03/09/2010 by marioregueira

O ruído das máquinas

Sorpréndeume lonxe a nova da semana. Annus horribilis da prensa galega con feches, limitacións e mudanzas inesperadas. En realidade a sorpresa é relativa, só evidencia de que xeito os rumores do último ano se van confirmando pouco a pouco. O pior, en realidade, non é a sorpresa, é a certeza de que, ao contrario doutras veces, o ruxe ruxe é certo e probabelmente aínda nos agarden máis novas deste tipo.

Por outra banda, e se cadra pola proximidade mediterránea, a miña perspectiva da cuestión ten outros matices. Nos últimos días habitei nun país onde, se ben a situación lingüística está lonxe da meta dourada da normalización absoluta (se tal cousa existe), si que formula unha paisaxe que calquera galego envexaría sen ningún problema, e isto tamén non é unha excepción no caso dos medios de comunicación. Dalgunha forma a estrutura piramidal dos medios presupón unha sociedade que os reclame na súa diversidade. Moi dificilmente se dará o caso no que esa diversidade responda ás taifas concretas dun partido político, e moi dificilmente os medios que teñan orientacións tan concretas poderán baixalo até unha minuciosidade que non lles pase factura no respecto e a diversidade do seu propio público. Naturalmente que existen outras causas de peso, pero o contacto e a supervivencia dun medio debería depender en primeiro lugar do seu público, sexa real ou potencial.

Teño diante de min un exemplar da revista Sapiens, un revista mensual de historia editada integramente en catalán. Aínda que o proxecto xa debe ter o seu tempo (o deste mes é o número 95), para min é algo máis que unha revista. Semella un animal mitolóxico e representa dende a miña fascinación de neófito parte daquilo que sempre soñei para o meu país. Especialmente agora que resoan os ecos das portas a fecharse e das rotativas parando de traballar significa tamén para min unha chamada á reflexión. Qué falla e qué cousas estamos facendo tan mal para non poder manter sequera un portal web ou un semanario impreso. E a resposta intuitiva devólveme a esa sociedade á que moitas veces se culpa de todos os males do país, a que vota e se trabuca, a que perde case sen decatarse e case ao mesmo tempo os seus montes e o seu espazo civil, a que fracasa, e da que ninguén se decata de que para fracasar é necesario tentar primeiro outra cousa que non sexa o fracaso. Non penso nela cunha solución na mao, só penso nela porque sei que máis aló dos reis de taifas e os seus pregoeiros, será (ou non) a que bote a andar outra vez as máquinas, e a que salve (ou non) a nosa lingua das alancadas exterminadoras do mal goberno que nos asombra. E se cadra só por iso mereza máis preocupacións, esforzos e alento que todo o trebón que este ano nos deixa.

#Activismo e resistencia#Galiza#Lingua

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies