máis me impactou cando esta, para espanto das súas fillas presentes, comezou a insultar a Xoán Paulo II segundo apareceu na pantalla, crecendo en intensidade a cada avance deste sobre chao galego e atopando un certo cumio cando o polaco se atreveu a tatexar unhas palabras na nosa lingua.

A resposta da familia foi máis ou menos unánime: a bisavoa estaba a perder a cabeza. En parte non era falso, na recta final da súa vida, a miña bisavoa acusou problemas dese tipo, porén o daquela tarde tiña un punto pouco habitual, mesmo tendo aquilo en conta. Ela, que sempre se caracterizara por ser unha muller relixiosa, desataba unha furia nunca vista contra aquel outro ancián que vestido de branco atravesaba a capital do seu país nesa mañá de agosto.

Pasaron anos antes de que eu puidese explicar ese e outros feitos. Anos nos que entender a presión que os cregos exerceran sobre a miña familia na inmediata posguerra. Anos para saber que un irmán do meu bisavó fóra acusado polo crego de queimar a igrexa local e enviado sen máis probas a morrer á fronte do Ebro. Tempo no que saber que os propios irmáns dela tiveran que saír do país por enfrontarse ás expropiacións que as forzas franquistas facían esporeadas polos mesmos cregos. Demasiados anos nos que ela e o seu home se erguían os domingos para traballar a terra que daría de comer aos seus fillos, e aturaban en silencio resignado os berros do sacerdote, porque en domingo non se traballaba. Máis anos aínda para entender as outras presións, as que lle amargaron a vida polo simple feito de nacer muller. Aquela tarde de 1989 acabou a paciencia e o silencio, demasiado maior xa como para ter medo de nada, nin sequera desa ameaza de condenación eterna, da que, de existir deus, o polaco tamén non debería estar libre. Cando anos máis tarde o meu bisavó estivo no seu leito de morte tamén rexeitou o confesor todas as veces que, como un corvo que ventase a morte, se lle ofreceu. Finalmente chamouno co último alento para dicirlle que nunca lle fixera mal a ninguén, que se cadra outros non poderían dicir o mesmo.

Rexeitar a visita do máximo representante da Igrexa vai máis aló das cuestións de fe e respecto relixioso á que quixeron reducila. Unha vez máis a súa chegada supuxo o silencio da censura e a violencia da represión. Non se trata do que cada quen, na súa conciencia, poida crer, nin da porcentaxe de xente que supostamente o crea, senón de que o resolvan exactamente a ese nivel: o da súa conciencia, e a ser posíbel cos seus propios cartos. Ningunha fe pode impoñer unha xerarquía que estea por riba da sociedade, nin sequera aos seus propios fieis, e moito menos aos que non o somos. Ningunha fe pode militarizar unha cidade e agredir aos que disenten dos postulados irracionais nos que basea o seu poder. Esa situación xa a vivimos durante demasiados anos e é a causa de que o rastro da Igrexa católica no noso país estea marcado a sangue e lume e forme parte da historia universal da infamia. Unha vez máis tratárannos de tolas, sinxelamente por romper ese silencio, e unha vez máis iso representa un paso adiante, un exemplo que dar ás xeracións vindeiras.

#Activismo e resistencia#Galiza#Mitoloxías

05/11/2010 by marioregueira

As conseguintes relacións de cooperación

01/11/2010 by marioregueira

A festa das cabazas

Pasou o Samaín, ou a noite de Santos, e como vén sendo habitual, o debate sobre a súa autenticidade aínda ocupou algunhas páxinas, xa habituais por estas datas. Por unha banda as celebracións que colectivos e locais sociais fomentaron, por outra os que seguen rexeitándoo como unha importación norteamericana e aínda algúns outros que recoñecéndoa como unha tradición galega alertan contra a súa progresiva americanización.

Non teño suficientes coñecementos antropolóxicos sobre as festas galegas como para lexitimar unha preexistencia do Samaín alén dos anos 70 ou mesmo máis alá da miña primeira experiencia sobre el, no final dos 80. Nunca vin a miña avoa tallando unha cabaza para poñerlle unha vela dentro, pero non é menos certo que tamén non a vin nunca celebrando os Maios, na malla, ou cantando panxoliñas ou cantos de reis. Debo crer, porén á xente que di que o Samaín (a festa das cabazas ou das caliveras), é anterior á miña experiencia directa dela, polo menos tanto como creo a quen afirma a existencia dos Maios nunha tradición anterior. Curiosamente o meu coñecementos da maior parte delas foi similar e foi a través de asociacións culturais que trataban de recuperalas nun contexto no que practicamente desapareceran.

Creo na boa fe da maior parte desas persoas, como creo no testemuño de quen conta que asistiu á fase final desas tradicións e que si viu ás súas nais e avoas tallar cabazas, cantar panxoliñas ou danzar arredor do maio. A fin de contas a maior parte desas tradicións teñen unha orixe precristiá e sobreviviron ocultas baixo festas que a Igrexa católica impuxo para aproveitar a súa popularidade. A festa das cabazas ten un aspecto demoníaco que é dificilmente asumíbel pola cultura cristiá, o que explicaría que só permanecese de xeito minoritario e en zonas illadas.

Pero en calquera caso a preexistencia do Samaín é un elemento que non afecta á miña experiencia del. Dentro desta sempre foi unha celebración vencellada a aspectos políticos e de recuperación cultural onde non tiña ningunha cabida o aspecto mercantilista ou de asimilación imperialista que vai asociado ao Halloween norteamericano. Creo que aínda hoxe é así na maior parte dos casos, a xulgar pola súa presenza en locais sociais, agrupacións culturais e iniciativas persoais pouco sospeitosas de colaboracionismo. Dalgunha forma, aínda se fose, como moitos acusan, un elemento importado da cultura estadounidense, conseguimos que cumprise un obxectivo completamente distinto do que tiña en orixe. A celebración do Samaín refírese a un pasado, pero fala máis do que somos agora que do que fomos en tempos pretéritos, máis do que somos agora que do que os nosos antergos foron, aínda que só sexa porque estes non lle deron nunca un sentido galeguista a algo que só era un rito relixioso pagán.

A relación dos galegos co mito é complexa, probabelmente porque o mito sustenta unha boa parte do que somos, alí onde as estruturas reais fallan. Porén non podemos seguir apuntalando unha parte da nosa identidade nos mitos fundacionais. Unha cousa que caracteriza a unha cultura viva é que se move e toma as súas propias decisións para seguir evoluíndo. Unha cultura é un elemento en permanente construción, se non valora opcións é porque está morta. Dentro desas decisións está, por exemplo, tomar celebracións novas, recuperar outras que caeran en desuso ou rexeitar aspectos que forman parte da tradición pero cos que a xente xa non quere identificarse.

Para min non ten ningunha importancia que a idea de relanzar o Samaín entrase da man da popularización que o cinema norteamericano fixo da festa, como tamén non a ten que a bandeira galega fose en orixe a bandeira da provincia marítima da Coruña ou que a súa estrela vermella nacese como símbolo na guerra civil rusa. A cultura ten que ser un río e non un estanque onde apodrezan as augas, e todas esas cousas son elementos coa suficiente capacidade de convocatoria e identificación como para seguir unindo á nosa xente ao seu redor. Outra cousa é situarnos de novo nos debates da segunda metade do pasado século, onde se defendía, por exemplo, que a música da futura república galega sería unicamente tradicional, dende o momento no que a guitarra era un instrumento estranxeiro e o rock un estilo norteamericano. Non quero pensar toda a riqueza que perderiamos de caer, sequera minimamente, nesa corrente de pensamento.

#Activismo e resistencia#Galiza#Samaín

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies