05/05/2010 by marioregueira

Os exploradores volven á casa

Lembro que nas adicatorias do libro de Ronseltz figuraba, entre moitas outras brincadeiras, un “A Suso de Toro, Cabeza de Vaca“. Fose á mantenta ou non, o certo é que un dos papeis nos que este autor teimou sempre en caracterizarse foi o de explorador. Exploración literaria, pero tamén vital, é necesario un certo valor e ser un pouco arroutado para decidirse a facer da escrita profesional un medio de vida. Ás veces tamén se precisa dun estómago forte para aturar a servidumes que esta dependencia económica pode chegar a producir. Hai un par de semanas o explorador dixo basta, as súas razóns están sobradamente explicadas aquí, aínda que supoño que moitas outras se foron engadindo polo camiño e cada quen lle dará a súa propia interpretación. A situación de Suso non é importante só polo que atinxe a un dos autores cunha traxectoria máis sólida da nosa cultura, é tamén unha forma de tomar o pulso á nosa literatura e ver que vitorias e derrotas, que perspectiva de futuro ou falta del nos agarda para os vindeiros anos. Das explicacións de Suso chámanme a atención dous focos, o primeiro a decadencia da figura do autor nos nosos tempos, a segunda, as características conxunturais da literatura galega. Creo que son dous campos completamente distintos, e que o segundo e infinitamente máis determinante que o segundo.

Non creo que se poida falar de crise do autor nun momento histórico no que o número de autores aumentou exponencialmente. Alén diso, a minusvaloración relativa de determinadas figuras de autoridade debería ser vista como algo positivo, a capacidade crítica da sociedade é un obxectivo polo que se traballou durante moito tempo e agora existen outros vieiros para que sexa efectiva. Pensar que alguén debe ter autoridade alén da autoridade literaria polo simple feito de ser escritor era unha candidez que xerou e segue xerando moitos monstros mediáticos que hoxe sufrimos. É ben superala e devolver a autoridade ao xuízo persoal da cada quen. Para min hai moitos autores literarios que serán sempre unha referencia clarividente en moitos outros eidos, pola contra hai moitos aos que admiro como escritores que moitas veces desexaría que se centrasen unicamente niso. Non creo nese caos no que xa nada ten valor, creo que as estruturas de valorización son moito máis subxectivas e impugnábeis que antes, algo que me congratula porque implica que, se queremos, somos menos manipulábeis que antes.

Paralelamente a isto existe a perspectiva colonial. O escritor galego é un autor entre dúas terras de ninguén, entre dous fogos cruzados. Nin o Estado español asume a promoción das súas linguas periféricas, nin, no noso caso, a Comunidade Autónoma o fai. Nese sentido a figura do explorador está absolutamente abandonada e volve unha outra vez a ser unha cuestión de simple voluntarismo. E non se conseguiu pouco con ese voluntarismo, porén a sensación é que temos unha cultura enorme e frondosa que segue a ser inexpugnábel para boa parte da nosa sociedade. E con eses presupostos é moi complicado que poidamos ter peso tamén fóra. Un Paul Auster, un Ian McEwan ou unha Zadie Smith son perfectamente posíbeis no noso país, sobran candidat@s, o que faltan son medios. Para conseguir que alguén poida adicarse en exclusiva á titánica tarefa de escribir novelas e para conseguir apoio institucional que permita o investimento de publicalas e publicitalas fóra do noso contexto cultural. Falaba Calveiro da responsabilidade común da sociedade nestas cousas, pero iso non deixa de parecerme apostar de novo polo voluntarismo, que xa digo que é moi importante, pero que non deixa de ser un parche temporal que evidencia unha tremenda carencia de estruturas. A cultura galega non sobrevivirá (só) co bo facer, a conscienciación e as boas intencións da xente, sobrevivirá con medidas que garantan a súa igualdade de oportunidades nun contexto que non deixa de ser unha competición.

E non falo de subvencións no sentido da política que se estivo facendo até o de agora, falo, por exemplo, de apoio á promoción e a publicidade, ou de estruturas e institucións que permitan e fomenten o debate e o coñecemento das obras, mesmo alén das nosas fronteiras. Os autores que contan cun estado que respalda a súa lingua teñen todo iso, aínda que o teñan tan integrado na súa normalidade  que dende fóra poida parecer que decide o mercado ou a excelencia literaria. Pero non é certo, a determinados niveis, na literatura, como na lingua, decide a política, e o maior logro da política é parecer integrada na naturalidade das cousas. A ninguén lle estraña que o cinema español teña presenza nas salas e apoio das institucións, curiosamente tamén non lle estraña a ninguén que practicamente non haxa cinema en galego e que o que hai moitas veces non poida verse nas salas. Os logros da política, esconder a desigualdade tras unha aprente normalidade.

A retirada profesional de Suso representa unha mala noticia, se cadra a punta do iceberg doutras malas noticias que non vemos. A das persoas que renucian xa de entrada a comezar a súa carreira literaria en galego, a dos libros que seguirán sendo xoias escondidas, a dos que pensan que a literatura galega é só Rosalia, a da xente que non atopa cultura popular ou referentes na súa lingua…Os exploradores volven á casa, e a casa, paradoxalmente, segue a ser unha inmensa cidade escondida na que ninguén sabe que vivimos.

#Activismo e resistencia#Creación#Galiza#Lectura#Literatura

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies